Persoal axudante doutor da Universidade da Coruña (segundo recolle a LOSU art.78.b) cuxo contrato fose asinado despois da aprobación da citada lei. Deberán completar esta formación no seu primeiro ano de contrato.
Os cursos realizaranse en modalidade online, a través de UdcAberta. Para acceder ao curso realizarase unha automatrícula cunha clave específica facilitada polo Servizo de PDI. Para o primeiro bloque de persoal axudante doutor esta clave facilitarase dende o CUFIE a partir do 19 de febreiro de 2024.
Para finalizar o curso e obter a acreditación da formación, débense cursar os 8 módulos obrigatorios e 3 dos módulos optativos, así como a actividade de reflexión final.
En cada un dos módulos haberá actividades de autocomprobación e un test de autoavaliación que debe superarse cun mínimo de 5 puntos. É importante ter en conta que todos os test de autoavaliación ao longo do curso só facilitarán dous intentos de finalización.
Ademáis, será obrigatorio entregar unha reflexión final dun máximo de 1200 palabras, que se valorará cunha rúbrica cuxos criterios serán visibles para o alumnado na propia plataforma.
Unha vez rematado o curso, a persoa interesada deberá solicitar ao CUFIE a acreditación da superación da acción formativa. O CUFIE comprobará que os criterios mínimos se cumpriron antes de emitir e enviar por correo electrónico a acreditación á persoa interesada. Independentemente dos módulos optativos realizados, o recoñecemento farase por 45 horas.