Sr. presidente da Xunta de Galicia,
Sr. conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,
Srs. reitores das universidades de Santiago de Compostela e de Vigo,
Srs. presidentes dos Consellos Sociais,
prezado profesor Xosé Luís Armesto,
autoridades, representacións,
membros da comunidade universitaria,
amigas e amigos todos:
Bos días e moitas grazas por acompañarnos hoxe neste acto, que supón a renovación, diante da comunidade universitaria e do conxunto da sociedade galega, dos compromisos cos que nos presentamos ao proceso electoral.
Permítanme dedicarlle un recoñecemento moi especial ao profesor Pena. Podemos estar orgullosos ante a sociedade de como se desenvolveu este exercicio democrático. Soubemos debater, discrepar e enfrontar modelos, proxectos e propostas con respecto persoal e á institución.
Estamos aquí comprometidos coa defensa dunha universidade pública, de calidade e galega. Cremos nunha universidade en que as persoas –os estudantes, os traballadores de administración e servizos, o profesorado – teñen que ser a nosa prioridade. Unha Universidade para todos, unha Universidade para todas.
Unha institución que ten que estar, hoxe máis ca nunca, aberta ao conxunto da sociedade. A chegada dun novo equipo de goberno implica a renovación dos lazos da universidade co seu contorno e coa sociedade á que serve.
E, aínda que o futuro é sempre un destino descoñecido, a ilusión, a vontade de traballo e a certeza de que nesta viaxe contaremos coa colaboración da sociedade galega, fannos razoablemente optimistas.
O vindeiro 18 de maio cúmprese o centenario da fundación, na sede da Real Academia Galega, da primeira Irmandade da Fala. As Irmandades son o mellor expoñente do compromiso pioneiro da Coruña coa defensa do idioma e da cultura galegos. As Irmandades aspiraban a poñer en valor a lingua e a cultura, modernizar a sociedade e rexenerar globalmente Galicia. A Coruña, pioneira en tantas cousas, foino tamén no galeguismo.
Esta efeméride simboliza o que queremos que sexa a nosa universidade. Queremos actuar na defensa e conservación do noso, da nosa cultura, da nosa lingua. E, como as Irmandades, facémolo convencidos de que esa defensa é un instrumento para modernizar, para anovar, para mellorar Galicia e proxectarnos más aló das nosas fronteiras.
Queremos impulsar unha formación que lles permita aos nosos estudantes competir en calquera mercado do mundo, ou integrarse en equipos de investigación punteiros e plurinacionais. E queremos que os estudos que se imparten nos campus da UDC sexan capaces de atraer estudantes, docentes ou investigadores de calquera país do globo.
Unha universidade de calidade e con garantía de futuro ten que ser forzosamente unha universidade de dimensión internacional en todos os seus ámbitos: docencia, investigación e transferencia.
Para iso nos próximos anos, a Universidade da Coruña deberá configurar unha política de alianzas estratéxicas con institucións internacionais para deseñar programas académicos conxuntos e proxectos de investigación.
Completada a transformación dos estudos, cómpre apostar pola mellora da docencia. A calidade docente, a innovación e a renovación tecnolóxica serán as ferramentas estratéxicas para conseguilo.
É indispensable axustar a nosa oferta de mestrados ás necesidades do contorno. Unha oferta que debe ser de calidade, con competencias profesionais e empregabilidade, altamente especializada e con elevada demanda social.
Despois de realizar estes últimos anos o necesario axuste da oferta do número de mestrados, cremos que é o momento de dispoñer dun marco normativo que permita a adaptación estable e ordenada da súa oferta e impartición.
■
Tense convertido xa case nunha tradición un tanto molesta que falarmos hoxe de universidade sexa sobre todo falar de cartos, de orzamentos. E temo que, ás veces, pasemos, máis tempo xustificando a necesidade dos fondos que recibe a universidade, que analizando ou revisando os propios plans, os obxectivos acadados ou o servizo que lle prestamos á sociedade.
Somos plenamente conscientes da situación de crise económica que desde hai case unha década sofre o noso país e o noso contorno occidental.
As universidades públicas fixemos un importante esforzo de racionalización do gasto para acomodarnos a este novo contexto. Pero para que as universidades poidamos cumprir a nosa función social e contribuír á recuperación económica, precisamos dun marco orzamentario estable e suficiente.
Un orzamento que supoña unha defensa real, pola vía dos feitos e non das promesas, da universidade como servizo público básico.
Un orzamento que permita manter as taxas nun nivel razoable. Aplaudimos a decisión da Xunta de Galicia de manter conxeladas as taxas universitarias nos últimos catro anos, tal e como solicitou unanimemente o noso Claustro. Como dixemos na campaña, unha universidade pública ten que garantir que a formación non dependa dos recursos da familia.
Non estamos ante un debate para universitarios senón para toda a sociedade. A evolución de Europa cara a unha economía baseada no coñecemento coloca as universidades nunha posición determinante como principais centros de investigación e transferencia. Hai que formar profesionais con elevada cualificación e hai que xerar I+D+i nun mundo aberto e moi competitivo, no que precisamos operar cun modelo de universidade pública claro e ben definido.
O investimento en educación superior e I+D+i é aínda máis necesario en momentos de dificultade. Entendérono perfectamente os países do noso contorno. Mentres que a porcentaxe do PIB dedicado a educación superior se incrementou na media da OCDE un 1% durante a crise, en España, no mesmo período, reduciuse un 5%.
Aínda lembramos as palabras do profesor Cirac, quen na apertura dos actos do 25º aniversario da UDC neste mesmo escenario, sinalou que en Alemaña durante a crise o goberno e a oposición chegaron a un pacto de estado para incrementar o gasto en educación superior e I+D+i un 5% anual.
O cuestionamento permanente da calidade, da utilidade da universidade pública e da pertinencia dos fondos públicos que a ela se destinan esquece, por exemplo, que cada euro investido na UDC xera un retorno social equivalente a máis de dous euros.
Estaremos sempre abertos a render contas ante a sociedade para demostrar que o investimento en educación superior é rendible e que os fondos se utilizan con eficiencia. Transparencia e rendición de contas son liñas-forza de noso compromiso electoral.
Somos eficientes. A universidade pública é eficiente, non nos cansaremos de afirmalo. A porcentaxe do PIB de España para I+D+i, establecida no 1,24 (e baixando), queda lonxe do 2% da media europea e moi lonxe do obxectivo europeo do 3% para o 2020. Somos eficientes xa que a pesar deses baixos investimentos, España conseguiu posicionarse como novena potencia científica do mundo. Galicia destina 0,86%. E onde se investiga en España se non nas universidades?, en Galicia representamos arredor do 70% da investigación realizada.
■
Cremos que, estratexicamente, a fortaleza de Galicia debe basearse no seu sistema universitario. A sociedade galega debe saber que conta cun bo sistema universitario. Unha das súas grandes fortalezas é contar con tres universidades, e as tres teñen que ser eficientes e economicamente sostibles. Cada unha coas súas características, pero as tres deberiamos ser conscientes de que a necesidade de operarmos en clave de sistema é o mellor xeito de cumprir o noso compromiso coa cidadanía galega. Cremos que, sen renunciar á autonomía de cada universidade, deberemos reforzar aínda máis a colaboración e cooperación entre as tres. Galicia necesita un sistema universitario sólido, ben cohesionado e coordinado.
O plan de financiamento 2011-2015, como indicara o profesor Armesto na súa toma de posesión hai catro anos, era pouco razoable para unha universidade pública (algo que quedou patente na situación económica da UDC no 2015). Tamén ineficaz para reducir os desequilibrios históricos que padece a Universidade da Coruña pois, en lugar de diminuír a diferenza de financiamento por estudante entre as universidades galegas, vense incrementado ano tras ano.
Vimos de asinar a semana pasada o convenio do novo Plan de financiamento para o período 2016-2020. No Consello Galego de Universidades o voto da Universidade da Coruña foi favorable, mais crítico, xa que pensamos que hai aspectos que deberían ser mellorados.
Recoñecemos o esforzo da Xunta de Galicia no incremento de financiamento do novo plan. Ese incremento, aínda con diferentes proporcións, debe repercutir na mellora do financiamento de todas as institucións. Non sería razoable que o novo plan supuxese unha diminución do financiamento dalgunha delas.
Mellórase o financiamento estrutural dos campus fronte ao plan anterior, pero cremos que aínda non garante de forma clara a estabilidade e a suficiencia financeira das tres universidades para o novo período.
Quero dicir, por se hai dúbida, que a UDC está de acordo co financiamento por resultados, mais o seu incremento non pode ser a custa do fondo estrutural, xa escaso, o que poñería en risco o principio de equidade e de suficiencia financieira das tres institucións do sistema.
A selección de indicadores nunca é neutra. É necesario que ofrezan unha imaxe das tres universidades ampla, nítida e clara. Sen distorsións nin particularidades que poidan desvirtuar a imaxe que ofrecen. Neste sentido, botamos en falta indicadores importantes para Galicia, como son a retención do talento, a empregabilidade, a internacionalización ou a colaboración universidade-empresa. Malia isto, a Universidade da Coruña traballará, como fixo no anterior plan, para mellorar a súa posición cos novos indicadores.
A comisión de seguimento debe xogar un papel fundamental para a mellora do plan no seu período de vixencia e desde xa conta coa colaboración da Universidade da Coruña.
Non teñan dúbida de que este equipo de goberno que hoxe comeza a súa andaina actuará con respecto a autonomía de cada institución, con diálogo e lealdade institucional, pero sempre desde unha posición crítica, propia dunha institución de educación superior, e da defensa dos lexítimos intereses da Universidade de Coruña e dos dereitos dos seus traballadores. Cremos que esa é a garantía dun Sistema Universitario forte ao servizo do país.
Porén, o problema do financiamento non é como se reparten os recursos entre os distintos fondos e institucións. Temos un problema de ingresos, non de gasto. O último informe da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas indica que o gasto público universitario retrocedeu a cifras do ano 2006 e cifra en máis de mil cincocentros millóns de euros a redución no total de gastos liquidados só no período 2010-2014. A diminución en Galicia, malia ter unha evolución menos negativa que noutras comunidades, achégase ao 10%.
Se non logramos incrementar a contía do plan, corremos o risco de que a ineficiencia financieria sexa sistémica.
Temos que ser capaces, administración autonómica e universidades, de convencer a sociedade galega de que o investimento en educación superior e I+D está na base da competitividade presente e futura de Galicia, e esta convicción débese trasladar aos orzamentos, tal e como realizan os países do noso contorno.
O investimento en I+D e a colaboración universidade-empresa son o mellor xeito de competir nun mundo global. Temos un exemplo claro na Unidade Mixta de Investigación Universidade da Coruña e Navantia para desenvolver conxuntamente o Estaleiro 4.0 que lle permita á industria naval ser competitiva.
Pero a universidade son as persoas. Temos que sentirnos orgullosos todos, profesorado, estudantado e persoal de administración e servizos de formar parte do colectivo humano que conforma a UDC. Temos que poñer a acción de goberno ao servizo das persoas para fomentar ese orgullo de pertenza.
A captación de talento, en todos os eidos, (docencia, investigación e xestión) é un dos principais medios de mellora e de dinamización da actividade universitaria.
O contexto económico e normativo actual dificulta a consolidación dos cadros de persoal e a súa promoción por capacidade e méritos. O sistema universitario público acusa sensiblemente o impacto destas medidas de suposta racionalización. É urxente, tal e como veñen reclamando insistentemente os reitores de todas as universidades públicas españolas, o fin destas medidas, anunciadas no seu día como conxunturais.
Se nos pide un esforzo para a captación de talento pero se nos negan as ferramentas normativas para facelo. A normativa actual impide realizar unha política propia, efectiva e rigorosa de captación e estabilización do persoal docente e investigador, así como o seu lexítimo dereito a promoción.
Nos últimos anos o persoal de administración e servizos viu recortados os seus dereitos económicos e sociais. É necesario recuperar a súa ilusión e motivación recoñecendo e facendo visible o seu labor. O plan de promoción consensuado, a formación continua, o manual de procesos, a implantación da administración electrónica etc. serán ferramentas que permitan mellorar a calidade e condicións do seu traballo e o servizo que realizan.
O diálogo e a ferramenta que a ciudadanía nos pide que empreguemos hoxe no goberno das institucións e incrementar a transparencia e, con ela, a nosa confianza en nós mesmos como sociedade.
O dialogo e a participación será a práctica cotiá na Universidade da Coruña nos próximos anos. Temos que conseguir que toda a comunidade universitaria se implique na toma de decisións do goberno. As eleccións foron un exemplo de participación e implicación. A media de participación do estudantado nas eleccións a reitoría no estado español está por volta do 10%. O día 3 de decembro a participación do estudantado da UDC foi superior ao 26%, rachando a imaxe de desinterese dos estudantes co futuro da universidade. O uso das novas tecnoloxías, –como a plataforma de participación utilizada durante as eleccións– abre novas posibilidades que exploraremos.
■
Temos unha universidade moderna, con bases sólidas, aberta e de calidade, que leva mellorando significativamente nos últimos anos os seus resultados de investigación e transferencia.
Unha universidade estreitamente apegada ao tecido socioeconómico do seu contorno, co que traballa creando espazos de interese común na I+D+i, como é a Fundación CITIC recentemente constituída. Espazos de colaboración que serán incrementados.
Malia a situación xeral e as vicisitudes do último ano, temos unha universidade sen débedas, froito dunha xestión seria dos últimos equipos de goberno. Unha xestión baseada na planificación, no equilibrio, no rigor orzamentario e na utilización rigorosa e priorizada dos limitados fondos de que dispoñemos.
A súa área de influencia son as cidades da Coruña e Ferrol, e as súas zonas metropolitanas: en torno a 650.000 habitantes arredor do golfo Ártabro.
A maioría dos seus centros están integrados no ámbito urbano e temos que aproveitar esta situación para lograr unha universidade conectada e integrada, que sexa un referente socio-cultural das dúas cidades e as súas áreas metropolitanas.
A participación da Universidade da Coruña na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrada do Concello da Coruña e o desenvolvemento do Campus Industrial de Ferrol xogarán un papel fundamental en esta integración.
Temos que conseguir que os campus sexan ambientalmente sostibles, enerxeticamente eficientes, saudables e socialmente responsables. O proxecto do Green Campus e a pertenza á rede de universidades saudables son bases sólidadas para logralo.
■
A UDC vén de cumprir 25 anos. Somos conscientes de recibir un legado co compromiso de acrecentalo. Por iso non quero pechar a miña intervención sen facer un agradecemento expreso ao traballo dos anteriores equipos de goberno, que nestes 25 anos contribuíron a poñer en marcha a andaina desta universidade.
Quero determe dun xeito especial nas figuras do reitor Barja, con quen compartín longas horas de debate sobre política universitaria desde a miña chegada á UDC, e do meu antecesor no cargo, o reitor Armesto, con quen tiven a honra de partillar tarefas no equipo de goberno.
Moitas grazas, José María e Xosé Luís, por me dar a oportunidade de compartir estes anos, nos que as dificultades nunca foron quen de roubarnos a ilusión e as ganas de seguirmos traballando pola institución.
Grazas tamén aos meus compañeiros no anterior equipo de goberno: Ricardo, Amalia, Gustavo, Natalia, María José, Araceli, Carlos e Juan. Foi un pracer e un orgullo compartir convosco estes apaixoantes catro anos. Aos que agora comezan comigo unha nova etapa, grazas por acompañarme neste percorrido.
Un novo mandato é sempre un punto de partida, pero tamén é un paso mais dunha traxectoria vital en que hai persoas que xogaron un papel fundamental. Permítanme que cumpra un exercicio de xustiza lembrándoas: o profesor Jaime Fábregas, o meu director de tese; e o profesor Tomás González Villa, da Universidade de Santiago; os meus compañeiros e compañeiras da área de Microbioloxía da UDC, que supliron con xenerosidade as miñas ausencias polas actividades de xestión desenvolvidas, especialmente a profesora Ángeles Cid, a miña primeira doutoranda.
Por suposto, as palabras finais teñen que ser para a miña familia, tanto a de Vigo como a da Coruña, en particular meus pais, Julio e Tita, que con sacrificio se empeñaron en que fose universitario; a miña irmá Amparo, soporte decidido para que iniciase o doutoramento; e, por último, os meus fillos, Julia e Diego, e a miña muller, Concepción Herrero, apoio imprescindible na miña traxectoria investigadora e vital. Sen o alento incondicional de todos eles e elas nada sería posible e todo carecería de sentido.
Máis nada. Moitas grazas pola súa atención.
A Coruña, 12 de xaneiro de 2016