O RUC é o repositorio institucional da UDC. Ofrece acceso aberto ao texto completo de documentos orixinais creados polos membros da UDC no seu labor institucional, de investigación e docencia. O seu obxectivo é dar maior visibilidade a estas publicacións e asegurar a súa preservación e accesibilidade.
Depositar a produción científica nun repositorio institucional, temático ou xeneralista é unha obriga legal para certo tipo de documentos científicos desde hai anos coa fin de fomentar a ciencia aberta e, para cumprir con esta lexislación, as recentes convocatorias (desde 2023) de sexenios e acreditacións establecen o depósito nun repositorio como requisito para presentarse a elas.
Esta obriga afecta a:
Segundo a Sección I.5. dos Criterios para a avaliación da actividade investigadora do CNEAI:
Requerirase o depósito dos resultados da investigación que se sometan a avaliación en repositorios institucionais, temáticos ou xeneralistas de acceso aberto, incluíndo un identificador persistente (DOI, Handle, ARK, SWHID, ou, en xeral, unha URI/URL única permanente).
Depositar no RUC proporciona un handle, que é un dos tipos de identificador persistente que se require para cada aportación na solicitude. Este handle incluirase no campo de "Indicios de calidade" do formulario de solicitude.
As últimas convocatorias de sexenios e acreditacións indican o seguinte:
No caso das publicacións académicas, sexan en formato artigo, libro ou capítulo de libro, as persoas solicitantes deberán aportar evidencia de ter depositado unha copia da versión final da aportación aceptada para publicación nun repositorio da súa institución ou nun repositorio temático ou xeneralista de acceso aberto.
Ademais, será conveniente depositalas o antes posible para así mellorar as estatísticas de uso e lectura, que agora tamén se teñen en conta para valorar o impacto científico do traballo.
NOTA IMPORTANTE: Por suposto, publicar nunha páxina persoal, dun grupo de investigación ou en redes sociais científicas (ResearchGate, Academia.edu, etc.), non equivale ao depósito nun repositorio científico.
Pódense depositar as versións aceptadas, é dicir, as posteriores á revisión por pares, o cal implica que pode ser o postprint (sen maquetar) ou a versión final (coa maquetación da revista) se a editorial o permite. Debemos enlazar á versión do editor en calquera dos casos.
Porén, para cumplir cos requisitos das convocatorias de avaliación da calidade da investigación non é suficiente con depositar unha versión preprint (anterior á revisión por pares).
Para as convocatorias de sexenios e acreditacións, segundo a ANECA:
O depósito poderá facerse en acceso aberto, acceso restrinxido, embargado ou con acceso só aos metadatos, respectando en todos os casos a xestión de dereitos de autoría amparada polo marco legal vixente no momento da publicación.
Por tanto, como se pode ler é imprescindible depositar os traballos no repositorio (por exemplo no RUC), pero debido a que nos atopamos nunha etapa de transición, nalgúns casos non é necesario que se faga en aberto, xa que por razón de dereitos de autor, non será posible facelo debido ás licenzas previamente asinadas (consultádenos ante calquera dúbida neste punto).
Así e todo, aínda que non é obrigatorio depositar en aberto, para as ditas convocatorias esta condición puntúa no baremo un 10% (apartado de contribución á ciencia aberta), polo que é aconsellable facer por publicar en editoriais ou revistas que permitan o acceso aberto ou o uso de licenzas Creative commons non exclusivas. No caso das revistas, as recomendadas son as revistas diamante (DOAJ).
Os autores poden realizar o depósito de maneira directa a través do autoarquivo, pero recomendamos que escollades como forma de depósito o arquivo delegado que autoriza á biblioteca a facelo no seu nome.
Dende a Biblioteca de Dereito poñémonos á vosa disposición a través do noso correo electrónico biblioteca.dereito@udc.gal para que nos fagades chegar as vosas solicitudes de subida ao RUC dos vosos traballos.
Teredes que acompañar a solicitude dunha autorización para que fagamos a subida. Esta autorización pode ser unha autorización permanente (unha vez asinada nos autorizades a subir paulatinamente a vosa produción científica), ou unha autorización puntual para un ou varios documentos.
Tanto se o autor sube o documento de maneira autónoma como asistida (arquivo delegado) deberá aceptar unha licenza de distribución non exclusiva pola que se autoriza ao RUC a arquivar, difundir en aberto e preservar o/os documento/os, pola cal os/as autores/as manteñen todos os seus dereitos.
No caso das teses, o Servizo de Biblioteca encárgase do depositar aquelas que lle son enviadas pola Escola Internacional de Doutoramento (EIDUDC) (as que deben arquivarse obrigatoriamente por lei) sen que os/as autores/as necesiten facer solicitude algunha.
Consulta a nosa infoguía sobre o RUC para ampliar información.