
A Unidade de Teleformación (UDConTIC) é un servizo do CUFIE, dependente da Vicerreitoría de Titulación e Internacionalización, que ten como misión fundamental a de prestar apoio a todas aquelas accións relacionadas co ámbito da teleformación dentro da UDC. Entre as súas liñas de traballo e actuación, recóllense tamén as de contribuír a dar impulso á innovación educativa e á integración das tecnoloxías da información e as comunicacións no proceso de ensino-aprendizaxe dentro das distintas titulacións da UDC.
Por conseguinte, a UDConTIC ten o reto de traballar para acadar os seguintes obxectivos:
- Xestionar aqueles cursos do plan de formación do CUFIE que se impartan en modalidade virtual ou semipresencial.
- Dar soporte metodolóxico ás accións relacionadas co ámbito da teleformación.
- Promover o deseño de proxectos e accións formativas de apoio á docencia semipresencial.
- Promover a integración das tecnoloxías educativas na actividade docente.
- Facilitar a actualización constante do profesorado universitario para a adquisición e mellora das súas competencias dixitais.
- Impulsar a creación, desenvolvemento e difusión de proxectos de innovación educativa entre a comunidade universitaria.
Asimesmo, a UDConTIC terá entre as súas funcións as seguintes:
- Facilitar mediante accións formativas e materiais creados ao efecto o proceso de virtualización de materias e/ou títulos da UDC.
- Ofrecer asesoramento e formación aos docentes para a creación dos seus propios materiais didácticos multimedia para a aprendizaxe.
- Dar soporte metodolóxico á virtualización e á implementación de contidos de aprendizaxe nas plataformas institucionais da UDC.
- Prestar apoio ao desenvolvemento e a difusión de proxectos de innovación educativa
- Dar soporte á creación de materiais audiovisuais para a docencia e a difusión da innovación.