Ábrese o prazo para a nova convocatoria do programa de estadías predoutorais no estranxeiro Inditex-UDC

Press release

12/9/25 12:38 PM

  • Institutional
  • A iniciativa, InMOTION enmárcase no convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña e a empresa Inditex para a internacionalización dos estudos de doutoramento.
  • Grazas a este programa, as teses con mención internacional medraron en máis de 20 puntos, pasando de representar o 14% do total antes desta iniciativa ao 37% en 2024.

A Coruña, 9 de decembro de 2025.- Desde o 5 de decembro e ata o próximo día 22 de decembro, o alumnado matriculado en programas de doutoramento a tempo completo poderá solicitar as axudas económicas sufragadas por Inditex para realizar estadías no estranxeiro de ata tres meses durante o ano 2026. Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña e a empresa para a internacionalización dos estudos de doutoramento.

O obxecto da nova convocatoria InMOTION, que conta cun orzamento de 130.000 euros achegado integramente por Inditex, é facilitar a estadía en centros de investigación do estranxeiro co fin de complementar os estudos de doutoramento, de modo que o alumnado participante poida optar á mención internacional no seu título de doutor ou doutora. Así mesmo, co obxectivo de fomentar contornas de investigación diversas e inclusivas, este programa reserva o 5% para estudantado con discapacidade.

Para o outorgamento das axudas, establécense tres zonas de destino, tendo en conta os diferentes custos neses países. Así, a zona 1 (Portugal e Andorra), ten un importe total de 3.000 euros; a zona 2 (Europa -excepto Portugal e Andorra-, América Latina e África), un total de 5.500 euros, e a zona 3 (EUA, Canadá, Asia e Oceanía), un total de 8.000 euros. En todos os casos, a axuda inclúe o importe da cobertura do seguro.

Este programa, posto en marcha en 2013 e renovado en 2024, ten financiado un total de 349 estadías predoutorais no estranxeiro en 35 países distribuídos polos cinco continentes, principalmente Europa (73,8%) e, en menor medida, América (21,5%). Respecto á distribución por países, as seleccións máis frecuentes foron Reino Unido e Portugal (respectivamente o 16,5% e o 17,8% das estadías realizadas). Ademais, cabe destacar que EEUU, país de acollida do 12,1% das estadías, sitúase como terceiro destino de preferencia. O 55,1% das estadías foron realizadas por mulleres e o 44,9% por homes.

O programa InMotion está a ter incidencia positiva na promoción do talento e na internacionalización da UDC, tal e como se deriva do incremento do número de teses defendidas na UDC con mención internacional, pasando dun 14% no 2012 a un 37% do total de teses defendidas en 2024.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC