A UDC avanza no proceso de renovación dos órganos de goberno, que estará rematado en abril, en cumprimento coa LOSU

Press release

12/9/25 12:47 PM

  • Institutional
  • Na sesión do claustro de hoxe aprobouse o nomeamento da científica Marisol Soengas e o investigador Emery N. Brown como doutores honoris causa da Universidade da Coruña.
  • O reitor presentou un informe no que se recollen os pasos dados para o desenvolvemento normativo da LOSU e un balance en materia de organización académica.
  • Así mesmo, fixo unha análise sobre a situación da descentralización da titulación de Medicina e avanzou os próximos fitos do proxecto da Cidade das TIC.
  • O vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández, informou sobre as principais liñas que marcarán o orzamento de 2026, que será levado a Consello de Goberno nos próximos días.

A Coruña, 9 de decembro 2025.– A Universidade da Coruña vén de aprobar o nomeamento da científica Marisol Soengas como doutora honoris causa, unha proposta realizada pola Facultade de Ciencias. Foi na sesión do claustro da UDC desta mañá, na que tamén se outorgou esta distinción ao profesor e investigador Emery N. Brown.

Soengas, que fixo parte da súa carreira na UDC, empezou a investigar en 1997 no Cold Spring Harbor Laboratory de Nova York e desde 2008 lidera o grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). Ten desenvolvido unha traxectoria científica e de prestixio internacional, ao tempo que ten amosado o seu compromiso e activismo en defensa do liderado das mulleres na ciencia.

Por outra banda, a proposta de honoris para Emery N. Brown, nacido en 1957 en Estados Unidos, foi presentada polo departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Facultade de Ciencias da Saúde, que considera que o científico americano ten contribuído de xeito “relevante” á comprensión do funcionamento dos anestésicos no cerebro.

Actualmente, é profesor de Neurociencia no Massachusetts Institute of Technology e ocupa unha cátedra de Anestesia na Facultade de Medicina de Harvard, entre outros cargos e méritos, como a National Medal of Science.  Desde 2011 mantén relación coa UDC, sendo membro do comité asesor científico do CITIC.

Novo regulamento electoral

No seu informe, o reitor da UDC, Ricardo Cao abordou esencialmente catro temas dos que expuxo o estado da cuestión: adaptación á LOSU, organización académica, titulación de Medicina e Cidade das TIC.

Así, explicou que no marco de adaptación á LOSU, o pasado 28 de outubro entraron en vigor os Estatutos da UDC, sendo a primeira Universidade do SUG e realizar este proceso. “Agora -indicou- comeza unha etapa de adaptacións e modificacións, nas que esperamos contar de novo con toda a comunidade universitaria”.

Nestes momentos acaba de rematar o prazo de información pública do borrador de regulamento electoral xeral e nas próximas semanas estará en exposición pública o modelo de regulamento de réxime interno das facultades e escolas. Así, unha vez aprobado o regulamento electoral xeral, convocaranse eleccións a Claustro, Consello de Goberno, Consello de Estudantado, Xuntas de Centro e Consellos de Departamento; e aos órganos unipersoais que por primeira vez serán escollidos por elección: a persoa directora da EIDUDC e as persoas directoras dos centros de investigación.

“Temos por diante un traballo intenso”, subliñou Cao, quen lembrou que “a LOSU esixe ter constituídos o 12 de abril de 2026 o Claustro e o Consello de Goberno, en base á nova normativa, obxectivo que cumpriremos”

Datos de matrícula positivos

No eido da organización académica, destacou as boas cifras de matrícula neste curso 25/26, no que un total de 45 titulacións  lograron o 98-100% de ocupación. Das 3285 prazas ofertadas pola UDC quedaron libres 156, o que supón unha porcentaxe media de ocupación sobre prazas ofertadas do 95,3%. O total de persoas matriculadas foi de 3322.

En máster a matrícula incrementouse lixeiramente respecto ao curso anterior, resultando nunha ocupación do 81%, fronte ao 78,9% do curso pasado. En relación coa internacionalización das titulacións, destaca que no primeiro chamamento de mobilidade para o curso 2026/2027 houbo 758 alumnos solicitantes, a comparar cos 650 solicitantes de mobilidade de primeiro chamamento do curso 2024/2025.

En materia de persoal docente, concluirase o ano 2025 con 61 prazas de profesorado axudante doutor convocadas, dato que se suma ao feito de que, coa execución da Oferta de emprego público 2025, estabilizaranse 31 prazas de profesorado axudante doutor como profesorado permanente laboral.

No apartado de investigación, o reitor destacou que os resultados da actividade investigadora. Consolídase a actividade a nivel estatal, tanto en proxectos como en captación de talento predoutoral e posdoutoral. Ademais, no caso dos proxectos internacionais, este ano 2025 vaise pechar cunha cifra récord de captación de fondos. Os ingresos por proxectos competitivos internacionais superarán aos nacionais.

Impulso á Cidade das TIC

Sobre a Cidade das TIC, Ricardo Cao destacou a importancia do convenio asinado o pasado 12 de xuño entre a Universidade da Coruña e o Concello da Coruña para o impulso do proxecto Cidade das TIC; “un fito moi relevante que permitiu cumprir unha folla de ruta marcada por este equipo de Goberno que comprendía tres obxectivos moi claros: impulsar o proxecto CdTIC, concibido como un polo industrial e tecnolóxico dedicado ás tecnoloxías da información e as comunicacións; manter o liderado académico (formación, investigación, transferencia e divulgación) da UDC; e dar entrada a outras administracións que asumisen obxectivos que resultan alleos á misión da UDC (principalmente os industriais, empresariais e urbanísticos), blindando, por suposto, os lexítimos intereses de I+D+i da nosa Universidade”.

Un acordo grazas ao que, tras a cesión da concesión da UDC ao Concello da Coruña, este cederá gratuitamente á UDC tres edificios para seren destinados ao proxecto Cidade das TIC, en réxime de cesión de uso. Así mesmo, entregará á UDC fondos para a rehabilitación deses tres edificios e á urbanización das súas contornas: un total de 11.260.000 euros, en catro anualidades. “Creo que estamos ante un momento decisivo para o proxecto. O Concello ten músculo financeiro e persoal suficiente para converter a parcela en cidade e a UDC disporá de espazos e financiamento para desenvolver a súa parte do polo tecnolóxico en beneficio da nosa comunidade e da sociedade en xeral”.

Está previsto que nas próximas semanas se realice a entrega formal da concesión e o Concello subrogarase na posición xurídica da UDC a todos os efectos.

Descentralización titulación Medicina

Referiuse tamén o reitor ao proceso de descentralización da titulación de Medicina e aos movementos realizados para avanzar nun acordo, así como os pasos dados en torno a unha titulación propia.

Na súa intervención Cao, explicou que o acordo de descentralización ao que se chegou o pasado mes de novembro “é moi beneficioso para Galicia e satisfactorio para cada unha das universidades, sabendo que todas tivemos que facer cesións”. “Por iso -explicou ao claustro- consideramos que é posible agardar uns días para que a USC poida ratificar a proposta acordada”. “Pero -subliñou Cao- precisamos unha resposta clara sobre o acordado, un “si” ou un “non” a este acordo, porque non hai neste momento camiños intermedios por explorar. As condicións da descentralización están escritas e son as que son”, apostilou Cao, que lembrou que o acordo inclúe un calendario esixente que impón a realización de accións durante os meses de xaneiro e febreiro de 2026, polo que esa resposta por parte da USC “debe chegar nos próximos días”.

De non darse unha resposta positiva, a UDC manterá a folla de ruta inicial, coa proposta dunha titulación atractiva, complementaria e que aporte calidade e innovación ao sistema universitario galego. 

Na senda do reequilibrio

O vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández Castro, presentou o informe económico, no que recolle as liñas xerais do orzamento de 2026 e os resultados obtidos con plan de axuste iniciado no ano 2024 e dirixido a acadar o reequilibrio financeiro da institución.

Así, explicou que as medidas implantadas, esencialmente a captación de recursos extraordinarios, a reorientación de ingresos dos convenios, e a contención do gasto, permiten concluír que “o camiño do reequibrio está orientado, pero non rematado”, destacou Fernández Castro, que abundou que “este proceso de axuste implica unha contención dunha intensidade tal que a fai dificilmente sostible no tempo”.

Tal e como apuntou o titular da área económica, “a sustentabilidade financeira da institución require dunha mellora do financiamento, nomeadamente de fondos estruturais, de xeito que a solución non debe estar nas achegas extraordinarias de ingresos, unha fórmula que non se debería cronificar.”

Na súa intervención, expuxo tamén as liñas xerais que marcarán os orzamentos de 2026, que se someterán a aprobación no Consello de Goberno deste mes de decembro. Neste punto explicou que se prevé un incremento do 3% dos ingresos ordinarios, procedentes do plan de financiamento e das matrículas.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC