É obxectivo da Universidade da Coruña protexer a seguranza e a saúde do colectivo universitario a través dunha política de prevención dirixida á eliminación ou minimización dos riscos derivados da actividade laboral nas súas instalacións, de modo que beneficie non só ás persoas traballadoras senón aos seus usuarios en xeral, desde un punto de vista individual e colectivo.
A misión do Comité de Seguranza e Saúde da Universidade da Coruña (CSS-UDC) está integrada nas diferentes actuacións ordenadas e formalizadas que esta universidade leva a cabo para lograr o obxectivo de protección que ten proposto na súa política preventiva, con base nos principios de participación, planificación, información e educación.
Como consecuencia do anterior e ao abeiro da Lei 31/95 do 8 de novembro de prevención de riscos laborais, unha vez constituído o CSS-UDC) o 22 de novembro de 1999, redáctanse unhas normas de funcionamento que se aproban en sesión plenaria do 12 de maio de 2000 e logo dunha andaina de preto de nove anos, se revisan e dan orixe á seguinte proposta de regulamento que se presenta de novo ao plenario do Comité do 4 de xuño de 2009.
O presente regulamento será de aplicación ao Comité de Seguranza e Saúde da Universidade da Coruña (en diante CSS-UDC), constituído ao abeiro da Lei 31/95 de prevención de riscos laborais
O CSS-UDC terá carácter paritario e colexiado de participación, atendendo ás circunstancias propias da UDC, tanto no relativo á súa actividade, como aos diferentes colectivos de persoal que nela desenvolven a súa actividade profesional. Tendo en conta a vixente normativa de prevención de riscos laborais, por aplicación dos artigos 35 e 38 da Lei 31/1995 reformada pola Lei 54/2003, terá a composición seguinte:
Delegados/as de prevención: Serán designados por e entre os representantes do persoal, de acordo á escala que establece o artigo 35 citado, dun modo proporcional que garanta que todos os colectivos de persoas traballadoras teñan representación e no ámbito dos seguintes órganos:
Xunta de Persoal Funcionario Docente e Investigador.
Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos.
Comité de Empresa do Persoal Laboral Docente e Investigador.
Comité de Empresa do Persoal Laboral de Administración e Servizos.
Comité de Empresa do Persoal Contratado con cargo a: convenios e proxectos, FPI, FPU, programa da UDC coa Xunta de Galicia para a contratación de persoas desempregadas, programa María Barbeito, programa predoutoral da UDC.
Todos eles actuarán con voz e voto.
Representantes da Administración universitaria: Serán designados polo reitor ou reitora en igual número ao resultante de delegados de Prevención. Actuarán con voz e voto.
Será membro nato do CSS-UDC o/a xefe/a do Servizo de Prevención de riscos Laborais da UDC (en diante SPRL), que actuará con voz e sen voto, e non formará parte de ningún dos dous colectivos descritos anteriormente.
Nas reunións do CSS-UDC poderán participar, igualmente con voz mais sen voto, os/as delegados/as sindicais e as persoas responsables técnicas de prevención da empresa que non estean incluídos na composición do Comité. Na mesma condición poderán participar os traballadores da empresa que teñan unha especial cualificación ou información respecto de cuestións concretas que se debatan neste comité e técnicos de prevención alleos á Universidade, sempre que así o solicitar algunha das representacións no Comité.
Funcionará a través dos seguintes órganos:
1. Órganos unipersoais: presidencia e secretaría.
2. Órganos pluripersoais: pleno e comisións de traballo.
A convocatoria aos membros do Comité realizarase de forma que faga fe cunha antelación mínima de sete días naturais á celebración da sesión, salvo que se tratar de reunións extraordinarias que se convocarán de idéntica forma coa maior brevidade posible. Na convocatoria figurará a orde do día, o lugar, a data e a hora da reunión.
Unha copia da acta da sesión anterior e a información sobre os asuntos que figuren na orde do día estará ao dispor dos membros no mesmo prazo mencionado.
A orde do día estará formada polos asuntos que se acordar tratar na sesión anterior, así como aqueles formulados polos membros do Comité e remitidos á secretaría antes da convocatoria. Tamén constará na orde do día a aprobación, se for o caso, da acta da sesión anterior. Poderá engadirse a inclusión de propostas e suxestións. Non pode ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figurar na orde do día, excepto que estean presentes as tres cuartas partes dos membros e acordaren a súa urxencia polo voto favorable da maioría dos presentes.
Os acordos adoptaranse por maioría das persoas asistentes á reunión, de modo que en caso de empate decide o voto de calidade da presidencia.
O/a secretario/a redactará a acta de cada sesión que especificará necesariamente os membros asistentes, a orde do día da reunión, o lugar e a data de realización, os puntos principais das deliberacións e o contido dos acordos adoptados. Calquera membro terá dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que achegar no acto ou no prazo que sinalar a presidencia, o texto que corresponda fielmente coa súa intervención, o cal se fará así constar na acta ou unirase a esta. Os membros que discreparen do acordo maioritario poderán formular o seu voto particular por escrito no prazo de 72 horas, que se incorporará ao texto da acta.
O/a presidente/a, que será designado/a polos representantes da administración universitaria neste comité, desempeñará as seguintes funcións:
A duración do seu mandato coincidirá coa duración do mandato do reitor ou reitora que o/a nomea, podendo ser substituído ou renovado por este.
En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o/a presidente/a será substituído/a polo membro do Comité, representante da Administración, designado para os efectos polos representantes desta.
O/a secretario/a, que será designado polos representantes do persoal da Universidade neste comité, desempeñará as seguintes funcións:
A duración do seu mandado coincidirá co dos seus órganos de representación, e poderá ser substituído/a ou renovado/a polos ditos representantes. No caso de que os representantes do persoal non presentaren candidato/a, a elección do/a secretario/a corresponderá transitoriamente á Administración universitaria.
En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal o/a secretario/a será substituído/a polo membro do Comité, representante do persoal da Universidade, designado polos delegados de Prevención, ou ben transitoriamente pola administración universitaria (neste caso a duración do seu mandado, substitución ou renovación será igual que para o/a presidente/a).
Serán designados pola administración universitaria e os representantes do persoal da Universidade, nos termos e proporción previstos na normativa e acordos vixentes. Desempeñarán as seguintes funcións:
A duración do seu mandado coincidirá co da parte representada. En ambos os dous casos os/as vogais poden ser substituídos/as ou renovados/as por decisión da entidade que representan, a cal seralle comunicada á presidencia por medio da secretaría.
Estará constituído pola totalidade dos delegados de Prevención, dos representantes da Administración universitaria e polo/a xefe/a do SPRL. O pleno reunirase con carácter ordinario trimestralmente. As súas reunións terán carácter extraordinario cando foren convocadas pola presidencia, ben sexa por iniciativa propia, ben por solicitude da maioría dos membros dunha das partes do Comité, en ambos casos mediante moción motivada. Con carácter xeral, a convocatoria de sesións extraordinarias efectuarase dentro dos 15 días naturais seguintes á solicitude.
Para a válida constitución do pleno e para os efectos de realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, ademais da citación en debida forma de todos os seus membros requirirase a presenza do/a presidente/a, do/a secretario/a (ou, se for o caso, dos seus substitutos) e da metade polo menos dos membros de cada unha das representacións en primeira convocatoria, ou dun terzo de cada unha das representacións en segunda. Entre ambas as convocatorias deberá transcorrer media hora.
Correspóndenlle as seguintes funcións e competencias:
Poderán constituírse comisións de traballo con carácter paritario e colexiado, para o estudo de asuntos concretos ou a realización de accións específicas en cada campus, centros agrupados ou illados, coas competencias e composición que para cada caso sinalar o pleno. O seu funcionamento regularase no momento da súa constitución ou, no seu defecto polo presente regulamento. Actuarán de presidente e de secretario dous dos seus membros elixidos pola propia comisión.
Poderán participar nestas comisións persoas alleas ao Comité, en función das tarefas encomendadas, como apoio técnico, en calidade de experto/a.
As conclusións, as resolucións ou os acordos que se poidan adoptar nas comisións de traballo, deberán remitírselle ao pleno do Comité para o seu debate e aprobación, se proceder.
As persoas que integren o Comité ou as diferentes comisións, terán a obriga de sixilo respecto á información á que tiveran acceso pola súa condición de membro ou experto/a, nos termos que fai referencia a Lei de prevención de riscos laborais no seu artigo 37, alíneas 3 e 4. Esta obriga seguirá existindo aínda despois de perder tal condición.
O presente regulamento poderá ser modificado polo pleno do Comité, necesitándose para a súa aprobación o voto favorable de 2/3 dos seus membros, por proposta da metade deles.
PRIMEIRA: Para todo o non previsto no presente regulamento estarase ao disposto na Normativa de prevención de riscos laborais e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como na demais normativa de aplicación.
SEGUNDA: O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da aprobación polo pleno do Comité de Seguranza e Saúde da Universidade da Coruña.