A Coruña, 16 de setembro de 2025.- A iniciativa “Divulgando o noso” chega ás rúas da Coruña con cinco infografías científicas de proxectos de investigación da UDC que estarán durante 2 semanas en diferentes marquesiñas das paradas do bus urbano. O obxectivo desta acción, en colaboración co Concello da Coruña, é trasladar ao público contidos do labor de investigación dun xeito gráfico e sinxelo.
Os proxectos gañadores desta edición son:
Con isto detectaremos a próxima pandemia, onde se amosa a investigación dun innovador sensor deseñado para ser instalado en granxas e que permitirá a monitorización continua de compoñentes víricos no ambiente, contribuíndo á detección temperá de riscos sanitarios e á prevención de pandemias. As persoas responsables da investigación son Alejandro Criado Fernández, Jesús Mosquera Mosquera e Miguel Cuerva Vidales do Grupo de Investigación Nanoself, adscritos ao CICA.
Unha lingua máis inclusiva?, sobre os padróns de uso das formas lingüísticas con marcas de xénero en diversos contextos e ao longo do tempo. Unha investigación de Eugenia Conde Noguerol do Grupo de Investigación HISPANIA.
Auga sostible na comarca da Coruña, investigación dos sistemas de auga urbana no marco da estratexia DUSA (Denvolvemento Urbano Sensible á Auga). Unha investigación da Cátedra Emalcsa-UDC.
Trataremos a artrose e a endometriose con células nai, sobre o uso terapéutico das células nai para tratar enfermidades que presentan un compoñente inflamatorio e que adoitan estar asociadas ao proceso de envellecemento e á calidade de vida, como a artrose e a endometriose. As persoas investigadoras deste proxectos son María Arufe Gonda e Juan Fafián Labora do Grupo de Investigación en Terapia Celular e Medicina Rexenerativa (TCMR).
Combate a menopausa coa túa forza , que aborda o impacto do exercicio de forza en mulleres posmenopáusicas, centrándose nas adaptacións cardiovasculares, metabólicas, neuromusculares e na sintomatoloxía asociada á menopausa. A persoa responsable da información é Eliseo Iglesias Soler do Grupo de Investigación Performance and Health Group (PH-G).


Published by: Gabinete de Comunicación da UDC