A UDC crea un novo espazo de traballo no Edificio de Servizos Centrais de Investigación (ESCI)

Press release

12/11/24 9:15 AM

  • Institutional
  • Realizouse unha pequena reforma que permitirá dispoñer dunha nova área de traballo aos centros interuniversitarios nos que participa a UDC. 
  • O reitor da UDC, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, mantiveron un encontro co persoal contratado a cargo de proxectos, axudas e convenios de investigación e transferencia.

 

A Coruña, 11 de decembro de 2024.- A planta -4 do Edificio de Servizos Centrais de Investigación da Universidade da Coruña conta desde estes días cun novo espazo remodelado, concibido para albergar aos centros interuniversitarios nos que participa a UDC. Esta reforma realizouse no atrio central da planta e en dúas salas que ata ese momento atopábanse en desuso. A formulación do proxecto foi a creación dun lugar de traballo híbrido e flexible, no que convivisen zonas de traballo individual e en grupo, áreas de descanso e ocio, e un espazo pensado como salón de actos.

O núcleo central da intervención foi o atrio do andar -4 do edificio, no que se dispuxo o salón de actos, diversas áreas de traballo individual e espazos de soft seating. Ademais, habilitáronse tres salas de usos múltiples, que serven para celebrar reunións, videoconferencias ou tamén como zonas de traballo individual.

O mobiliario seleccionado foi un dos elementos clave da intervención, posto que contribúe a crear espazo aberto e híbrido, favorecendo o benestar das persoas usuarias e onde coexisten diversos usos, todo isto atendendo a criterios de sustentabilidade e utilizando materiais que optimizan os recursos naturais.

Tras esta remodelación, a UDC conta, no Campus de Elviña, cunha nova área co obxectivo de facilitar a integración de equipos multidisciplinares e multi-institucionais, optimizando os recursos dispoñibles e favorecendo a colaboración e a interacción entre as persoas que integran os diferentes equipos de traballo.

En resumo, o novo espazo do ESCI pretende ser un lugar moderno, funcional, e de uso compartido, que pretende favorecer a interacción e colaboración entre o persoal investigador da institución.

 

Reunión co persoal da UDC

O reitor da UDC, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, presentaron este novo espazo á comunidade, nunha reunión celebrada o luns con persoal laboral contratado con cargo a proxectos, axudas, e convenios de investigación e transferencia de coñecemento.

Esta xuntanza súmase ás máis de 20 que o reitor da UDC está a celebrar nos centros co persoal da Universidade para escoitar as súas demandas e achegas.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC