Faculty of Philology

Comité Ambiental

Normas de funcionamiento do Comité Ambiental da Facultade de Filoloxía e da Facultade de Turismo

Aprobadas polo Comité Ambiental na súa reunión de 10 de marzo de 2024
Aprobadas pola Xunta da Facultade de Filoloxía o 23 de maio de 2024
Aprobadas pola Xunta da Facultade de Turismo o 24 de xuño de 2024

 

1. Obxectivo

O Comité Ambiental da Facultade de Filoloxía e da Facultade de Turismo ten como obxectivo principal a mellora ambiental da contorna universitaria, con especial atención, por unha banda, á contorna física, social e natural e, por outra, á comunidade universitaria, na que se promoverá un clima de participación e cidadanía responsable.

 

2. Membros

2.1. Calquera membro da comunidade universitaria da Facultade de Filoloxía e da Facultade de Turismo ou relacionada con elas, poderá participar neste comité ambiental, sen ningún tipo de compensación económica.

2.2. A comunidade universitaria estará representada no Comité Ambiental por sectores (PDI, estudantado e PTXAS). Non haberá un número máximo de representantes.

2.3. Serán membros natos do Comité Ambiental os/as decanos/as ou persoa/s en quen delegue e os/as bolseiros/as da Oficina de Sustentabilidade da UDC asignados/as ás Facultades de Filoloxía e de Turismo. 

2.4. O comité contará cun presidente ou presidenta e un secretario ou secretaria, que asistirán ás reunións do comité e poderán designar as comisións que sexan necesarias.

2.5. Ao inicio de cada curso os membros da Comunidade universitaria poderán manifestar a súa vontade de pertencer ao Comité Ambiental.

2.6. Na sesión de constitución do novo Comité Ambiental procederase ao nomeamento dos seus novos membros e a elección de presidente/a e secretario/a.

 

3. Reunións

3.1. Celebraranse reunións de coordinación cunha periodicidade mínima de 3 reunións anuais ou por curso.

3.2. As convocatorias das reunións do Comité Ambiental serán remitidas aos membros por correo electrónico e publicadas na web das dúas facultades.

3.3. As reunións convocaranse con dez días de antelación á data de celebración das mesmas.

3.4. Os membros do Comité Ambiental poderán participar nas reunións por medios electrónicos.

3.5. En caso de non asistir o presidente ou presidenta ou o secretario ou secretaria a unha reunión, o comité decidirá por consenso, ou por maioría de 2/3, quen actuará en calidade de presidente/a ou de secretario/a durante esa reunión.

3.6. O/a secretario/a elaborará unha acta de cada reunión, que será remitida aos asistentes por correo electrónico.

3.7. Os acordos do Comité Ambiental serán publicados na web das dúas facultades.

 

4. Votacións

4.1. Sempre que sexa posible, fomentarase o consenso como método de toma de decisións.

4.2. A presidencia terá dereito a voto de calidade en caso de empate nunha votación.

 

5. Funcións

5.1. Son funcións da presidencia e da secretaría convocar as reunións, establecer a orde do día tendo en conta as propostas de todos os membros do comité, e redactar a acta da reunión. Por acordo, estas funcións poden recaer noutros membros do comité.

5.2. Son funcións do Comité Ambiental:

5.2.1. Coordinar a realización dunha análise da situación de partida en materia ambiental do centro e a súa contorna, mediante o cuestionario de ecoauditoría proporcionado por ADEAC.

5.2.2. Elaborar anualmente un Plan de Acción, no que se establezan os obxectivos, a metodoloxía a aplicar, os recursos dispoñibles, as persoas responsables e, no seu caso, unha temporalización, para a posta en práctica de accións e iniciativas que supoñan unha concienciación e mellora ambiental do centro e da súa contorna.

5.2.3. Elaborar unha proposta de Declaración Ambiental para ser adoptada polos órganos de dirección das facultades.

5.2.4. Realizar unha avaliación continua e redactar unha memoria de síntese sobre a aplicación do Plan de Acción e o grao de cumprimento dos obxectivos de Green Campus.

5.2.5. Someter o Plan de Acción anual aos órganos de goberno das dúas facultades.

5.2.6. Valorar a realización de tarefas, coherentes co seu cometido, que sexan propostas polos órganos de goberno das facultades.