A Coruña, 18 de marzo de 2024. A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu esta mañá o acto de toma de posesión de dous novos profesores titulares da Universidade. Diego Seco Naveiras, da área de coñecemento de Linguaxes e Sistemas Informáticos do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, e Manuel Pimentel Pereira, pertencente a área de Botánica do Departamento de Bioloxía, asinaron as súas novas prazas e foron recibidos a continuación polo reitor, Ricardo Cao, nun acto ao que tamén asistiron a secretaria xeral da UDC, Marta García Pérez, e a vicerreitora de Profesorado, Teresa López Fernández.
Diego Seco
Diego Seco cursou o doutoramento en Computación, que se imparte na Facultade de Informática da UDC, desenvolvendo o seu labor de investigación no Laboratorio de Bases de Datos. Ao seu remate, no ano 2009, foi beneficiario dunha bolsa Ángeles Alvariño, cunha duración de tres anos, máis de dous dos cales realizou a súa investigación no estranxeiro, en concreto en Canadá e Chile. Neste país suramericano, en concreto na Universidade de Concepción, impartiría docencia desde febreiro do ano 2013 ata o ano 2022, cando decidiu retornar a España. Foi entón cando conseguiu praza como profesor Axudante Doutor na UDC, desde onde promocionou á súa recentemente adquirida praza de profesor Titular.
“Tiven moita sorte e estou moi contento de formar parte do persoal docente e investigador a UDC”, comenta Diego Seco facendo balance da súa traxectoria profesional, que acabou por traelo de volta á universidade onde iniciou os seus estudos superiores. “Tiña claro que quería poder desenvolver e rematar a miña carreira profesional aquí”, engade.
Na actualidade, Diego Seco desenvolve a súa investigación no Grupo Laboratorio de Bases de Datos, centrándose na liña de investigación de algoritmos e estruturas de datos, e en particular nas estruturas de datos compactas aplicadas a sistemas de información xeográfica. Así, por exemplo, entre os seus temas de estudo atópanse como representar redes de transporte ou as divisións político administrativas dun país en pouco espazo.
Manuel Pimentel
Manuel Pimentel estudou o Grao en Bioloxía na Universidade da Coruña. Tras obter o seu doutoramento en Bioloxía Ambiental pola UDC cunha tese sobre a evolución das gramíneas en Europa, a traxectoria profesional como docente na Universidade da Coruña de Manuel Pimentel Pereira comezou como investigador postdoutoral no ano 2008. Nesa época combinaba as súas estadías en Noruega coas clases na UDC, onde tras a xubilación dunha compañeira puido optar a unha praza de axudante doutor na área de Botánica. Desde entón, a súa carreira como persoal docente e investigador estivo sempre ligada a esta universidade, onde conseguiu praza de profesor contratado doutor hai pouco máis de seis anos e desde onde acaba de promocionar agora á categoría de profesor Titular de Universidade.
Actualmente, Manuel Pimentel imparte docencia na materia de Criptogamia, centrándose máis concretamente nos fungos e nos musgos. “Este é o campo no que me desenvolvo basicamente e no que centro tamén a miña investigación actual”, pasando do estudo da evolución de plantas gramíneas, na que viña traballando ata o de agora, á de diversidade e conservación de musgos e hepáticas e briófitos en xeral”, aclara.
Pero a verdadeira vocación deste novo profesor Titular da área de Botánica e o que máis lle gusta da súa profesión é impartir clases. “Se estou nisto é máis por iso que pola investigación”, afirma. “Estou moi feliz de estar na UDC”, conclúe, “porque, ademais de estar na miña cidade, puntualiza, a Facultade de Ciencias é unha grande facultade e estou moi contento co centro e cos meus compañeiros de traballo”.
Foto: De esquerda a dereita, Manuel Pimentel Pereira, do Departamento de Bioloxía; Ricardo Cao, reitor da UDC, e Diego Seco Naveiras, do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC