Presentación

A Unidade de Formación e Asesoramento (UFA) crease en febreiro do 2004, formando parte do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), o cal depende da Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización.

A misión coa que nace a UFA é facilitar a formación e proporcionar o asesoramento necesario nos diversos aspectos do proceso de ensino/aprendizaxe para o profesorado e alumnado da Universidade da Coruña, orientado a unha mellora da calidade deste proceso. Sendo a súa visión a de levar a cabo diferentes programas de apoio, axudas e premios para propiciar esta mellora e tendo en conta os diferentes cambios que se producen no sistema educativo.

Dende a creación do CUFIE, vense proporcionando ao profesorado unha oferta crecente de recursos formativos dirixidos á súa actualización docente e a proporcionarlles coñecementos e ferramentas pedagóxicas con que realizar máis eficazmente o seu labor.

Xa dende a creación da UFA, e seguindo cada ano as Liñas estratéxicas da Universidade da Coruña recollidas no seu Plano Estratéxico, concrétase que o proceso de formación non vai só dirixido ao profesorado universitario (Plano de Apoio ao Ensino, PAE), senón que unha gran parte das propostas que se fan son de interese tamén para o estudantado (Plano de Apoio á Aprendizaxe, PAA), o profesorado novel (Plano de Formación Inicial, PFI e Plan de Formación para Axudantes Doutores/as, PFAXD) e o alumnado de doutoramento (Plano de Apoio ao Doutoramento e á Investigación, PAI, en colaboración coa Escola Internacional de Doutoramento da UDC).