Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia
Artigo 73. Principios de actuación
1. Con carácter xeral, os/as empregados/as públicos/as incluídos no ámbito de aplicación da presente lei deben actuar consonte os principios de legalidade, obxectividade, integridade, neutralidade, responsabilidade, imparcialidade, confidencialidade, dedicación ao servizo público, transparencia, exemplaridade, austeridade, accesibilidade, eficacia, honradez, promoción do contorno cultural e ambiental e respecto á igualdade entre mulleres e homes.
2. Estes principios inspiran o código de conduta regulado no artigo seguinte e informarán a interpretación e aplicación do réxime disciplinario dos/as empregados/as públicos/as.
3. Así mesmo, os/as empregados/as públicos/as axustarán a súa actuación ao disposto no código ético aprobado polo correspondente órgano de goberno.
Artigo 74. Deberes e código de conduta
Os/as empregados/as públicos/as incluídos/as no ámbito de aplicación desta lei someteranse a un código de conduta configurado polos seguintes deberes:
a) Respectar a Constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia e o resto das normas que integran o ordenamento xurídico.
b) Basear a súa conduta no respecto dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, evitando toda actuación que poida producir algunha discriminación por razón de nacemento, orixe racial ou étnica, sexo, orientación sexual, relixión ou conviccións, opinión, discapacidade, idade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
c) Perseguir coa súa actuación a satisfacción dos intereses xerais dos/as cidadáns/cidadás, polo cal a dita actuación se fundamentará en consideracións obxectivas orientadas á imparcialidade e ao interese común, á marxe de calquera outro factor que exprese posicións persoais, familiares, corporativas, clientelares ou calquera outra que poida colidir con este principio.
d) Exercer as súas atribucións segundo o principio de dedicación ao servizo público, absténdose non só de condutas contrarias a este, senón tamén de calquera outra que comprometa a neutralidade no exercicio dos servizos públicos.
e) Absterse naqueles asuntos nos que teñan un interese persoal, así como de toda actividade privada ou interese que poida supor un risco de xerar conflitos de intereses co seu posto público, e, en particular, non contraer obrigas económicas nin intervir en operacións financeiras, obrigas patrimoniais ou negocios xurídicos con persoas ou entidades cando poida supor un conflito de intereses coas obrigacións do seu posto público.
f) Non aceptar ningún trato de favor ou situación que implique privilexio ou vantaxe inxustificada, por parte de persoas físicas ou entidades privadas, e, en particular, rexeitar calquera agasallo, favor ou servizo en condicións vantaxosas que vaia máis aló dos usos habituáis, sociais e de cortesía, sen prexuízo do establecido no Código penal.
g) Non influír na axilización ou resolución de trámite ou procedemento administrativo sen causa xusta, e en ningún caso cando iso comporte un privilexio en beneficio dos/as titulares dos cargos públicos ou na súa contorna familiar e social inmediato ou cando supoña un menoscabo dos intereses de terceiros.
h) Axustar a súa actuación aos principios de lealdade e boa fe coa Administración pública na que presten os seus servizos, cos/coas seus/súas superiores/as, cos/coas seus/súas compañeiros/as, cos/coas seus/súas subordinados/as e cos/coas cidadáns/cidadás.
i) Tratar con atención e respecto aos/ás cidadáns/cidadás, aos/ás seus/súas superiores/as e aos/ás restantes empregados/as públicos/as.
j) Desempeñar con dilixencia as tarefas que lles correspondan ou se lles encomenden, resolvendo, no seu caso, os procedementos ou expedientes da súa competencia dentro de prazo e cumprindo a xornada e o horario establecidos.
k) Actuar de acordo cos principios de eficacia, economía e eficiencia e vixiar a consecución do interese xeral e o cumprimento dos obxectivos da organización.
i) Obedecer as instrucións e as ordes profesionais dos/as superiores/as, agás que constitúan unha infracción manifesta do ordenamento xurídico, debendo en tal caso poñelas inmediatamente en coñecemento dos órganos de inspección correspondentes.
m) Administrar os recursos e bens públicos con austeridade e non utilizalos en proveito propio ou de persoas achegadas, así como velar pola súa conservación.
n) Garantir a constancia e permanencia dos documentos para a súa transmisión e entrega aos/ás seus/súas posteriores responsables.
ñ) Gardar segredo sobre as materias clasificadas e as demais de difusión prohibida legalmente, e manter a debida discreción sobre aqueles asuntos que coñezan por razón do seu cargo, o que implica non facer uso da información obtida para beneficio propio ou de terceiros, ou en prexuízo do interese público.
o) Manter actualizada a súa formación e cualificación.
p) Observar as normas sobre seguridade e saúde laboral.
q) Poner en coñecemento dos/as seus/súas superiores/as ou dos órganos competentes as propostas que consideren adecuadas para mellorar o desenvolvemento das funcións da unidade na que estean destinados. Para estes efectos, poderase prever regulamentariamente a creación da instancia adecuada competente para centralizar a recepción das propostas dos/as empregados/as públicos/as ou cidadáns/cidadás que sirvan para mellorar a eficacia no servizo.
r) Informar os/as cidadáns/cidadás sobre aquelas materias ou asuntos que teñan dereito a coñecer e facilitarlles o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.
s) Garantir a atención aos/ás cidadáns/cidadás na lingua oficial da Comunidade Autónoma de Galicia que soliciten.
A Coruña, 14 de outubro de 2021
O xerente
Ramón del Valle López