Co obxectivo xeral de contribuír á mellora da calidade do ensino e á renovación do modelo educativo nos títulos oficiais de grao e mestrado da nosa universidade, a Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente (VOAID) adopta o compromiso de recoñecer e fomentar o labor realizado por todos aqueles grupos que contribúan a implantar experiencias innovadoras nas súas prácticas docentes, a través da creación de Grupos de Innovación Docente (GID). Esta iniciativa ten como propósitos os seguintes:
- Promover a participación do profesorado en accións de innovación educativa.
- Fomentar o traballo colaborativo e interdisciplinar mediante asociacións estables de profesores que favorezan a actualización permanente e o desenvolvemento profesional docente.
- Darlles unha maior proxección e difusión ás actividades de innovación educativa da UDC para adquirir unha maior presenza nos foros educativos nacionais e internacionais.
- Mellorar o impacto dos procesos de ensino-aprendizaxe e, en xeral, a calidade do ensino impartido na UDC.