Faculty of Philology

Política e obxectivos de Calidade

 

Conscientes da necesidade de consolidar no ámbito universitario unha cultura da calidade, entendida como o conxunto de orientacións e intencións globais dunha organización ou entidade relativas ao compromiso coa calidade do servizo ao usuario e ás partes interesadas, na Facultade de Filoloxía asumimos un compromiso co cumprimento das directrices definidas no programa FIDES-AUDIT promovido pola ANECA, a ACSUG e AQU-Catalunya, en que se desenvolven os criterios e as directrices estabelecidos no ano 2005 pola ENQUA (European Association for Quality Assurance in Higher Education).

A política de calidade da Facultade de Filoloxía atinxe todas as titulacións oficiais impartidas no Centro e é coherente cos obxectivos de calidade definidos no Plano Estratéxico UDC2022-2026 e no Plan Estratéxico da Facultade de Filoloxía 2022-2026.

Segundo se define no Procedemento  D01 P01 do Sistema de Garantía Interno de Calidade do centro (SGIC Filoloxía), os axentes responsábeis da posta en andamento e da revisión e actualización da política de calidade do centro son:

1. A Equipa Decanal (ED), responsábel de propor a política e os obxectivos de calidade á Comisión de Estratexia e Calidade e de difundilos unha vez aprobados pola Xunta de Facultade

2. A Comisión de Estratexia e Calidade (CEC), que revisa anualmente a política e os obxectivos de calidade, propondo melloras

3. A Xunta de Facultade (XF), que aproba a política e os obxectivos de calidade da Facultade

Por súa vez, os grupos de interese atinxidos pola política de calidade da Facultade de Filoloxía son os que se recollen na seguinte tabela, en que se indican igualmente a súa representación e as canles de participación de cada colectivo:

 

Grupo de interese Canle de participación Procedemento para lle achegar información
Estudantado Está representado en todos os órganos colexiados, incluídas a Comisión de Estratexia e Calidade e a Xunta de Facultade. Alén disto, está recollida a súa participación no Claustro, no Consello Social e no Consello de Goberno. A través das convocatorias das reunións dos órganos colexiados e da páxina web do Centro, ben como mediante os taboleiros de anuncios e as listaxes de distribución por correo electrónico.
Persoal docente e investigador (PDI) Está representado en todos os órganos colexiados, incluídas a Comilsión de Estratexia e Calidade e a Xunta de Facultade. Alén disto, está recollida a súa participación no Claustro, no Consello Social e no Consello de Goberno. A través das convocatorias das reunións dos órganos colexiados e da páxina web do Centro, ben como mediante os taboleiros de anuncias e das listaxes de distribución por correo electrónico.
Persoal de administración e servizos (PAS) Está representado en todos os órganos colexiados, incluídas a Comisión de Estratexia e Calidade e a Xunta de Facultade. Alén disto, está recollida a súa participación no Claustro, no Consello Social e no Consello de Goberno. A través das convocatorias das reunións dos órganos colexiados e da páxina web do Centro, ben como mediante os taboleiros de anuncios e as listaxes de distribución por correo electrónico.
Equipa decanal e coordinadores de titulación A decana, o secretario e o vicedecano de Calidade forman parte da Comisión de Garantía de Calidade, ao igual que os/as coordinadores/as das titulacións de Grao e de Mestrado. A información relacionada enviaráselles en formato electrónico (correo, páxina web, repositorio Alfresco) e en reunións presenciais.
Empregadores/as e estudantado egresado Están integrados na Comisión de Estratexia e Calidade do centro. Alén diso, a equipa decanal e a coordinación de prácticas da Facultade manteñen reunións con estes grupos de interese e traslada as conclusións á Comisión de Organización Académica e á Comisión de Estratexia e Calidade. Outrosí, a Facultade de Filoloxía participa nas xornadas organizadas pola Vicerreitoría de Estudantes co obxectivo de coñecer a súa opinión. A estes colectivos achegaráselles a información das reunións presenciais através dos seus representantes na Comisión de Estratexia e Calidade, da páxina web do Centro ou por correo (postal ou electrónico).
Administracións públicas A equipa decanal mantén reunións con este grupo de interese e traslada as conclusións á Comisión de Organización Académica e á Comisión de Estratexia e Calidade. A información que atinxe as administracións públicas será achegada en reunións presenciais, ben como a través do correo electrónico e do correo postal.
Sociedade, no xeral Eventualmente, poderá ser solicitada información deste grupo de interese polas vías que a Comisión de Estratexia e Calidade considerar.

Farase chegar a información a través dos medios de comunicación e da páxina web do centro, ben como mediante o correo electrónico e o correo postal naqueles casos en que for factíbel.

 

A equipa decanal do Centro informará sistematicamente os membros da Xunta de Centro nas súas diferentes sesións. Outrosí, en cada un dos procedementos do Manual do Sistema de Garantía Interno de Calidade inclúese unha sección en que se recolle o procedemento de rendición de contas dos aspectos contemplados no mesmo. Para a medición da satisfacción de cada un destes grupos, o SGIC do centro conta co procedemento xeral D01P02E06 "Informe anual do Centro" e co procedemento D06 P03 "Satisfacción".

Neste mesmo sentido, ao finalizar cada ano natural o secretario da Facultade elabora a Memoria do centro, que se fai pública após a súa aprobación en Xunta de Facultade. Nela recóllense as actividades realizadas e os resultados alcanzados durante ese período.

 

A equipa decanal da Facultade de Filoloxía considera a mellora continua na calidade un factor estratéxico para que as competencias, habilidades e aptitudes do seu estudantado e de todo o seu persoal sexan recoñecidas polos-as empregadores-as e pola sociedade no xeral. Por iso, foca os seus esforzos para a plena satisfacción das necesidades e das expectativas de todos os grupos de interese do Centro e comprométese a empregar todos os recursos técnicos, económicos e humanos ao seu dispor en cumprimento estrito dos requisitos legais aplicábeis, tanto a nivel autonómico como estatal e europeo.

Esta política de calidade concretarase nos seguintes obxectivos:

· Comprometerse coa mellora continua

· Manter o compromiso coa sociedade que a financia e a cal serve, ofertando títulos académicos de interese e coherentes coas necesidades e peculiaridades sociais, culturais e económicas da contorna

· Fornecer un ensino virado á excelencia, garantindo unha oferta académica rigorosa axeitada aos avances do coñecemento científico nos ámbitos da súa competencia e acorde coas necesidades e expectativas das persoas usuarias dos nosos servizos e da sociedade no xeral

· Orientar permanentemente a xestión da Facultade para a mellora da docencia e da investigación, ben como á inserción dos titulados e das tituladas no mercado laboral intensificando a relación cos axentes socioeconómicos

· Garantir que o Sistema de Garantía de Calidade funciona e que é revisado de forma periódica.

 

Obxectivos operativos de calidade para o curso 2024/2025

 

A Comisión de Estratexia e Calidade da Facultade comproba e valora anualmente o grao de cumprimento destes obxectivos e emite un informe.