Dereitos en materia de protección de datos persoais

O RXPD e a LOPD recoñecen determinados dereitos ás persoas en relación coa protección dos seus datos persoais.

En primeiro lugar, os artigos 13 e 14 RXPD e 11 LOPD establecen determinadas obrigas de información ás persoas interesadas no momento de recollida dos seus datos persoais. Así, entre outros extremos, a UDC facilitará información sobre que tipo de datos se recollen, para que finalidades, e cales son os dereitos que asisten aos titulares dos datos. Precisamente tales dereitos aparecen recollidos nos artigos 15 a 22 RXPD, 13 a 18 LOPD, e o artigo 5 da Normativa xeral da UDC en materia de protección de datos persoais. Definidos brevemente, tales dereitos son os seguintes:

  • Acceso: dereito a obter do responsable do tratamento (a UDC) a confirmación de se os seus datos están a ser tratados e, en tal caso, o dereito a obter determinada información, como por exemplo as finalidades de tratamento dos datos, os tipos de datos persoais tratados; e a existencia de todos os demais dereitos recoñecidos na normativa.
  • Rectificación: dereito a obter do responsable do tratamento a rectificación ou corrección dos datos persoais inexactos ou incompletos.
  • Supresión: dereito a obter do responsable do tratamento a supresión dos datos persoais, o cal resultará obrigatorio nalgúns casos, por exemplo cando os datos persoais xa non son necesarios en relación cos fins para os que foron recollidos, se ben nalgúns casos delimitados na normativa non procederá tal supresión, como por exemplo cando a conservación dos datos é necesaria para o cumprimento dunha obriga legal ou por motivos de interese público (v.gr. saúde pública).
  • Limitación do tratamento: dereito a que se limiten as actividades de tratamento dos datos, cando se cumpra algunha das condicións dispostas na normativa, como por exemplo cando a persoa interesada impugna a exactitude dos datos persoais.
  • Portabilidade: dereito a recibir os datos persoais facilitados ao responsable, nun formato estruturado, e a transmitirllos a outro responsable do tratamento, cando o tratamento está baseado no consentimento ou nun contrato; ou o tratamento se efectúa por medios automatizados. Este dereito non se aplicará ao tratamento necesario para cumprir unha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento.
  • Oposición: dereito a opoñerse a que os datos persoais sexan obxecto dun tratamento baseado en motivos de interese público, exercicio de poderes públicos, ou satisfacción dun interese lexítimo do responsable do tratamento. O responsable deixará de tratar os datos persoais, salvo que acredite motivos lexítimos imperiosos que prevalezan sobre os dereitos da persoa interesada, ou que os necesite para o exercicio de reclamacións.
  • Non ser obxecto de decisións individuais automatizadas, incluída a elaboración de perfís: dereito a non ser obxecto dunha decisión baseada unicamente no tratamento automatizado de datos, incluída a elaboración de perfís, a non ser que concorra algunha excepción, como por exemplo que exista autorización para o tratamento con base nunha norma aplicable ao responsable.

As formas de exercer estes dereitos son:

  • destacadamente, a través do formulario para o exercicio dos dereitos en materia de protección de datos persoais, que se pode cubrir na Sede electrónica da UDC no apartado Outros trámites.
  • mediante unha solicitude ao Responsable de tratamento dos datos (UDC, Secretaría Xeral), ao enderezo: Secretaría Xeral, Reitoría da Universidade da Coruña, R/Maestranza 9, 15001 A Coruña, ou ao correo electrónico rpd@udc.gal, ou a través do rexistro telemático da Sede electrónica ou nos rexistros presenciais da UDC.
  • mediante unha solicitude á Delegada de Protección de Datos, ao mesmo enderezo postal anteriormente indicado, ou ao correo electrónico dpd@udc.gal, ou a través do rexistro telemático da Sede electrónica ou nos rexistros presenciais da UDC.