No 1957 aprobouse o Decreto de 23 de decembro de 1957 (pdf) (BOE n. 17, de 20.1.58), unha norma que seguía as directrices internacionais en materia de bibliotecas e que tiña como obxectivo conservar o patrimonio bibliográfico do país coa fin de facer posible que a cidadanía puidera dispor del no futuro. O mecanismo que se ideou para asegurar a dita conservación foi obligar ao impresores a depositar certo número de exemplares de cada publicación en distintas Bibliotecas Públicas do Estado.
Desgraciadamente, con respecto ao material anterior ao 1957, non está garantida a existencia de obras suficientes para a súa preservación polo que as bibliotecas establecemos para el condicións especiais de almacenamento e préstamo. No noso caso, están ubicados no depósito e o seu réxime de préstamo é de consulta en sala.
No caso dos documentos posteriores a 1957 tamén os atopamos que precisan dunha ubicación e/ou réxime específico debido a estar descatalogados. Iso significa que, no caso de se extraviar ou se deteriorar o documento, sería complicado, caro e ás veces ata imposible repoñelo. É por iso que algúns deles están en acceso restrinxido.
Algunhas obras clásicas ubícanse no depósito debido a que na sala dámoslle preferencia aos documentos de publicación máis recente.
Na colección temos documentos que por distintos motivos presentan un baixo índice de uso (o que non significa que teñan pouco valor informativo). Nalgúns casos trátase de edicións antigas (as máis recentes as podedes atopar na sala), noutros trátase de material que quedou obsoleto pola evolución das materias e noutros son documentos aínda perfectamente válidos pero que non chaman a atención do usuario pola data de publicación ou por descoñecemento.
Unha das nosas principais misións como biblioteca é asegurarnos de que o material que vos ofrecemos satisfaga as vosas necesidades de información, polo que tratamos de reducir ao mínimo o número de documentos sin préstamos. Para iso realizamos un traballo concienciudo de selección antes de adquirir o material, xa sexa a través de compra, doazón, etc...