A UDC súmase ao 25-N reivindicando o papel das universidades como axentes activas na loita contra a violencia

Press release

11/25/25 1:27 PM

  • Institutional
  • Os actos institucionais deste ano celebráronse na Facultade de Dereito, onde se leu o Manifesto da CRUE Universidades Españolas pola eliminación da violencia contra as mulleres. 
  • Tras a lectura por parte do reitor, Ricardo Cao, tivo lugar a presentación da campaña 25N Violencias Dixitais; da guía de acompañamento ás vítimas e a entrega de premios Ángeles Alvariño e María Balteira. 
  • A xornada de hoxe serviu tamén para presentar a guía de acompañamento ás vítimas.

A Coruña, 25 de novembro de 2025.- A Facultade de Dereito acolleu hoxe os actos institucionais do 25-N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha xornada na que a UDC se sumou á lectura do Manifesto da CRUE Universidades Españolas, no que se reivindica “o papel das universidades como axentes activas na loita contra todas as formas desta violencia”.

O encargado de dar lectura a este manifesto foi o reitor da UDC, Ricardo Cao, quen lembrou ás mulleres asasinadas en España no que vai de ano polas súas parellas ou ex-parellas. Malia os avances, esta violencia “persiste en múltiples formas, moitas veces invisibilizadas, e adáptase aso novos contextos sociais e tecnolóxicos. Por iso, cómpre adoptarmos un enfoque integral e transversal, que atenda non só as manifestacións máis evidentes, senón tamén aquelas que operan de xeito máis sutil”, recolle o manifesto.

Neste contexto, reivindícase o papel das universidades como “xeradoras de coñecemento, conciencia crítica e compromiso coa cidadanía. Como entidades de educación superior, temos a responsabilidade ética e social de contribuír á eliminación da violencia contra as mulleres desde a formación, a investigación e a acción institucional”.

Neste marco, lémbrase que as universidades contan con unidades de igualdade e protocolos específicos para previr e actuar fronte a casos de maltrato.

A xornada de hoxe serviu tamén para presentar a guía de acompañamento ás vítimas, aberta a toda a comunidade a través da páxina web da Oficina de Igualdade de Xénero da UDC. 

Entrega de premios

A programación da xornada do 25N na Universidade culminou coa entrega de galardóns do XII Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero Ángeles Alvariño, destinado a premiar os mellores Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Máster con perspectiva de xénero na UDC; e do Concurso María Balteira para a Prevención das Violencias Sexistas na Universidade, aberto á participación de toda a comunidade universitaria. Ambos os dous certames están convocados pola Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, dependente da Vicerreitoría de Igualdade e Diversidade.

Ángeles Alvariño

O Concurso Ángeles Alvariño ten por obxecto incentivar a realización de traballos que inclúan a perspectiva de xénero por parte do alumnado de graos e másters, e contribuír, deste xeito, a promover a introdución da perspectiva de xénero na investigación e a docencia.

Na presente edición, os premios recaeron en 8 alumnos que cursan estudos de grao e 2 matriculadas en titulacións de máster, distribuídos do seguinte xeito:

Os primeiros premios aos TFG nas diferentes áreas, dotados cada un deles con 800 euros e un diploma acreditativo, foron para:

  • Carlos Suárez Morán, en Ciencias da Saúde, polo seu traballo “É meter unha minoría noutra minoría”: Miradas ocupacionais ao xénero e orientación sexual dende a perspectiva de adolescentes autistas e das familias
  • Beatriz Molina Muñiz, na Área de Enxeñaría, polo Análise de toxicidade en contas galegas de Instagram: desenvolvemento dun sistema de detección
  • Ana María Pérez Figueirido, en Ciencias Sociais e Xurídicas, polo estudo “Cánones de belleza y distorsión de la imagen en internet”
  • Ana Fraile Somoza en Humanidades, pola investigación “This land, my sister, is a woman”: the female body as a poetic device in contexts of national liberation.

No caso dos TFM, o primeiro premio outorgouse a Laura Canosa Oanes, polo seu traballo “Los mecanismos discursivos de persuasión en los discursos patriarcales reproducidos en los pódcast Las cosas como son y Red Pill podcast”

Os segundos premios aos TFG, dotados con 200 euros e un diploma acreditativo, leváronnos:

  • Iria García Sixto, en Ciencias Sociais e Xurídicas, polo traballo, Deseño, posta en marcha e avaliación de impacto do proxecto "Ex-poñendo os medios": unha iniciativa de sensibilización da adolescencia sobre a violencia de xénero no contexto mediático
  • Alba Escudeiro Rivas, en Ciencias Sociais e Xurídicas, con “Mulleres galegas na emigración a Alemaña: a influencia do sector téxtil durante as décadas de 1960 e 1970
  • Patricia Portabales García, na Área de Humanidades, co traballo "A violencia de xénero na Festa da Palabra Silenciada: estudo de textos ensaísticos e poéticos"
  • Alba Suárez Bolón, en Humanidades, pola obra “Literary Ecofeminism in Kathy Jetñil-Kijiner’s Iep Jãltok: Poems from a Marshallese Daughter”.

No relativo aos TFM, o segundo premio foi para Ana Mª Pernas Vázquez pola investigación “Saudade do deserto: a soidade na diáspora saharauí en Galiza.

Premios María Balteira

Co Concurso María Balteira, pola súa banda, a UDC galardoa as mellores creacións artísticas (cartel, vídeo, podcast, microrrelato ou poema) dirixidas a dar difusión, publicidade e visibilidade ao protocolo ante situacións de acoso da Universidade. As persoas premiadas foron:

  • O primeiro premio na categoría de Cartaz, Mencía Resch Pérez
  • O segundo premio nesta categoría, Uxía Fernández González
  • No que respecta á categoría outras modalidades, a vencedora foi María Pérez Sánchez, co micropoema Arco da Nova, e o segundo premio levouno Claudia Martín-Esperanza Fernández, co micropoema Nunca máis calou.

Actos en Ferrol e en Oza

O Campus Industrial de Ferrol celebrou así mesmo un acto conmemorativo onte luns, día 24 de novembro, na Biblioteca Ángela Ruíz Robles do Edificio de Apoio ao Estudo, que contou con asistencia de Cristina López Villar, vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC; Ana Isabel Ares Pernas, vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social, e María José Abad López, subdirectora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC.

Neste encontro procedeuse á lectura do Manifesto da RUIXEU, a Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria e presentáronse os puntos violeta, a Campaña do 25N da UDC e máis a Guía de Acompañamento a superviventes de violencia machista.

O último dos actos que homenaxean o 25N na UDC terá lugar mañá mércores, día 26 de novembro, de 12:00 a 14:00 horas, no auditorio da Facultade de Ciencias da Saúde, en Oza, e consistirá na xornada formativa  “Recursos sobre Violencia de Xénero para Profesionais das Ciencias da Saúde”, organizada en colaboración coa Subdelegación do Goberno en Galicia.

Trátase dun espazo para comprender e abordar a violencia de xénero desde a perspectiva sanitaria e institucional, na que aprender, reflexionar e coñecer os recursos estatais dispoñibles para a protección das vítimas.

Esta actividade, que será inaugurada pola vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC, está dirixida principalmente ao estudantado, profesionais e persoas interesadas de Enfermería, Terapia Ocupacional, Fisioterapia e ámbitos relacionados coa saúde.

 

Foto 1: Lectura do Manifesto do 25N

Foto 2: Gañadores Primeiros Premios TFG Ángeles Alvariño

Foto 3: Gañadores Segundos Premios TFG Ángeles Alvariño

Foto 4: 1º e 2º Premio TFM Ángeles Alvariño

Foto 5: acto do 25N no Campus Industrial de Ferrol

20251125  2 Primeiros Premios TFG

20251125  3 Segundos Premios TFG

20251125  4 Premio TFM

WhatsApp Image 2025-11-25 at 08.50.48 (1)

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC