Concertan este convenio a Universidade da Coruña, universidade pública de Galicia, representada polo reitor na súa condición de presidente do Consello de Goberno, e o seu persoal laboral de Administración e Servizos, representado polo seu comité de empresa.
Este convenio é de aplicación á Universidade da Coruña, aos seus centros de traballo existentes actualmente e aqueloutros que, durante a vixencia do convenio, se poidan crear ou integrar nela.
As normas do presente convenio serán aplicadas a todo o persoal que, integrado no ámbito funcional do artigo anterior, estea vinculado á Universidade en virtude de relación xurídico-laboral, en contrato asinado polo interesado e polo reitor ou polo órgano en que delegar, estea suxeito ao poder de dirección desta Universidade e perciba as súas retribucións con cargo ás correspondentes consignacións orzamentarias de persoal laboral de administración e servizos.
Non están incluídos no ámbito de aplicación do convenio:
O presente convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no BOP e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2007. Os seus efectos económicos aplicaranse desde o 1 de xaneiro de 2005 (tal e como se detalla no anexo III). O seu termo quedará automaticamente prorrogado, por períodos naturais, salvo denuncia expresa dalgunha das partes, cunha antelación mínima de dous meses ao rematar o período de vixencia.
Se se denunciar o convenio calquera das partes poderá solicitar a constitución da comisión negociadora e o inicio de novas deliberacións, no prazo máximo dun mes. Despois de se denunciar, e mentres non se alcance un novo acordo expreso, o convenio permanecerá en vigor na súa totalidade.
Se se producise prórroga expresa ou tácita, durante o período de vixencia deste convenio, as condicións retributivas fixadas nel serán revisadas anualmente con efectividade desde o primeiro de xaneiro, en virtude do incremento porcentual que determinaren as respectivas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma
Igualmente, se nas referidas leis de orzamentos se establecesen condicións máis beneficiosas para o citado persoal, estas faranse extensivas aos grupos correspondentes do persoal laboral suxeito ao presente convenio. Todo isto sen prexuízo de que a Universidade adiante, desde o 1 de xaneiro, o incremento establecido na Lei de orzamentos.
Compensación e absorción. As condicións económicas que se establecen no presente convenio compensarán todas as existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que for a súa orixe e natureza, sen prexuízo da súa cualificación xurídica.
Se por disposición legal ou regulamentaria se estableceren mellores condicións económicas, só terá eficacia se, ao se consideraren globalmente en cómputo anual, resultaren superiores ás previstas neste convenio.
Respectaranse, e manterase estritamente ad personam, as condicións particulares que, con carácter global, en cómputo anual, excedan das melloras do presente convenio e veñan derivadas da norma preexistente estatal ou da Comunidade Autónoma de Galicia.
As condicións pactadas no presente convenio constitúen un todo orgánico e indivisible. Para os efectos da súa aplicación práctica, as condicións non poderán ser renegociadas separadamente do seu contexto nin pretenderse a aplicación de parte do seu articulado desbotando o resto.
No suposto de que a xurisdición laboral declarase a nulidade dalgunha das cláusulas pactadas, as dúas partes decidirán, de mutuo acordo, a necesidade de renegociaren estas cláusulas e aquelas que se vexan afectadas, baixo o principio de que a nulidade dalgunha ou dalgunhas non supón a nulidade de todo o convenio.
8.1. Constituirase a comisión paritaria do convenio colectivo, sen prexuízo das competencias atribuídas aos órganos administrativos e xudiciais correspondentes.
8.2. A comisión estará composta por cinco persoas representantes do persoal laboral designadas polas centrais sindicais que asinan o presente convenio en proporción aos resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais que tiveron lugar, e por outras cinco persoas representantes da Universidade da Coruña. Cada unha das partes poderá nomear dous asesores, que asistirán con voz mais sen voto.
8.3. A comisión paritaria constituirase por iniciativa de calquera das partes no prazo dun mes que se contará a partir da data da publicación do convenio no BOP.
Na sesión constitutiva procederase a designar as persoas que exercerán a presidencia da comisión e a súa secretaría.
8.4. Serán funcións desta comisión, sen prexuízo do disposto no Estatuto dos traballadores, as seguintes:
8.5. A comisión reunirase por convocatoria do seu presidente, con carácter ordinario polo menos dúas veces ao ano en sesión ordinaria e, con carácter extraordinario, logo de petición do 50% de calquera das partes. Neste caso, a reunión deberá ter lugar antes de que se cumpran 15 días desde a solicitude.
8.6. Os acordos que adoptar a comisión paritaria, e que estarán debidamente reflectidos na acta de cada reunión asinada polas dúas partes, terán carácter vinculante.
8.7. Os acordos da comisión paritaria requirirán o voto afirmativo da maioría de cada unha das partes integrantes. Estes acordos, que serán publicados da forma que se considere oportuna, vinculan as partes nos mesmos termos con que o fai o presente convenio e serán recollidos en actas que se incorporarán como anexos, e poderá establecerse no acordo o prazo para a súa execución.
8.8. Calquera organización sindical ou calquera traballador/a interesado/a terá dereito a unha certificación da acta dos acordos adoptados.
8.9. A Universidade e cada central sindical ou agrupación con representación na comisión poderá solicitar a información relacionada con asuntos da competencia desta, a través da Secretaría.
8.10. A comisión, en caso de denuncia do convenio, continuará desenvolvendo as súas competencias.
9.1. Os conflitos que se orixinaren durante a vixencia do presente convenio, como consecuencia da interpretación diverxente dalgunha ou algunhas das cláusulas convencionais polas partes asinantes ou por algún ou por algúns dos seus destinatarios, deberán ser presentados perante a comisión paritaria, que os resolverá mediante un acordo, por escrito, nun prazo máximo dun mes.
9.2. A comisión paritaria poderase abster de intervir naqueles casos en que as reclamacións fosen tramitadas simultaneamente pola vía xudicial.
9.3. Por seren conscientes as partes asinantes deste convenio da conveniencia de chegaren a unha solución extraxudicial da conflitividade laboral, tanto na súa vertente individual como colectiva, facúltase á comisión paritaria para que desenvolva un sistema de solución extraxudicial de conflitos.
A clasificación profesional ten por obxecto a determinación, a ordenación e a definición dos diferentes grupos e categorías profesionais. O sistema de clasificación que se inclúe no presente convenio estrutúrase en grupos profesionais, en categorías e, se for o caso, en especialidades.
O grupo profesional agrupa unitariamente as aptitudes profesionais, as titulacións e o contido xeral da prestación laboral que se corresponde con elas. A pertenza a un grupo profesional capacita para o desempeño de todas as tarefas e cometidos que lle son propios, sen máis limitacións que as derivadas da esixencia das titulacións específicas e demais requisitos de carácter profesional.
A categoría profesional recolle os contidos funcionais e o nivel de formación requirida para o desempeño e a especialidade incorpora ás categorías profesionais os contidos técnicos especializados. As categorías profesionais que se fixan neste convenio, así como a integración delas nos respectivos grupos profesionais, son as que se fixan no ANEXO I coas súas correspondencias nos sistemas de clasificación vixentes ata o momento.
O persoal comprendido no ámbito de aplicación deste convenio clasificarase, atendendo os seguintes criterios en atención á titulación esixida ou, se for o caso, ás condicións xerais esixidas para o desenvolvemento do seu posto de traballo na Universidade, en 4 grupos:
A clasificación por grupo determinará as retribucións básicas do persoal.
Dentro de cada grupo e atendendo ás especificidades das funcións que deban desenvolver os postos de traballo, clasificaranse por categorías profesionais que determinarán os sistemas de acceso, de traslado e de promoción, así como a posible existencia de retribucións complementarias.
En atención ás características específicas ou xerais, os postos de traballo clasificaranse en singularizados e non singularizados. A clasificación por posto determinará as retribucións complementarias do persoal.
As Relacións de Postos de Traballo (en adiante RPT), de acordo coa lexislación vixente, son o instrumento técnico a través do cal se realiza a ordenación do persoal de acordo coas necesidades dos servizos e onde se precisan os requisitos para o desempeño de cada posto de traballo, ao se realizar a creación, a modificación e a supresión de postos de traballo a través delas.
De acordo co previsto no artigo 91.3 dos Estatutos da UDC, cada dous anos, e potestativamente cada ano, revisarase e aprobarase a RPT do persoal laboral que será establecida por proposta da Xerencia, logo da negociación co comité de empresa.
A RPT incluirá como mínimo:
Cando se atope elaborada a avaliación de riscos de postos de traballo estudarase o xeito de incluír os resultados na RPT.
A Universidade adoptará as medidas necesarias para facilitar o acceso dos/as traballadores/as con condicións físicas diminuídas aos locais e postos de traballo. Se for preciso, cando existan postos vacantes, a Universidade poderá asignar aos/ás traballadores/as un novo posto de traballo máis axeitado ás súas capacidades, logo do informe do comité de empresa, nos seguintes supostos:
A organización do traballo, conforme a lexislación vixente, é facultade exclusiva da Universidade; a súa aplicación práctica correspóndelle ao reitor ou ás persoas titulares da delegación expresa deste das súas competencias en materia de xefatura de persoal de administración e servizos, segundo o que establece os Estatutos da Universidade.
Cando por razóns de urxente e inescusable necesidade de atención do servizo nun centro da Universidade for preciso proceder a un cambio de quenda dos/as traballadores/as, a Xerencia comunicarao con 48 horas de antelación ao comité de empresa e ao/á traballador/a, agás que por motivos urxentes e imprevisibles sexa inviable este preaviso. Ofertarase a todos/as os/as traballadores/as destinados/as nese centro. De non aceptar ningún deles o cambio corresponderalle ao de menor antigüidade no centro de traballo sen que a súa duración poida exceder de 15 días naturais. Se persistir a situación, corresponderalle ao seguinte menos antigo sen que a duración poida exceder de 15 días.
Poderán realizarse permutas entre traballadores/as, en activo, fixos/as da Universidade da Coruña e traballadores/as fixos/as doutras administracións, sempre que concorreren as seguintes circunstancias:
Ás persoas interesadas non se lles poderá autorizar outra no prazo de dez anos, a partir da concesión. Tampouco se autorizará cando a algún das persoas solicitantes lle falte menos de dez anos para a idade de xubilación forzosa. A concesión realizarase por resolución do reitor, logo do informe das unidades afectadas e do comité de empresa.
Todas as vacantes resultantes ao remate do procedemento descrito no artigo anterior serán ofertadas mediante convocatoria pública e a súa cobertura realizarase polos sistemas de promoción interna e acceso libre de acordo co seguinte réxime:
1. A selección farase mediante concurso-oposición. Será imprescindible aprobar as probas da fase de oposición para pasar á fase de concurso. A puntuación da fase de concurso será do 30% da puntuación total e en ningún caso a puntuación da fase de concurso poderá aplicarse para superar a fase de oposición. A antigüidade computará un 15% para os grupos I a III e un 20% para os grupos IVA e IVB. O 100% da antigüidade será acadada cunha experiencia laboral de 4 anos en postos da mesma categoría. A porcentaxe restante conseguirase pola valoración da formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais.
As persoas participantes procedentes de promoción interna quedan exentos da proba de coñecementos xerais das determinadas para a quenda libre.
As vacantes non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse á provisión externa.
As persoas seleccionadas pola quenda de promoción interna, para os que se habilitarán probas específicas, terán preferencia sobre a quenda libre para a elección de vacantes.
A Universidade reservará o 5% da súa oferta de emprego anual para persoas con minusvalía. Nas probas selectivas estableceranse para as persoas con minusvalía que así o solicitaren e o acreditaren, a adaptación de tempo e os medios para a súa realización de tal xeito que gocen das mesmas oportunidades que o resto dos participantes.
Polo menos o 50% das prazas na oferta pública de emprego da UDC queda reservado a promoción interna. Haberá negociación entre a UDC e o comité de empresa para a distribución desta porcentaxe entre as diferentes categorías e grupos profesionais nas diferentes convocatorias. En todo caso, cando nunha categoría haxa máis dunha vacante e, polo menos, unha delas estea ocupada por persoal con contrato temporal, reservarase unha porcentaxe das prazas que son obxecto da convocatoria para a quenda de acceso libre.
Na quenda de promoción poderán participar os/as traballadores/as fixos da Universidade que pertenzan a categoría distinta á das prazas que son obxecto de provisión e que dispoñan das titulacións que os habilite para o desenvolvemento profesional das prazas a que aspiran. Deste requisito poderán quedar exentos as persoas aspirantes dos grupos III e IV, agás que na relación de postos de traballo figurar unha titulación específica.
Os contratos de traballo formalizaranse por escrito e incluirán unha cláusula de que o contrato é subscrito polo/a traballador/a con coñecemento das obrigas que se derivan da normativa de incompatibilidades e de que o incumprimento desta pode supoñer a rescisión do devandito contrato, sen prexuízo da responsabilidade disciplinaria que se puider deducir no outro posto de traballo que viña desempeñando.
En calquera caso, a Universidade proporcionará información ao/a traballador/a antes do sinatura do contrato acerca das normas sobre incompatibilidades que o afectaren.
O período de proba será como máximo de tres meses para os grupos I e II e dun mes para o resto dos/as traballadores/as.
Estarase, neste punto, ao establecido no regulamento de listaxes de espera.
As convocatorias de prazas por quenda de promoción interna e libre, de existiren candidatos válidos, establecerán listaxes de espera das persoas aspirantes seguindo a orde de puntuación obtida no proceso de selección. Estas listaxes de espera servirán para a selección de traballadores/as contratados/as temporalmente. As persoas candidatas procedentes da listaxe de promoción interna terán preferencia sobre as de quenda libre.
Os tipos de contratos temporais serán os seguintes:
Calquera modificación da normativa sobre listaxes de espera acordarase entre a Universidade e o comité de empresa.
O persoal só poderá adquirir a consideración de fixo de cadro de persoal mediante a superación dos correspondentes procesos selectivos.
A xornada de traballo será de 35 horas fixas á semana agás nos meses de xullo e de agosto e de semana santa, en que será de 25 horas á semana.
O réxime salarial pactado no presente convenio queda estruturado da seguinte forma:
A retribución anual por grupo é a que figura na táboa de retribucións, que se fará efectiva en 15 pagas: 12 mensualidades e 3 pagas extraordinarias que se farán efectivas en xuño, setembro e decembro, de idéntica contía ás retribucións básicas. O seu importe será calculado proporcionalmente ao tempo de servizos efectivamente prestados nos doce meses inmediatamente anteriores aos sinalados para o seu aboamento.
Percibirase por cada trienio a cantidade de 38,71 euros mensuais (para o ano 2006). Os trienios acumulados na Universidade ata o 1 de febreiro de 1988 e os consolidades en réximes diferentes aos do presente convenio, de que se solicite a súa actualización, aboaranse, igualmente na contía de 38,71 euros mensuais (para o ano 2006). Este concepto aboarase tanto nas pagas ordinarias como nas tres pagas extraordinarias.
Ao mesmo tempo recoñeceranse para os efectos de antigüidade os servizos prestados á administración pública, os do período de proba e aqueles correspondentes a contratacións temporais de calquera natureza sempre que se adquira a condición de persoal fixo. Este tempo só poderá ser recoñecido por unha soa vez aínda cando durante el o/a traballador/a prestase servizos simultáneos nunha ou máis esferas da mesma ou de distintas administracións públicas.
O persoal laboral contratado temporalmente que completar un período de 3 anos de servizos prestados na UDC, logo da solicitude de recoñecemento, terá dereito a percibir a mesma cantidade co persoal laboral fixo en concepto de antigüidade. Este concepto aboarase tanto nas pagas ordinarias como nas 3 pagas extraordinarias.
Os efectos económicos serán do primeiro día do mes seguinte á data de solicitude.
Atendendo á responsabilidade específica ou xeral do posto ocupado, procederá a retribución complementaria do persoal mediante o complemento de posto fixado na táboa de retribucións do convenio. En calquera caso, non se poderá percibir máis dun complemento de posto por persoa.
O persoal laboral declarado a extinguir que ocupe postos que na RPT estean catalogados para seren ocupados por persoal funcionario percibirán, con cargo os créditos orzamentarios correspondentes ao PAS funcionario, a diferenza entre o seu salario e a retribución que corresponda ao posto, que se calculará como se a persoa ocupante fose funcionario, sempre que as súas retribucións como laboral sexan inferiores ás do funcionario.
O complemento de permanencia retribúe o tempo que exceda da xornada ordinaria establecida neste convenio con carácter xeral, sempre que este tempo constitúa prolongación da xornada por razóns de servizo. O exceso de xornada máximo cuberto por este complemento, é de 20 horas mensuais, e computarase este exceso, desde o remate da xornada oficial, ata a finalización diaria do servizo constituída pola chegada á base co vehículo. Cando se sobrepasen as 20 horas mencionadas en prolongacións de xornada, percibirase a retribución correspondente ás horas de servizo como horas ordinarias.
Os servizos que non constitúan unha prolongación de xornada, e dicir que sexan requiridos despois da súa finalización e con intervalo no medio, son totalmente voluntarios para o/a traballador/a que pode optar entre percibir a retribución polas horas realizadas a prezo de hora extraordinaria, ou a compensación en descanso segundo o establecido neste convenio. En ningún caso estas horas están cubertas polo complemento de permanencia e limítanse a 60 ao ano.
Respectaranse, ao mesmo tempo, as limitacións de xornada e de intervalos mínimos entre xornadas, establecidos pola normativa vixente.
Servirá para remunerar a xornada desenvolvida entre as 22 horas e as 6 horas. As horas ordinarias que se realizaren neste período terán un incremento do 25% do salario base hora. Non obstante, os/as traballadores/as que realicen como mínimo un terzo da xornada neste horario terán dereito ao anterior incremento na totalidade do seu horario.
Os titulares de postos de traballo que sexan declarados tóxicos, perigosos ou penosos percibirán un complemento mensual que se recolle nas táboas de retribución deste convenio. Establécese o compromiso de negociar entre as partes os postos de traballo que teñen dereito a este complemento.
O persoal suxeito ao réxime de xornada partida permanente percibirá un complemento mensual, agás nos meses de xullo e agosto.
Establécese un complemento de convenio para todo o persoal da UDC afectado polo presente convenio de 479,72 euros anuais (para o ano 2006) durante o período de vixencia deste convenio.
As partes asinantes coinciden nos efectos positivos que poden derivarse dunha política conducente á supresión das horas extraordinarias. Por iso acordan reducilas ao mínimo imprescindible e dedicar o importe que se aforre coa súa redución ou desaparición ao incremento de postos de traballo no cadro de persoal de PAS da Universidade. Regularanse segundo o establecido neste convenio e na normativa vixente.
A realización de horas extraordinarias terá que ser aprobada pola Xerencia, e terá sempre un carácter voluntario. O seu límite será de 60 horas en cómputo anual. As horas extraordinarias poderanse compensar, a elección do traballador, do seguinte xeito:
Para o cálculo da hora ordinaria non se terán en conta os pluses de xornada, de permanencia e de nocturnidade. Non se terán en conta, para os efectos da duración máxima de xornada ordinaria laboral, o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, de conformidade co disposto no artigo 35 do Estatuto dos traballadores, sen prexuízo dos dereitos de información dos seus representantes ao abeiro do artigo 64 do citado estatuto.
Trimestralmente, a Xerencia da Universidade remitirá ao comité de empresa a relación das horas extraordinarias que se realizan con indicación das aboadas e/ou compensadas con descanso.
O tempo de descanso poderá acumularse ata 2 semanas consecutivas e, e ningún caso, aos período de vacacións.
Ao persoal laboral ao servizo da Universidade aplicaráselle a Lei 53/1984, do 26 de decembro, e o seu desenvolvemento regulamentario en materia de incompatibilidades.
Todo/a traballador/a terá dereito a un mes de vacacións retribuídas ao ano, ou de vinte e dous días hábiles anuais, ou aos días que en proporción lle corresponderen polo tempo de servizos efectivos, e procurarase, de acordo coas necesidades do servizo, que sexa aproveitado preferentemente en xullo ou agosto. Se o/a traballador/a o solicitar, poderá aproveitalas ao longo de todo o ano en períodos mínimos de 5 días seguidos, sempre que as necesidades do servizo o permitan.
Así mesmo, terán dereito a un día hábil adicional ao cumprir quince anos de servizo, e engadirase un día hábil máis ao cumprir os vinte, os vinte e cinco e os trinta anos de servizo, respectivamente, ata un total de vinte e seis días hábiles por ano natural. Este dereito farase efectivo ao ano seguinte.
Para os efectos previstos neste punto non se considerarán como días hábiles os sábados, sen prexuízo das adaptacións que se establezan para os horarios especiais.
En caso de discrepancias entre os/as traballadores/as dunha unidade para a asignación da quenda de vacacións, procederase a establecer quendas rotatorias, téndose como referencia o ano anterior.
En caso de baixa por maternidade, cando a situación coincida co período de vacacións, esta quedará interrompida e poderase beneficiar dela cando rematar o permiso por maternidade. En todo caso, as vacacións deberán ser realizadas dentro do ano natural ata o 15 de xaneiro do ano seguinte.
O persoal que cumprise, cando menos, un ano de servizos efectivos poderá solicitar licenza sen soldo por un prazo non inferior a 15 días nin superior a seis meses. Estas licenzas seranlle concedidas dentro dos 15 días seguintes ao da solicitude, sempre que o permitan as necesidades do servizo. A denegación desta deberá ser razoada. A duración acumulada destas licenzas non poderá exceder dos 9 meses cada 2 anos.
Cada dous anos, o/a traballador/a poderá solicitar 9 meses sen soldo con reserva do posto de traballo.
Os/as traballadores/as, logo de xustificación, se for o caso, terán dereito a licenzas retribuídas polas causas e polo tempo seguintes:
Serán de aplicación, nesta materia, as condicións máis beneficiosas que teña recoñecido ou se lle recoñezan ao persoal funcionario da Universidade da Coruña.
Sen prexuízo do establecido nos artigos 45 e 48 do Estatuto dos traballadores, o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio terá dereito á suspensión do seu contrato, con reserva do seu posto de traballo, nos seguintes casos:
A excedencia considerada nas liñas anteriores constitúe un dereito individual dos/as traballadores/as. Non obstante, se os dous traballasen na UDC e xerasen o dereito polo mesmo suxeito causante, a Universidade poderá permitir o seu exercicio simultáneo.
Esta excedencia terá unha duración non superior a tres anos, e para o previsto no apdo. 1) cando un novo suxeito causante dera dereito a unha nova excedencia, o inicio desta poría fin á que se estaba gozando.
O período en que o/a traballador/a permaneza nesa situación será computable a efectos de antigüidade e o/a traballador/a terá dereito á asistencia a cursos de formación. Durante os primeiros dous anos terá dereito a reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o citado prazo a reserva quedará referida a un posto de traballo da súa categoría ou grupo profesional.
O/a traballador/a que, como aplicación da normativa de incompatibilidades, deba optar por un posto de traballo na administración pública, pasará á situación de excedencia voluntaria no posto que viña desempeñando sen que lle sexa esixible a permanencia dun ano nel. Permanecerá nesa situación mentres persistiren as razóns que xeren a incompatibilidade, e conservará indefinidamente o dereito preferente ao reingreso en vacante de igual ou similar categoría á súa que haxa ou se produza na Universidade.
O reingreso por excedencia que se derivar de incompatibilidades solicitarao o/a traballador/a no mes seguinte ao remate desta.
O/a traballador/a excedente voluntario/a, de máis de dous anos de duración, que solicitar a súa incorporación, terá dereito a ocupar a primeira vacante que se produza na súa categoría. De non existir vacante poderá optar a outras categorías do seu mesmo grupo paras as que estea cualificado, ou ben agardar a que se produza unha vacante na súa mesma categoría.
A Universidade comprométese a cumprir estritamente as disposicións vixentes en materia de prevención de riscos laborais e seguranza no traballo, de conformidade co establecido na lexislación vixente en materia de prevención dos riscos laborais e no Estatuto dos traballadores.
No caso de non ter servizo médico, a Universidade asegurará a realización dunha revisión médica anual para todos os traballadores. Dita revisión abranguerá o establecido no artigo 37.3 do Regulamento dos servizos de prevención (RD 39/1997, do 17 de xaneiro) e unha revisión xinecolóxica para as mulleres e análise de PSA para os homes.
Todo/a traballador/a ten dereito a participar, por medio dos seus representantes, en materia de seguranza e saúde laboral no traballo.
Para estes efectos, e como órgano paritario e colexiado de consulta, funcionará un comité de seguranza e saúde laboral que velará pola adopción, o mantemento e o perfeccionamento de medidas axeitadas en materia de prevención de riscos laborais, de seguranza e de saúde laboral nos centros de traballo da Universidade.
Estará composto polos delegados de prevención elixidos na proporción e segundo o procedemento establecido no artigo 35 da Lei 31/1995, e por igual número de representantes da Universidade.
Sen prexuízo do establecido nos artigos 38 e 39 da Lei de prevención de riscos, son funcións do comité as seguintes:
O Comité de Seguranza e Saúde da UDC reunirase con carácter ordinario trimestralmente, ou cando a necesidade o requirir de acordo coas súas normas de funcionamento.
Os delegados de prevención terán dereito a un crédito horario mensual para o exercicio do seu labor igual aos dos membros do comité de empresa.
Calquera membro da comunidade universitaria que reúna os requisitos que se establecen no artigos 35.2 e 35.4 da Lei de prevención de riscos laborais poderá ser nomeado polo comité de empresa para formar parte do Comité de Seguranza e Saúde.
As traballadoras terán dereito ao cambio de posto de traballo por embarazo se, segundo a prescrición dun facultativo da sanidade pública ou, se for o caso, do Servizo de Vixilancia da Saúde, se certificase que as condicións del resultan nocivas para a súa saúde, para a do feto ou impiden o normal desenvolvemento da actividade que desempeña. Estas medidas poderán aplicarse cos mesmos requisitos durante o período de lactación.
Nestes supostos asegurarase que a traballadora non sufra ningunha mingua dos seus dereitos económicos, e que poida volver incorporarse ao seu posto habitual cando remate a circunstancia que deu lugar ao cambio.
En materia de roupa de traballo e vestiario, a Universidade proporcionaralles aos/ás traballadores/as as seguintes pezas de roupa:
A subministración de vestiario implica o seu uso obrigatorio durante a xornada de traballo.
Cada uniforme comprende: traxe, camisa, gravata (que será a da Universidade), calcetíns e zapatos.
Os uniformes que se especifican para os auxiliares de servizos e conserxes da Reitoría, os auxiliares de servizo da Vicerreitoría de Ferrol e do persoal do Club Marítimo, deben entenderse como roupa incluída na previsión que neste texto se fai para o persoal de apoio a actos oficiais. Estes uniformes levarán incorporados un anagrama (para o seu uso en horario de traballo e, especialmente en actos oficiais) que xunto ás gravatas e panos de cabeza, serán facilitados pola propia Universidade. Os traxes serán de cor azul mariña e os zapatos negros.
En todo caso, a Xerencia e o comité de empresa determinarán aquelas necesidades de roupa de traballo que non estean incluídas nos puntos anteriores.
Os/as traballadores/as deberán presentar a súa solicitude, para a subministración das pezas recollidas neste artigo, no servizo de persoal, preferentemente durante os meses de xaneiro e febreiro de cada ano.
EPI. Ademais das prendas recoñecidas, a Universidade proverá os/as traballadores/as de todo o material (EPI) necesario para as súas funcións.
Os/as traballadores/as poden ser sancionados/as polo reitor, en virtude de incumprimentos laborais segundo a graduación de faltas e de sancións que se establecen neste artigo.
As faltas disciplinarias dos traballadores, cometidas con ocasión ou como consecuencia do seu traballo, poden ser leves, graves ou moi graves.
As sancións que se poidan impoñer en función da cualificación das faltas e que, en calquera caso, se comunicarán por escrito, son as seguintes:
As sancións por faltas graves e moi graves requiren a tramitación previa de expediente disciplinario, segundo as normas legais vixentes.A súa iniciación débese comunicar á persoa interesada, a quen se lle debe dar audiencia e aos representantes dos/as traballadores/as que serán escoitados.
Para a imposición de sancións por faltas leves non será preceptiva a previa instrución do expediente ao que se refire o punto anterior, agás o trámite de audiencia, e a comunicación aos representantes dos traballadores
As faltas leves prescriben aos dez días; as faltas graves aos vinte días, e as moi graves aos sesenta días, a partir da data en que a administración tivo coñecemento delas e, en todo caso, aos seis meses despois de se cometer. Eses prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente instruído, ou información reservada, se for o caso, sempre que a duración do expediente, en conxunto, non superar o prazo de seis meses sen mediar culpa do/a traballador/a expedientado/a.
Todo/a traballador/a pode dar conta por escrito persoalmente ou mediante os seus representantes, do actos que impliquen faltas de respecto á súa intimidade ou á consideración debida á súa dignidade humana ou laboral. A Universidade, a través do órgano directivo ao que se encontre adscrito a persoa interesada, abrirá a información oportuna e instruirá, se é o caso, o expediente disciplinario que proceda, no cal intervirá a representación dos traballadores.
As sancións impostas e a súa cancelación anotaranse no expediente persoal, e informarase diso ao representantes dos/as traballadores/as e á comisión paritaria.
Non se poden impoñer sancións que consistan na redución das vacacións ou outra minoración dos dereitos ao descanso dos traballadores, ou multa de haber.
A cancelación das sancións impostas por faltas leves, graves e moi graves, anotarase de oficio ou por petición do interesado no expediente persoal ao ano, tres anos ou cinco anos, respectivamente, desde a data do seu cumprimento.
Dentro da política de promoción do emprego, a xubilación será obrigatoria ao cumprir o/a traballador/a a idade de sesenta e cinco anos, e a Universidade comprométese a constituír bolsas de emprego coas vacantes que se produzan por esta causa, incluíndo nas súas ofertas de emprego prazas de idéntica categoría profesional ou outras de distinta categoría que se creen por transformación das citadas vacantes.
A Universidade, antes de rematar o primeiro trimestre, informará o comité de empresa das previsións de xubilacións nos doce meses seguintes á data de emisión do informe, co obxecto de planificar as futuras vacantes. Esta información realizarase por centros, reflectindo a categoría profesional, a clasificación do posto ou do servizos, a xornada, a quenda e os complementos correspondentes.
A idade de xubilación establecida no artigo anterior considerarase sen prexuízo de que todo/a traballador/a poida completar os períodos de carencia para a xubilación, supostos nos cales a xubilación obrigatoria se producirá ao completar o/a traballador/a os ditos períodos de carencia na cotización á Seguridade Social. Excepcionalmente poderán continuar en activo os/as traballadores/as que non teñan completados os 35 anos de cotización ata completalos; en todo caso, aos 70 anos a xubilación é obrigatoria.
O persoal afectado por este convenio poderá xubilarse a partir dos sesenta anos, e concederase unha gratificación, por unha soa vez e polo referido feito, de acordo coa seguinte escala:
Estas contías incrementaranse porcentualmente na mesma cantidade que o fagan as retribucións básicas a partir do ano 2006.
Sen prexuízo do establecido no RD 1131/2002 e coa previa conformidade do/a traballador/a afectado, poderá producirse a xubilación aos 64 anos, segundo o establecido no Real decreto 1194/1985, naqueles casos en que a contratación simultánea doutro traballador, esixida no citado real decreto, sexa aconsellable por circunstancias do servizo ou da función, apreciadas pola Xerencia co informe favorable do comité de empresa.
A comisión paritaria será o marco onde se desenvolverá e proporá a política de asistencia social.
Sen prexuízo das medidas que se desenvolvan, manterase a efectividade das seguintes:
Co obxecto de financiar accións dirixidas ao persoal que se acorden na comisión paritaria, ou ben que se complementen ás adoptadas nela, decididas entre a Xerencia e o comité de empresa, constitúese na Universidade un fondo de acción social para o persoal laboral, equivalente, cada ano, ao 1,5% da masa salarial anual, garantindo como mínimo os fondos necesarios para a contratación dun seguro de asistencia sanitaria de prestacións análogas ás vixentes na data de sinatura deste convenio.
Ningún/ningunha traballador/a poderá ser discriminado en razón da súa afiliación sindical e todos poderán expoñer libremente no centro as súas opinións.
Todo/a traballador/a poderá ser elector e elixible para exercer cargos sindicais, sempre que reúna os requisitos establecidos no Estatuto dos traballadores.
Todo/a traballador/a poderá dispoñer de 20 horas laborais ao ano como permiso retribuído para asistir a reunións sindicais ou de entidades legalmente constituídas e relacionadas coa súa profesión, e ás que fose oficialmente citado. Para o uso deste dereito, daráselle comunicación á Xerencia con 48 horas de anticipación e achegarase a correspondente citación.
Sen prexuízo do disposto nos artigos 77 a 81 do Estatuto dos traballadores, poderá ser constituída a asemblea dos/as traballadores/as da Universidade, dun centro ou de varios centros da mesma. Deberá ser convocada polo comité de empresa ou por un 20% dos/as traballadores/as do seu cadro de persoal.
Terán dereito a reunirse, fóra das horas do traballo, nun local da Universidade facilitado pola Xerencia, sen presenza desta. A Xerencia deberá recibir comunicación, coa orde do día, cunha antelación de corenta e oito horas.
No caso de estar negociando un convenio colectivo, poderán reunirse asembleas de traballadores no centros debidamente convocadas e coa autorización previa da Xerencia, dentro do horario de traballo cun límite de oito horas no período dun mes, e con só vinte e catro horas de preaviso.
O comité de empresa e os delegados de persoal poderán acumular as horas sindicais dos seus membros en un ou en varios deles. A notificación de acumulación deberá facerse por escrito, coa autorización tanto do cedente coma do cesionario, sendo aplicado, de forma inmediata pola Xerencia da Universidade.
A Xerencia da Universidade, co obxecto de permitir o desenvolvemento efectivo das tarefas de representación sindical, arbitrará as medidas oportunas procedendo, se for o caso, a reforzar o servizo correspondente co persoal necesario, de xeito que as necesidades deste servizo non impidan en ningún caso a actividade sindical.
Recoñécese o dereito das centrais sindicais a seren representadas por un delegado da Universidade. O delegado deberá ser un/unha traballador/a en situación de servizo activo na Universidade.
Os sindicatos que alegaren este dereito deben acreditalo de modo que faga fe diante da Universidade, e esta recoñeceralle, acto seguido, ao citado delegado a súa condición de representante do sindicato para todos os efectos.
A estes representantes recoñécenselles os dereitos establecidos na LOLS (Lei Orgánica de Liberdade Sindical) e demais normativa que lle sexa de aplicación.
As organizacións sindicais con representación na Universidade terán dereito ao uso gratuíto dos medios de difusión e de comunicación propios da Universidade, só para o cumprimento dos seus fins no ámbito desta.
Os membros do comité de empresa e os delegados de persoal e delegados sindicais terán os dereitos que lle recoñece a lei e os seguintes:
A Universidade facilitará un local en cada campus para a actividade sindical e o material de oficina necesario. Así mesmo dispoñerase de taboleiros de anuncios reservados á libre comunicación sindical en todos os centros de traballo da Universidade.
Todos/as os/as traballadores/as da Universidade suxeitos a este convenio teñen dereito a ver facilitada a realización de estudos para obteren títulos académicos ou profesionais recoñecidos oficialmente, a realización de cursos de perfeccionamento profesional e o acceso a cursos de capacitación ou de reconversión profesional organizados pola Universidade.
A Universidade, dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, dedicará unha partida para financiar un plano de formación que negociará dentro da comisión de formación cos criterios do artigo 98.2 dos Estatutos da UDC (vixentes no momento de asinar este convenio).
Coa finalidade de elaborar un plano para a formación e perfeccionamento do persoal, a comisión paritaria asumirá as funcións de análise e de avaliación, do plano de formación profesional, así como o seu seguimento e control no que atinxe ao persoal laboral.
A Universidade determinará a asistencia obrigatoria a aquelas actividades formativas necesarias para o bo desemprego das tarefas propias do posto de traballo. O tempo de asistencia aos curso de capacitación profesional para a adaptación dos/as traballadores/as ás modificacións técnicas operadas así como aos cursos de reconversión profesional, considerarase como de traballo efectivo e, se para a súa asistencia o/a traballador/a tiver que se desprazar fóra da súa residencia habitual, percibirá, se for o caso, a axuda de custo correspondente.
Os/as traballadores/as que cursen estudios oficiais de perfeccionamento da súa profesión, dispensados por centros oficiais, terán dereito á adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia aos cursos, sempre que as necesidades do servizo e a organización do traballo o permitan.
O xerente poderá autorizar os/as traballadores/as para que dispoñan dun permiso retribuído de ata 40 horas anuais para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional que se celebren fóra do ámbito da Universidade, cando o seu contido estea directamente relacionado co posto de traballo ou coa correspondente carreira profesional, logo do informe do responsable da unidade/centro/servizo en que se achar o/a traballador/a. Este informe terá carácter técnico, será preceptivo mais non vinculante.
Os/as traballadores/as disporán dun permiso non retribuído dunha duración máxima de tres meses cada dous anos, para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional non directamente relacionados coa función pública, sempre que a xestión do servizo e a organización profesional do traballo o permitiren.
Primeira.- De acordo co proceso de funcionarización previsto nos estatutos da Universidade da Coruña, quedarán salvagardados os dereitos dos/as traballadores/as que voluntariamente opten por permanecer na súa condición de persoal laboral.
A Universidade comprométese a iniciar o proceso de funcionarización de todo o colectivo de PAS laboral antes do mes de setembro de 2006.
Primeira.- O persoal funcionario pertencente ao grupo E poderá participar en calquera concurso de provisión de postos laborais da categoría de auxiliar de servizos e de conserxe. Para estes efectos, procederase a adaptar o baremo que rexa nos traslados do persoal laboral ás peculiaridades do réxime estatutario.
Segunda.- A principios do ano 2007 convocarase unha promoción sen mobilidade das telefonistas do grupo IVB ao grupo IVA.
A Universidade comprométese a establecer, no último cuadrimestre do ano 2006, un calendario negociado co comité de empresa para a promoción de todos os grupos de traballo do grupo IVB ao grupo IVA e ás sucesivas promocións dos grupos laborais afectados (do grupos IVA ao grupo III). Todas as promocións serán sen mobilidade.
Todo o negociado quedará reflectido na RPT do ano 2007 e os procesos derivados dos acordos levaranse a cabo durante a vixencia desta.
Terceira.- Avaliación da calidade.
Considérase necesario fixar, no que ao persoal se refire, os mecanismos que posibiliten aplicar o proceso de avaliación da calidade dos servizos e da incentivación dos programas para a súa mellora que, con carácter xeral e aplicando procedementos de dirección participativa por obxectivos, se vai dar na Universidade, así como a apertura dun sistema de carreira profesional baseado na avaliación individual e voluntaria do desempeño.
A avaliación ten por obxecto a mellora da calidade dos servizos prestados, e convértese nun instrumento máis da política de calidade da UDC.
* Debe ser global, é dicir, aplicable a todos os servizos universitarios.
* Debe ser participativa, é dicir, que nela deben participar os servizos avaliados e os seus usuarios.
* Debe ser colectiva para os servizos e individual dos traballadores.
Con estes criterios, e tendo en conta o obxectivo de homoxeneización, é necesario determinar nun escenario conxunto os mecanismos que permitan:
A avaliación colectiva:
A avaliación empregará métodos de dirección participativa por obxectivos, e nela participará ademais dos superiores xerárquicos e os responsables dos servizos, os representantes dos usuarios a través de comités de calidade articulados institucionalmente.
As avaliacións desenvolveranse en programas cuadrienais, que coincidirán cos períodos das programacións plurianuais.
A avaliación individual:
Será voluntaria, e pivotará sobre os elementos da carreira profesional.
* Debe ser directiva, é dicir, que a avaliación do rendemento está en función dos obxectivos fixados pola dirección, coherentes coa formulación estratéxica da Universidade, e non en simples decisións illadas.
* Debe combinar un procedemento de avaliación e de incentivación colectiva dos servizos, cun individual.
Primeira.- En todo o non recollido no presente convenio haberase que ater á lexislación laboral que lle sexa de aplicación. En defecto desta, atenderase ao acordo entre as partes, formalizado mediante pacto. No caso de non chegar a un acordo, aplicarase, sempre que a natureza do tema o permitir, como criterio interpretativo supletorio o réxime legalmente establecido para os funcionarios.
Segunda.- Se por disposición legal ou regulamentaria ao persoal funcionario da Universidade da Coruña se lle recoñecese calquera mellora que superase as condicións equivalentes establecidas no presente documento, negociarase a súa aplicación ao persoal laboral.
Terceira.- A partir da entrada en vigor deste convenio non se poderán asignar novos complementos non considerados neste texto.
Queda derrogado o convenio colectivo do persoal laboral da UDC subscrito o 22/05/2000 e todos os acordos e disposicións de aplicación del que contradigan ou vulneren o contido do presente convenio.
GRUPO 1
GRUPO 2
GRUPO 3
GRUPO 4A
GRUPO 4B
Con carácter retroactivo e con efectos para o ano 2005: neste exercicio aplícase unha suba de 1,1% adicional sobre o 2% xa aplicado sobre:
Con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2006 aplícanse as seguintes táboas retributivas (soldo base e complementos):
Grupo | Contía mensual (euros) | Contía anual (euros) |
I | 1.821,83 | 27.327,45 |
II | 1.530,75 | 22.961,25 |
III | 1.240,63 | 18.609,45 |
IVA | 1.130,92 | 16.963,80 |
IVB | 1.021,17 | 15.317,55 |
Complementos 2006
a) Complementos de posto
Grupo I | Contía mensual |
Téc. sup. Ases. Científico Téc. sup. Inform. coord. area Téc. sup. Informática Secretario técnico Técnicos superiores Técnico coord. en Deportes Técnicos sup. Laboratorio Técnico Normalización Lingüística Técnico Fomento Innovación Técnico Relacións Internacionais Técnico en I+D Arquitecto Técnico en Comunicación Técnico en Teleformación Técnico en Deportes Técnico superior en Calidade |
781 € |
Grupo II | Contía mensual |
Arquitecto Técnico Téc. grao medio Informática Relacións Internacionais Téc. grao medio Norm. Lingüística Téc. grao medio Deportes Téc. Rel. Lab. e Asist. Social Secretario técnico Xefe Serv. Parque Móbil e Correos Téc. Prev. Riscos. Xefe de servizo Téc. Prevencións de Riscos Documentalista |
196 € 196 € 157 € 157 € 157 € 157 € 157 € 781 € 781 € 157 € 157 € |
Grupo III | Contía mensual |
Téc. especialista en Informática Especialista en Activ. Culturais Téc. esp. Act. Institucionais Xefe de taller Téc. especialista laboratorio Secretario técnico Delineante Téc. Equipamentos e Almacéns Técnico especialista Técnico especialista en Deseño Gráfico Técnico espec. en Medios Audiovisuais Técnico especialista en Mantementos Condutor |
182 € 196 € 125 € 125 € 182 € 255 € 125 € 196 € 125 € 125 € 182 € 182 € 125 € |
Grupo IVA | Contía mensual |
Conserxe Especialista de oficios Mariñeiro Condutor Especialista de laboratorio Socorrista Especialista de correos |
125 € 94 € 94 € 94 € 94 € 94 € 94 € |
Grupo IVB | Contía mensual |
Auxiliar de servizos Telefonista Vixiante |
63 € 125 € 63 € |
Outros complementos | |
Contía mensual | |
Dispoñibilidade Nocturnidade Perigosidade, penosidade e toxicidade Permanencia |
110 € 25% do salario base/hora 100,49 € Grupo 2: 602,22 € Grupo 3: 449,89 € Grupo 4A: 249,45 € |
Paga lineal (ano 2006): 479,72 €
ANEXO V
As táboas retributivas para o exercicio 2007 quedan do seguinte xeito:
Soldo:
Grupo | Mensual (euros) | Anual (euros) |
I | 1.858,27 | 27.874,00 |
II | 1.561,37 | 23.420,48 |
III | 1.265,44 | 18.981,64 |
IVA | 1.153,54 | 17.303,08 |
IVB | 1.041,59 | 15.623,90 |
Trienios: 39,48 euros
Paga lineal: 489,31 euros
Grupo I | 2007 |
Tec. Sup. Ases. Científico Tec. Sup. Inform. Coord. Área Tec. Sup. Informática Secretario Técnico Técnicos superiores Técnico coord. en deportes Técnico Superiores Laboratorio Técnico Norm. Lingüística Téc. Fomento Innovación Técnico Relacións Intern. Técnico en I+D Arquitecto Técnico en Comunicación Técnico en teleformación Técnico superior en calidade |
866,79 |
Grupo II | |
Arq. Téc. Tec. Grao Med. Informática Relac. Intern. Téc.Grao medio Norm. Lingüística Téc. Grao medio Deportes Tec. Rel. Lab. e Asist. Social Secrt. Técnico Xefe Serv. Parque Móvil e Correos Téc. Prev. Riscos. Xefe de Serv. Técnico Prev. Riscos |
260,60 260,60 220,43 220,43 220,43 220,43 220,43 863,15 863,15 220,43 |
Grupo III | |
Téc. Especilista Inform. Especialista en Ac. Culturais Tec. Esp. Act. Institucionais Xefe de Taller Téc. Especialista Laboratorio Secretario Técnico Delineante Tec. Equip.e Almacéns Téc. Esp. Téc. Esp. en Deseño Gráfico Tec. Esp. en audiovisuais Tec. Esp. Mantem. Condutor |
242,55 256,97 183,84 183,84 242,55 317,74 183,84 256,97 183,84 183,84 242,55 242,55 183,84 |
Grupo IVA | |
Conserxe Especialista oficios Mariñeiro Condutor Tec. Esp. Laboratorio Socorrista Especialista correos |
182,47 150,54 150,54 150,54 150,54 150,54 150,54 |
Grupo IVB | |
Auxiliar de servizos Telefonista Vixiante |
117,24 181,10 117,24 |
Outros complementos | |
Dispoñibilidade
|
113,32 25 % salario base Grupo 2: 620,40 € Grupo 3: 463,48 € Grupo 4A: 256,98 € 236,98 201,23 180,65 |
ANEXO VI
Asinan o presente convenio colectivo a Universidade da Coruña, representada polo seu Reitor e o comité de empresa do persoal laboral de administración e servizos, representado polo seu Presidente:
Pola Universidade da Coruña | Asdo.: José M.ª Barja Pérez |
Polo comité de empresa | Asdo.: Manuel Romero Beade |
Centrais sindicais participantes no proceso de negociación que suscriben o convenio:
USO | Asdo.: Pedro Monteserín Macías | CIG | Asdo.: José Manuel Suárez Sánchez |
UGT | Asdo.: Manuel Ríos Barbeito | CC.OO. | Asdo.: Jesús Penedo Pallas |
Membros do comité de empresa: