Cristian Martín Sánchez Díaz é estudante de 3º do Grao en Náutica e Transporte Marítimo. É de Roses (Xirona), pero decidiu cambiar de comunidade autónoma para estudar na E.T.S. de Náutica e Máquinas da UDC. Considérase un apaixonado do sector e do mar, e o seu soño é traballar con buques portacontedores.
1.Antes de nada, parabéns polo premio á excelencia académica ‘Ángela Ruiz Robles’. Como se consegue un expediente como o teu?
Moitas grazas! Moita dedicación e, sobre todo, saber e ter claro que o que estás a facer servirá para moito nun futuro. A pesar diso, cando fas algo que che gusta, por máis horas que poidas pasar estudando, ás veces, ata che divirte.
2. Que supón para ti este recoñecemento?
Un orgullo moi grande, sobre todo o saber que tanto os meus pais como a miña familia están orgullosos deste tipo de recoñecementos. É un premio a todas as horas dedicadas, e unha clara mostra de que todo esforzo ten a súa recompensa.
3. Sempre tiveches claro que querías estudar Grao en Náutica e Transporte Marítimo ou como te decantaches por el?
Si, aínda que fixen antes o Ciclo Superior de Máquina. Sempre souben que era só o inicio, que a miña verdadeira vocación estaba no que estou a facer agora, estudar o Grao en Náutica e Transporte Marítimo, e está a valer a pena.
4. Cando comezaches esta carreira, imaxinábala así ou levaches algunha sorpresa? Por exemplo, que era máis práctica ou teórica, etc.
Creo que todos os que empezamos, levámonos unha sorpresa xa que, a pesar de coñecer un pouco sobre a carreira, moi poucas persoas se esperan o grao de dificultade dalgunhas materias como, por exemplo, as de enxeñería.
5. Que lle recomendarías aos futuros estudantes do Grao en Náutica e Transporte Marítimo?
Esforzo e dedicación. Sobre todo para poder superar o primeiro curso que, como todos os que cursamos este grao sabémolo, é a parte máis complicada deste camiño. Aínda que a miña recomendación é non baixar nunca os brazos e seguir adiante a pesar de todas as adversidades, porque cando empezas os outros cursos e afondas en materias máis técnicas (navegación, estiba etc.) dáste conta de que estás no camiño correcto.
6. Cal é a túa materia favorita e por que?
Entre navegación e estiba é difícil elixir. Por unha banda, pola implicación que poñen os profesores por introducirnos no mundo laboral. E por outra, son materias moi “nosas” e, a pesar de que poidan custar máis ou menos aprobar, se che gustan, sabes que o pasarás moi ben tanto en clase como na casa estudándoas.
Ambas son materias que, para unha cousa ou outra, servirannos bastante nun futuro e a iso doulle moita importancia.
7. Unha vez que remates a carreira, sabes o que che gustaría facer?
Cando termine a carreira, gustaríame facer un máster. A miña idea desde que entrei na carreira, é poder acabar no mundo dos buques portacontedores. É un dos meus obxectivos e, se non hai un xiro de 180 graos na miña vida (que pode habelo), gustaríame cumprilo.
8. Que é o que máis che gusta da ETS de Náutica e Máquinas?
Creo que unha cousa que valoramos pouco é a profesionalidade dos profesores xa que, se non todos, pois case todos, son titulados da nosa profesión. Sabemos que moitos navegaron e cóntannos algunha que outra anécdota en clase, iso é algo que teriamos que valorar moito máis. Teño constancia de que noutras universidades non teñen o privilexio de poder dicir o mesmo, e é algo do que teriamos que estar orgullosos.
Doutra banda, algo que valoro moito desta Escola é a asociación de estudantes, ‘Asociación de Estudantes Marineda’, á cal tiven a sorte de pertencer estes dous últimos anos e da cal me levo recordos moi bonitos, desde as ceas cos nosos compañeiros e compañeiras doutros cursos ata as celebracións das festas do noso patrón, San Telmo.