A Oficina de Transferencia de Coñecemento da UDC avanza no programa UDC Conecta cun encontro dirixido aos clústeres galegos

Press release

12/2/25 11:53 AM

  • Institutional
  • A sesión, celebrada no Edificio de Servizos Centrais da Investigación (ESCI)do Campus de Elviña, reuniu representantes dos principais clústeres galegos e diversas áreas da Universidade da Coruña.

A Coruña, 2 de decembro de 2025.- A Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC) da Universidade da Coruña (UDC) celebrou o pasado venres 28 de novembro o "Encontro UDC Conecta con clústeres galegos", unha nova iniciativa dirixida aos principais axentes sectoriais do ecosistema produtivo. O evento, presidido polo vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas Agudo, tivo lugar no Edificio de Servizos Centrais de Investigación do Campus de Elviña e está enmarcado no programa UDC Conecta, que busca fortalecer as relacións entre a universidade e o tecido produtivo.

O obxectivo deste encontro foi abrir un espazo de diálogo directo cos clústeres galegos, recoñecidos como axentes xeradores de valor pola súa capacidade mediadora entre empresas, administracións e entidades innovadoras. Así, a sesión contou coa participación de persoal dos clústeres galegos e representantes da UDC nestes órganos, persoal do IGAPE, da Rede de Centros e Unidades de I+D+i da Universidade, ou do Campus Industrial de Ferrol, entre outros.

Ao longo da mañá, os asistentes coñeceron as principais capacidades, recursos e mecanismos de colaboración da UDC, presentados por José Anta Álvarez, adxunto de Transferencia, así como a folla de ruta prevista para o ano 2026 de “UDC Conecta con clústeres galegos”, exposta por María Isabel Docampo Ramos, directora da OTC. A sesión incluíu tamén un coloquio centrado na identificación de retos e necesidades comúns, nun ambiente orientado á xeración de ideas e oportunidades de colaboración.

O encontro concluíu cun “networking” que favoreceu o intercambio entre representantes da UDC e das distintas organizacións participantes, reforzando a vontade compartida de avanzar en proxectos conxuntos con impacto no territorio.

UDC Conecta, tecendo lazos entre o coñecemento e a sociedade

UDC Conecta é unha iniciativa que naceu no mes de maio co obxectivo de impulsar a conexión entre o coñecemento xerado na Universidade e os sectores produtivos, promovendo o fortalecemento das cadeas de valor estratéxicas que garantan que os avances científicos se transformen en solucións. Durante o ano pasado, desenvolvéronse na UDC un total de 280 proxectos en colaboración en empresas e institucións.

Coa posta en marcha deste programa, a Universidade da Coruña establece unha alianza permanente coa empresa, que ten a través desta plataforma un sistema de acompañamento integral e dinámico para poder contactar dunha forma áxil e sinxela co grupo de investigación máis axeitado segundo as súas necesidades.

A institución coruñesa conta na actualidade con 139 grupos de investigación e catro centros de investigación: o CITIC e o CICA, acreditados pola Xunta de Galicia como centros de excelencia; o CITEEC, como centro de investigación cooperativa e o CITENI, ademais do CEMI, o Centro Mixto de Investigación que a UDC ten con Navantia.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC