A Coruña, 14 de febreiro de 2024.- O alumnado do programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña visitou este mércores día 14 de febreiro, as instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC). Un total de 16 estudantes, acompañados de tres profesores, coñeceron o centro da man dos investigadores Manuel Lagos e Thais Pousada, quen ademais coordina desde o ano 2020 este programa de formación para mozos e mozas con discapacidade cognitiva.
Os estudantes visitaron o Demostrador Tecnolóxico e os laboratorios de impresión 3D e de Realidade Virtual, ao igual que xa fixeron outros alumnos de Espazo Compartido en edicións anteriores.
En palabras de Thais Pousada, directora académica do programa Espazo Compartido, "este tipo de iniciativas son fundamentais para avanzar na inclusión. É importante que poidan coñecer de primeira man un entorno real de traballo, onde ademais se desenvolven tecnoloxías que axudan a mellorar a vida das persoas con discapacidade”.
Espazo Compartido
Espazo Compartido é un programa promovido pola Universidade da Coruña de formación en habilidades persoais, sociais e competencias básicas para a empregabilidade e o fomento da inclusión laboral de mozos con discapacidade cognitiva. Trátase dun proxecto que nace coa pretensión de abrir o espazo universitario a colectivos que non poden acceder ás canles de formación ordinarios debido ás importantes barreiras de acceso do sistema educativo. Supón unha aposta pola responsabilidade social universitaria, unha mostra do compromiso da Universidade da Coruña coa sociedade e co dereito a unha formación digna e en igualdade de condicións.
Espazo Compartido é unha iniciativa pioneira no sistema universitario autonómico e unha das primeiras a nivel nacional. O programa pretende, en última instancia, que os estudantes avancen na construción dunha autopercepción positiva e dun proxecto de vida que lles permita desenvolverse de maneira autónoma.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC