Fisterras Atlánticas

Nova publicación dos membros de Amergin

Fisterras Atlánticas. Finisterres Atlánticos. Atlantic FInisterres (editado por Antonio R. de Toro Santos y Miguel Alonso Giráldez)

O libro/barco

José Miguel Giráldez

2020/09/27

NO atardecer do venres 26 de setembro as nubes amoreábanse como un castelo sobre o porto pesqueiro da Coruña, tamén apareceu unha choiva racheada, pero iso non foi un obstáculo para que un grupo de poetas e tradutores se embarcaran no Primero Villar, non para iniciar unha travesía real polo Atlántico, senón unha travesía literaria.

Foi un momento máxico. Levabamos baixo o brazo, recentemente saído do prelo, un volume de poemas (e algún texto en prosa) de máis de 250 páxinas que, en realidade, era un cofre cun tesouro no seu interior: 39 autores galegos e irlandeses. É un libro sobre o océano. Sobre a relación das persoas co mar, como lugar simbólico e metafórico, como territorio do fin do mundo, pero tamén como roteiro doméstico, no que as ideas, a arte e as mercadorías circularon entre ondas embravecidas e naufraxios abundantes desde a Prehistoria. A presenza do Atlántico moldea a cotío a nosa vida, como a vida dos irlandeses, constrúe o noso carácter, mais tamén a nosa maneira de ver o mundo. Somos fillos do mar.

Foi unha presentación sen público, por mor da pandemia, pero o mar ollaba para nós con atención no crepúsculo levemente chuvioso, entre aparellos e barcos adormentados. O Primero Villar é o barco dun poeta, Xosé Iglesias, que tamén está incluído nesta antoloxía. Hai non moito tempo logrou gran predicamento pola súa defensa poética de pescadores e mariños. Os seus poemas mestúranse cunha mirada escéptica sobre o futuro do mar. Alí estivo Iglesias, como patrón, e alí abordamos o barco para atender as gravacións de vídeo de Xaco de Toro, experto nesas artes visuais como poucos. O seu pai, o profesor Antonio de Toro, é, xunto a quen isto escribe, o compilador deste tesouro da poesía galega e irlandesa, felizmente reunida e publicada agora en tres linguas (galego, castelán e inglés). Un libro singular que chega cabalgando sobre un océano que sempre pareceu a boca do fin do mundo, pero que, en realidade, é a nosa casa.

Nesta viaxe imaxinaria a bordo do Primero Villar os poetas recitaron os seus versos como Amergin fixera, cando chegou, talvez, ao oeste de Irlanda, navegando desde esta mesma costa, e invocou ao océano para que acougase. Esa descrición mítica ilustra á perfección o intenso significado do Atlántico: o sentimento dunha comunidade, como di Evans, que se fai patente nas lendas, pero tamén na vida doméstica. Era daquela o final do mundo, o territorio sacro e misterioso que, con todo, moitos se atrevían a navegar. Esa herdanza atlántica segue funcionando hoxe, e crea unha poderosa idea de identidade que vai máis aló das fronteiras oficiais. O Atlántico inspirou por igual a exploradores e poetas.

O libro chámase ‘Fisterras Atlánticas’. A poeta de Corme, Diana Varela, unha das editoras de Medulia, falou da emoción que lle producía sacar á luz un libro así, que reúne o espírito de dous pobos. Manuel Rivas dixo que o libro era en realidade un libro/barco e Xurxo Souto fixo soar a bugina. David Clark, un dos tradutores, leu en inglés a Paddy Bushe, un dos inspiradores do libro. E un dos poetas mariñeiros, Rivadulla Corcón, nado en Muxía, deixou constancia da súa gran paixón polo océano, como o fai cada semana nos seus imprescindibles programas da televisión autonómica. O libro/barco parte desde o cabo do mundo: avante toda!

 

Editorial Medulia: páxina web, páxina en Facebook e páxina en Twitter.

Librería Follas Novas

Librería Biblos

todostuslibros

 

Reseña escrita por Paco López-Barxas

Reseña escrita por Vicente Araguas

Video presentación