Licenciada e doutora en Ciencias Matemáticas. Catedrática de Estatística e Investigación de Operacións no Departamento de Matemáticas da UDC.
Incorporase á docencia universitaria na USC, impartindo distintas materias nas titulacións de Relacions Laborais, Odontoloxía, Enfermería, Bioloxía, Enxeñaría Química e Matemáticas. No ano 2009 vincúlase á UDC, con docencia en Enxeñaría Técnica Industrial, Documentación, Enxeñaría Informática e Ciencias e Enxeñaría de Datos, Máster Universitario en Socioloxía Aplicada: Investigación Social e de Mercados e Máster interuniversitario de Técnicas Estatísticas. Na actualidade é profesora da Facultade de Informática.
Investigadora do grupo MODES, adscrita ao CITIC. O seu labor de investigación céntrase en inferencia en áreas pequenas, modelos mixtos, mostraxe en poboacións finitas e métodos bootstrap. É autora de máis de 35 artigos publicados en revistas do JCR, como Journal of the American Statistical Association, Journal of the Royal Statistical Society Series B. Recibiu o premio da Real Academia de Ciencias Galegas por un traballo de investigación correspondente ao 2003. Dirixiu 4 teses doutorais, unha delas na Universidade de Göttingen e outra na Universidade de Xenebra. Participou en máis de 60 proxectos competitivos e contratos de investigación e de transferencia, sendo investigadora principal dunha Acción Integrada con Alemaña e de 5 contratos de investigación.
Secretaria e membro do Consello Executivo da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións, e Membro do Consello Executivo da Sociedade Española de Biometría. Dirixiu a Unidade de Análise e Xestión de datos da UDC (2012-2020), e foi membro do Comité de Dirección do CITIC. Desde o 2020 é vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade na UDC.
Ten recoñecidos catro quinquenios docentes e cinco sexenios (catro de investigación e un de transferencia).