EXPOSICIÓN HERITAGERS - Unha reflexión sobre o patrimonio arquitectónico e o turismo

Datas: 15 de decembro – 26 de xaneiro do 2023

O venres 15 de decembro, ás 19 horas, inaugúrase a exposición Heritagers que terá lugar na Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.  

Unha mostra ideada e comisariada polo arquitecto Fernando Agrasar (col. COAG nº1394), cun equipo integrado por Laura del Monte, Beatriz Ascanio, Aldara García e Cecilia Martínez –estudantes do Máster Universitario de Arquitectura–, a partir do proxecto realizado nos IV Encontros Residencia Artística no Pazo de Mariñán, do verán de 2023.

HERITAGERS propón unha reflexión sobre o patrimonio arquitectónico e o turismo, sobre a progresiva banalización do patrimonio construído e a súa transformación en ben de consumo.

A industria turística supón un importante impacto económico no noso país (61% do crecemento da economía española en 2023, cunha aportación ao PIB do 12,2%, próximo aos 160.000 millóns de euros, segundo Exceltur). A mesma fonte sinala que estes porcentaxes son só lixeiramente menores en Galicia, amosando un rápido crecemento, e supoñendo un 10,4% do PIB galego e un 11% do emprego. Este poderoso motor económico está impulsado por unha serie de atractivos entre os que se atopa o noso patrimonio construído. Heritagers propón unha reflexión sobre a súa consideración como ben de consumo, cun forte impacto nos procesos de conservación, recuperación e xestión.

A mostra está integrada por unha selección de 10 imaxes tomadas no Pazo de Mariñán e na sede da Real Academia Galega de Belas Artes. As composicións foron realizadas no verán de 2023 durante os IV Encontros Residencia Artística no Pazo de Mariñan, organizados pola Real Academia Galega de Belas Artes e acollidos pola Deputación da Coruña. As imaxes da mostra, parcialmente alteradas dixitalmente, exhíbense en gran formato e acompañadas por unha serie de citas alusivas. Heritagers convida aos visitantes da mostra a compartir unha reflexión, irónica e transgresora, sobre o fenómeno contemporáneo do consumo turístico do patrimonio construído.  

HORARIO:

A exposición poderá visitarse en horario de apertura do COAG até o 25 de xaneiro. 

LUGAR:

COAG A Coruña

Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

FINANCIA:

Concellería de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda do Concello da Coruña

PROXECTO ORIXINAL ENMARCADO EN:

IV Encontros Residencia Artística no Pazo de Mariñán

PROXECTO ORIXINAL APOIADO POR:

Real Academia Galega de Belas Artes, RAGBA

Deputación de A Coruña

COLABORAN:

Asociación cultural Flor de Santiago

Análise de Formas Arquitectónicas: 50 anos debuxando Coruña

A partir do día 4 outubro, na planta -1 da Escola Técnica Superior de Arquitectura, celébrase a exposición Análise de Formas Arquitectónicas: 50 ANOS DEBUXANDO CORUÑA.

Os 50 debuxos que se expoñen non só fan homenaxe ao aniversario da ETSAC polo 50 aniversario da súa creación.

En primeiro lugar, debe servir de recordo e recoñecemento a todos os docentes (1) que pasaron pola materia de A.F.A. (Análise de Formas Arquitectónicas). Aos que se xubilaron, aos que xa non dan clase e aos que tristemente xa non están connosco: Xosé Luis Pérez Franco e, moi especialmente, ao primeiro profesor Titular de A.F.A. e membro do primeiro claustro de profesores da ETSAC, Carlos Fernández-Gago Varela. A maioría dos debuxos aquí expostos son dos cartafoles de debuxos que, Carolo, seleccionaba e gardaba todos os anos ao final de curso para a súa idea dunha publicación sobre "A Coruña debuxada polos alumnos de Arquitectura", aspiración lamentablemente truncada polo seu prematuro falecemento.

Por suposto, estes 50 debuxos e os seus autores (2), serven de homenaxe a todo o alumnado que pasou pola materia e que inevitablemente tiveron que superala, con maior ou menor esforzo, para alcanzar o seu título de Arquitecto. Unha materia que non só serve para alcanzar unha determinada habilidade gráfica senón que ao mesmo tempo ensina a observar a arquitectura, primeiro paso para representala e poder analizala para obter a necesaria aprendizaxe tanto de edificios como de espazos urbanos.

Ao seleccionar os debuxos centrámonos no debuxo da contorna urbana, pero na materia sempre houbo máis metodoloxías: debuxo de estatua, cambio de punto de vista, debuxo de imaxinación, debuxos de ideación, etc. Pero a metodoloxía pola que mellor se recoñece ao alumnado da escola é a do debuxo do natural da escena urbana. E loxicamente a cidade sede da escola, A Coruña, é o contexto urbano máis inmediato e máis utilizado para debuxar, aínda que en ocasións recorreuse a viaxes para debuxar outras cidades: Betanzos, Santiago, Porto, Roma...

Nos debuxos podemos contemplar espazos que permanecen, outros que foron transfigurados e outros nos que o simple paso do tempo e a substitución duns edificios por outros, máis modernos aínda que ás veces non necesariamente mellores que os anteriores, permiten entender a cidade como un ser vivo en constante evolución.

Por último, a selección de debuxos pensouse, inevitablemente, de maneira didáctica tanto para alumnos como para responsables académicos. Os cambios de plan de estudos obrigados por Bolonia cambiaron a maneira en que afrontamos a docencia de Análise de Formas Arquitectónicas. Obrigóusenos a unha estrutura cuadrimestral que impide unha maduración gráfica pausada do alumnado que permita obter uns debuxos tan magnificamente acabados como algúns dos que podemos contemplar nesta exposición. O alumnado debe aprender que alcanzar algúns resultados como os que aquí se mostran é cuestión de paciencia e lume lento... Urxe, por tanto, un cambio de plan que permita corrixir os desaxustes detectados no campo da representación gráfica e volver ao lume lento, garantía dos mellores resultados.

Non obstante o anterior, seguiremos usando A Coruña como aula, a mellor. Sempre limitados polo noso clima, o mellor, pero encantados de encher beirarrúas e rúas para que os alumnos aprendan e, na medida do posible, gozando do debuxo,... o mellor.

 

(1) Relación cronolóxica de profesores da materia: Carlos Fernández-Gago Varela (✞) | Jesús Arsenio Díaz García | Arturo Franco Taboada | Miguel Ángel Pérez Cid | Antonio Desmónts Basilio | Pablo Tomé Ferreiro | María Antonia Pérez Naya | Jesús Álvarez Flórez | Eduardo A. Caridad Yáñez | Xosé Luis Pérez Franco (✞) | Doce Porto, Juan Manuel | Carlos Mantiñán Campos | Fraga López, Francisco Javier | Fraga López, Fernando | Paula Fernández-Gago Longueira

 

(2) Relación de alumnos autores dos debuxos expostos Panel 1: Iglesias Vaamonde, Paula | Fuentelsaz Franganillo, Luis | Docampo Diéguez, Juan | Autor desconocido - Plaza María Pita (a color) | Autor desconocido - Plaza María Pita (a tinta) Panel 2: Vázquez Sánchez, Julia | Couselo Fernández, Antonio | Arteaga Ríos, Fernando | Crego Martínez, José Panel 3: Mantiñán Barral, Andrea | del Canto Álvarez, Francisco Javier | Díez Flórez, Fernando | Río González, David | Campos Sendón, Carlos Panel 4: Arias Montes, Josefa | Iglesias Vaamonde, Paula | Ferreiro Lorenzo, Pablo | Astudillo Cortés, Pablo | Autor desconocido - Iglesia de San Jorge Panel 5: Araujo Lazone, Hugo | Estany Garea, David Arias ¿?, Marcos | Fernández Ruiz, José Carlos | Fernández González, Juan Carlos Panel 6: Iglesias Vaamonde, Paula | Crecente Dapena, Eva | Villameriel Pérez, María José | Esteve Cambra, José Ramón Cartón Pluma 1: Álvarez Rodríguez, Amanda | Agra Romaní, Emma | Río González, David Cartón Pluma 2: Baltar Domínguez, Ramón | Álvarez Montero, Jose R. Cartón Pluma 3: Rodríguez Barros, Pablo | Álvarez Rodríguez, José Carlos Cartón Pluma 4: Campos Sendón, Carlos | Alvarado Peitieros, Sonia Cartón Pluma 5: García Calvo, Anna María | Calvelo Álvarez, Diego Cartón Pluma 6: Campos Sendón, Carlos | Crego Martínez, José Cartón Pluma 7: Cobelo López, Enrique | Álvarez Rodríguez, Amanda Cartón Pluma 8: Cebreriro Cabarcos, Jorge | Domínguez Díaz, Javier Cartón Pluma 9: Carvajal Rodríguez-Cadarso, David | Santamarta Gómez, Diego Cartón Pluma 10: Barros Guertón, J. | Carro Patiño, Iago | Conde Villar, Arturo J.

 

Concurso Carteles "Mulleres na Bauhaus"

Outono - Inverno 2019

Neste ano 2019 celebrase o Centenario da Bauhaus, a Escola Superior de Deseño que revolucionou a arte, o pensamento e a arquitectura do século XX. Creada no ano 1919 polo arquitecto e urbanista Walter Gropius en Weimar (Alemania) e pechada polo partido nazi no ano 1933.
Esta celebración será un dos grandes eventos culturáis do ano, e contará con importantes exhibicións en varias cidades de Alemania e tamén noutros países como  Xapón, Rusia, China, Brasil, etc.
Na Biblioteca fixemos unha pequena exposición sobre a Bauhaus con fondos da biblioteca, podedes pasar a visitala.

Madera - Héctor Santos-Díez

Outubro - Novembro 2019

Está na Biblioteca a exposición “Madera” de HÉCTOR SANTOS-DÍEZ, fotografías de arquitectura cuxo tema central é a madeira.
Héctor, ex- alumno da nosa Escola, non chegou a completar os estudos, polo que a Arquitectura perdeu un futuro bo arquitecto pero gañou un excelente fotógrafo, a súa verdadeira paixón.
En Galicia os arquitectos que queiran ter un bo portfolio das súas obras adoitan recorrer a Héctor. Entre eles, por suposto, moitos profesores e exalumnos da nosa Escola.
A lista de publicacións de Héctor en revistas ( Tectónica, Detail, Casabella, AV ...), en xornais (El País, La Voz de Galicia, Faro de Vigo ...), en editoriais ( Taschen, Loft, Pencil, COAG...) e en publicacións dixitais é innumerable.
Atopámonos ante o mellor fotógrafo de arquitectura de Galicia e un dos mellores de España.

Dia da Muller

8 de marzo de 2018

Arquitectas. Bibliotecarias. Costureiras. Detectives. Enfermeiras. Fareiras. Gruístas. Horticultoras. Intelectuáis. Labregas. Mestras. Novelistas. Oceanógrafas. Percebeiras. Queixeiras. Restauradoras. Secretarias. Traballadoras no fogar. Urólogas. Viticultoras. Xornalistas. Zapateiras ...e moitas máis.

 

 

 

Construtivismo

Outono 2017

 Día da Biblioteca, 24 de outubro do 2017, para celebralo a Biblioteca inaugura unha  exposición sobre o CONSTRUCTIVISMO a o fío do ciclo que sobre este tema está a  desenvolverse na Real Academia de Belas Artes.

Ademáis dos fondos propios da Biblioteca, o profesor Celestino García Braña prestou libros da súa propia colección para que puideran verse nesta exposición.

 O constructivismo aparece como un movemento creativo que foi moi eficaz para dar resposta as novas necesidades que xurdiron nas cidades rusas desde a Revolución de Outubro. Un movemento de marcado carácter social que acabou có xurdimento do monumental realismo socialista, por considerar os ideólogos soviéticos que o realismo era máis eficaz que a abstracción nun país con gran taxa de analfabetismo. Chegou a ser unha icona da URSS, o movemento artístico ruso máis coñecido en Occidente e unha referencia clara para outras manifestacións artísticas posteriores como o cubismo ou o minimalismo, pero sobre todo para a arquitectura racionalista de Le Corbussier e a Bauhaus de Gropius.

Please edit this content section.

Mulleres nas bibliotecas da UDC

Primaveira 2014

Con motivo do Día Internacional da Muller, e por segundo ano consecutivo, a Universidade realiza unha serie de actividades conmemorativas. Entre estas actividades destaca unha exposición bibliográfica adicada a mulleres que traballaron e traballan nos distintos eidos da Ciencia, Tecnoloxía, Cultura e Arte.
Esta exposición bibliográfica, na que colabora esta biblioteca, inaugurarase hoxe 5 de marzo e permanecerá ata o día 28. Cada biblioteca participante céntrase en tres mulleres que destacaron no seu campo.
Na Biblioteca de Arquitectura as mulleres que seleccionamos este ano son:
Charlotte Perriand (1903- 1999, Francia ) é unha das arquitectas e diseñadoras máis influyentes do movemento modernista , introduciu a estética da “idade da máquina” aos interiores mediante obxectos decorativos utilizando materiais como aluminio, vidro e aceiro.

Denise Scott Brown (1931, Zambia) é unha arquitecta, urbanista, escritora, profesora e socia do Estudo Venturi-Scott Brown & Associates en Filadelfia. Xunto co seu marido e socio, o arquitecto Robert Venturi, son considerados entre os máis influintes arquitectos do século XX, tanto pola súa actividade como proyectistas como polos seus escritos teóricos e os seus ensinos.
Matilde Ucelay Maórtua,(1912-2008, Madrid) primeira muller co título de arquitecto en España, profesión que exerceu durante máis de 40 anos e cuxa traxectoria foi merecedora do Premio Nacional de Arquitectura en 2004.

De todas elas podedes atopar ampla bibliografía no catálogo da UDC, agás de Matilde Ucelay da que tense publicado moi pouco da súa obra.

Arquitectura e urbanismo no Caribe

Outono 2013

O profesor Plácido Lizancos Mora presentou hoxe a exposición "ÁNGULOS DE SANTO DOMINGO: a cidade colonial vista nas súas dobreces" na área de exposicións da bibilioteca.
Unha selección de fotografías que nos mostran "todolos cantos" desta cidade.
Paralelamente a esta exposición a Biblioteca realiza unha mostra bibliográfica con fondos sobre arquitectura e urbanismo no Caribe. Nela podense ver mostras de arquitectura recente xunto con informacións sobre arquitectura colonial.

 

En que estado quedarán?

Outono 2012

É o titulo da exposición coa que inauguramos este curso 2012 -13 e que nos acompañará ata o 31de outubro. 
Esta mostra parte dunha invitación que fixeron artistas portuguesas de gravado a un grupo de artistas galegos a participar na creación individual dun libro de artista con probas de gravado que despois será intervido por cada un dous artistas participantes. Asi cada obra pasa a ser produto dunha creación colectiva.

Os artistas son : Miriam Rodrigues, Manoel Bonabal, Teresa Pedroso, Begoña Pastoriza, Renata Carneiro, Paz Vicente, Carmen Cierto, Julia Pintao, Inma Doval e Ceu Costa.
Paralelamente na biblioteca fixemos unha selección de libros sobre gravado que temos no noso fondo.

 

Vicente Risco : Etnografía espiritual

Primaveira 2012

Este é o titulo da nosa nova exposición na biblioteca. Escollimos o día de hoxe para súa inauguración por coincidir co día do libro e asi deste modo contribuir a celebración deste día tan importante.
Esta obra de Risco forma parte do volume primeiro da famosa Historia de Galicia dirixida por Otero Pedrayo publicada en Bos aires pola editorial Nós en 1962. A que agora vos presentamos é unha nova edición desta obra a que acompañan sete serigrafías de Alfonso Abelenda, Correa Corredoira, Gosia Trebacz.
Como complemento da exposicíon fixemos unha apunta bibliográfica sobre etnografía en Galicia e ademáis engadimos algunhas das serigrafías que aparecen na obra "Etnografía :cultura material de Xaquín Lorenzo Fernández da cal xa fixemos anteriormente outra exposición na biblioteca.
Con estas actividades pretendemos difundir o rico catalogo bibliografico que posúe a biblioteca e que por motivos de conservacion non pode estar na sala para consulta directa

Eduardo Chillida. Sobre lo que no sé

Inverno 2011/2012

Na biblioteca preparamos unha pequena exposición cunha selección dalguns dos dibuxos que compoñen esta obra de Eduardo Chillida co afán de dar difusión a fondos que por non poder estar en acceso libre podan ser contemplados por todos os nosos usuarios.
Esta obra recolle en tres libros todos os escritos que Chillida realizou ao longo da súa vida acompañados por 60 reproducións facsimilares de debuxos seleccionados polo Museo Chillida-Leku. Máis información pódese atopar na web da obra.