A Universidade da Coruña celebra os días 29 e 30 de outubro IMPULSA-T, a I Feira de emprendemento e de apoio ao emprego

Press release

10/21/25 1:36 PM

  • Institutional
  • O evento, organizado pola Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade, contará con máis de 90 stands, nos que empresas e entidades contactarán co alumnado da UDC. 
  • A cita será o día 29 no Pavillón de Deportes do Campus de Elviña, na Coruña, e o 30 no Pavillón Municipal de Esteiro, en Ferrol.

 A Coruña, 21 de outubro de 2025.- A Universidade da Coruña celebrará os vindeiros 29 e 30 de outubro a primeira edición de IMPULSA-T, a feira de emprendemento e de apoio ao emprego que servirá de punto de encontro entre empresas, entidades e estudantado da UDC co obxectivo de favorecer o coñecemento mutuo, explorar oportunidades profesionais e activar o futuro laboral e emprendedor da contorna.

A iniciativa, impulsada pola Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da Universidade da Coruña, conta co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e desenvolverase o día 29 no Pavillón de Deportes do Campus de Elviña, na Coruña, e o día 30 de outubro será a quenda do Campus Industrial de Ferrol.

 

Actividades no Campus de Elviña

Xunto ao corazón da feira, no que se instalarán un total de 48 empresas e entidades dos principais sectores produtivos galegos e nacionais, estrutúranse varios espazos temáticos deseñados para promover o contacto directo entre o tecido empresarial e o alumnado de todas as titulacións da Universidade.

O alumnado poderá coñecer as principais demandas de empresas como Abanca, Accenture, Altia, Aluman, Antea Group, Applus+, Balidea, Centro Médico Sanitas Riazor, Cogami, Concello da Coruña, Deloitte, El Corte Inglés, El Pulpo, Emetel, Finsa, Garrigues, Grupo Eulen, Grupo Gabadi, Grupo Intaf, Grupo Tragsa, Hijos de Rivera SAU, Indra Group, Ineco, Innogando, Inserta Empleo, Invall, Inycom, Leroy Merlin, Management Solutions, Nauterra, Navantia SA, Norvento Enerxía, NTT Data, Nunegal Consulting, PwC, Quest Global, Reganosa, Repsol, SANJOSE Constructora S.A., Tecdesoft e Tecnoloxías Plexus.

Estes expositores representan unha ampla variedade de sectores estratéxicos, con especial presenza dos ámbitos tecnolóxico, da consultaría e da enxeñaría, así como das finanzas, o dereito, os servizos empresariais, a industria, a enerxía, a construción, o comercio, o consumo, a sanidade, a educación e as administracións públicas.

Durante toda a xornada, o público poderá participar en reunións próximas e informais nos stands de cada empresa coas persoas representantes destas

 

ACTIVA-T e EMPRENDE-T

ACTIVA-T é unha zona dedicada ao emprendemento, o emprego e a innovación, con mostras e premios de iniciativas emprendedoras, mesas redondas, recursos institucionais, oportunidades laborais e formación práctica orientada á mellora da empregabilidade.

Esta área será o escenario no que se entreguen os premios en materia de emprendemento ao estudantado da Universidade da Coruña. Trátase dos Premios Santander X Spain e os Premios a Traballos de Fin de Estudos en emprendemento da UDC, que distinguen o talento universitario máis innovador e promoven o emprendemento, a creatividade e a transferencia de coñecemento dende as aulas á sociedade.

No espazo EMPRENDE-T haberá oportunidade tamén para establecer un encontro con persoas emprendedoras de seis entidades de referencia para o desenvolvemento e o fomento do emprendemento, e que compartirán experiencias e consellos para poñer en marcha novas ideas e superar o medo a emprender.

 

COÑECE-T

Nun espazo anexo ao recinto da feira haberá unha área de dinámicas de selección e de formación a través do xogo, nas que as empresas e entidades participantes interactuarán co alumnado para dar a coñecer as súas metodoloxías e procesos.

A xornada completarase con múltiples actividades paralelas —photocall, audiovisuais, emisión en directo de CUAC FM, sorteos e agasallos— que farán desta primeira edición de UDC Talento unha celebración de entusiasmo, colaboración e futuro compartido. Haberá ademais un Muro das Ideas, un espazo de participación aberta onde poderás expresar libremente a túa idea para a mellora do emprego ou comezar un proxecto emprendedor e compartila coa comunidade.

Podes consultar todo o programa detallado aquí.

 

Campus de Ferrol

O día 30 será a quenda da feira no Campus de Ferrol, no que se prevé a implantación de 48 stands nas que se tocarán diferentes ámbitos produtivos. Así na parte de IMPULSA-T estarán presentes os sectores naval, industrial, metal-mecánico, textil-moda, enerxía, defensa, madeira e deseño, alimentario, entidades de integración social, xestión e valorización de residuos, gran distribución, consultoría, etc. Un abano que se completarán cos colexios profesionais como os de enxeñeiros e clústeres.

O estudantado asistente poderá coñecer as demandas de Abance Ingeniería; Accenture; Acebrón Group; ALUMAN; Antea Group España y Latinoamérica; Applus+; Armada; (ACLUNAGA) Asociación Clúster Naval Gallego (ACLUNAGA); AJE Ferrol, Eume y Ortegal; COGAMI; Ceoticor; COIN_Colegio Oficial de Ingenieros Navales y Oceánicos; COFER; CT Ingenieros; Detegasa; Elecnor; El Pulpo; Finsa; Fridama; Ghenova Ingenieria; Cándido Hermida; Grupo Gabadi; Grupo INTAF; Grupo JRILO; Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia (ICOIIG); Inserta Empleo (Fundación ONCE); INVALL; INYCOM; Leroy Merlin; Nauterra (Grupo Calvo); Navantia S.A.; Norvento Enerxía; PwC; Quest Global; Reganosa; Techno Pro Hispania Ekium; Tecnicas de Soft, S.A. Universidade da Coruña (Emprego UDC); VOLTAN (MMYPEM y TEIGA-TMI); Xuventude Mentoring; ASIME; TTalent; Qatro; Genesal Energy; ElectroRayma; Ibercisa; WindWaves; Gauzón Ibérica.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC