Inicia a andadura profesional como educadora, traballando durante 16 anos (1985-2001) en dous centros destinados a menores en conflito social e dependentes da Xunta de Galicia.
Doutora en Psicopedagoxía, incorpórase á Facultade de Ciencias da Educación da UDC no curso 1997-1998, onde continúa na actualidade. Imparte docencia fundamentalmente no título do Grao en Educación social, por encargo do Departamento de Pedagoxía e Didáctica, na área de Teoría e Historia da Educación.
As temáticas abordadas na docencia e investigación, estreitamente vencelladas coa súa experiencia profesional anterior, xiran sobre dous eixos prioritarios: os efectos do fracaso escolar nas identidades adolescentes -especialmente sobre dos menores en conflito social-, e as relacións entre xénero, igualdade e educación. O compromiso crítico cara o poder, as desigualdades sociais e a institucionalización de privilexios, constitúen o seu traballo habitual, parte importante da súa vida.
Foi directora do Servizo de Asesoramento e Promoción do Estudante da UDC (2004 -2008) e vicedecana de Practicum na Facultade de Ciencias da Educación nos catro anos seguintes. Na actualidade exerce como decana nesta Facultade.