A Cátedra Emalcsa-UDC, investigación para un desenvolvemento urbano sensible á auga, ao ambiente e ás persoas

Press release

12/4/25 1:25 PM

  • Institutional
  • O CICA acolleu hoxe unha xornada na que se expuxeron as principais liñas de investigación da Cátedra correspondentes ao período 2025-2027. 
  • O evento reuniu a medio cento de persoas investigadoras e profesionais relacionados coa xestión da auga urbana.

 A Coruña, 4 de decembro de 2025.- A Cátedra Emalcsa-UDC, dirixida polo profesor da UDC, Sergio Roioloa, celebrou hoxe no Centro Interdisplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña a xornada “INAWA: investigación para un desenvolvemento urbano sensible á auga. Auga, ambiente e persoas”; un encontro inaugurado polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e que contou coa participación de Yoya Neira, concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña; Roi Fernández Añón, director de Augas de Galicia e María Isabel González Siso, subdirectora do CICA.

Tras a inauguración, Jaime Castillo Soria, enxeñeiro industrial e farmacéutico, impartiu unha conferencia en torno á xestión da oferta e demanda da auga neste novo milenio, e reflexionou sobre os retos actuais e futuros. A continuación, persoal investigador da UDC expuxo avances e fitos das liñas de investigación da Cátedra nos seus tres eixos correspondentes aos anos 2025-2027.

Así, AdO (Auga desde a Orixe) conta neste momento con tres proxectos activos:

  • Un deles, liderado polo profesor Jordi Delgado, pretende expandir e consolidar a base de datos de observacións de parámetros de calidade da auga do encoro de Abegondo-Cecebre e nas captacións das ETAPs, iniciadas en 2017 co obxectivo de contar cun seguimento de alta frecuencia na conca do Mero.
  • Outra das iniciativas, dirixida polos profesores Rafael Carballeira e Roberto Bao, persegue comprender a dinámica bioxeoquímica do encoro de Abegondo-Cecebre, interrelacionando parámetros abióticos (factores non vivos como a luz solar, minerais… ) e comunidades microbianas, empregando técnicas moleculares de metabarcoding.
  • A terceira investigación consiste nun proxecto de ecoloxía realizado polo profesor Alejandro M. Abraín, que busca determinar a distribución do desmán ibérico (Galemys pyrenaicus), así como a súa dieta no río Mero.

No que respecta á liña Ecad (Excelencia na Auga Distribuída), o profesor Ricardo Juncosa presentou o proxecto que se desenvolve neste trienio, que ten como obxectivo identificar e caracterizar os procesos químicos que inflúen na xeración de depósitos nas tubaxes de distribución de auga potable no sistema da Coruña e que poden orixinar episodios de turbidez.

Pola súa banda, a liña AquaLab (Mellora Dixital do Sistema de Auga Urbana) contou co profesor Héctor Quintián para expoñer a súa investigación que propón a aplicación de métodos avanzados de intelixencia artificial para optimizar a xestión do sistema de auga urbana, abordando aplicacións como a predición de demanda, detección de perdas ou anomalías, e medición de parámetros de calidade da auga.

Outra das actividades principais da xornada foi a sesión “Elevator Pitch”. Nesta actividade solicitábase a proposta de ideas dentro dos intereses da Cátedra, que puidesen constituír o xerme de futuros proxectos. A actividade resultou un éxito, con 20 presentacións en diferentes temáticas como a ecoloxía, a limnoloxía, a química, a informática ou a enxeñaría, que abordaron diferentes aspectos dentro do marco DUSA (Desenvolvemento Urbano Sensible á Auga), que rexe esta Cátedra.

A cita rematou cunha mesa redonda baixo o título “Mulleres e auga, un binomio para mellorar a relación da auga, o medio ambiente e as persoas” que contou coa participación de Soledad Muniategui, catedrática de Química Analítica na uDC, Leticia Rodríguez, xerente de Cetaquea Galicia e Alba Trueba, do CRETUS (USC).

Un referente de colaboración universidade-empresa

A Cátedra Emalcsa-UDC supón para a Universidade da Coruña un referente de colaboración entre a academia, concello e a empresa, “sempre ao servizo da sociedade e do medio ambiente”, como subliñaba o reitor, Ricardo Cao, no acto de inauguración da xornada.

Entre os proxectos realizados no marco da Cátedra nos últimos tempos, destacan non só iniciativas de investigación, senón tamén outras relativas á divulgación ambiental, como o programa Coawa, a comunidade da auga, que achega á sociedade a importancia da auga desde unha visión integrada co medio ambiente e as persoas.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC