A Coruña, 9 de outubro de 2025.- A intelixencia artificial ten voz nova na Coruña. Máis dun cento de investigadores e investigadoras emerxentes reuniranse hoxe e mañá no CITIC, centro que forma parte da Rede CIGUS, e na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, para compartir os avances que marcarán o futuro da tecnoloxía. Na súa oitava edición, que conta co apoio da Xunta de Galicia, o Congreso XoveTIC consolídase como un punto de encontro de referencia para o talento universitario e os centros de investigación galegos, onde se presentan proxectos que exploran desde o aprendizaxe profundo e o machine learning cuántico ata as aplicacións éticas e sostibles da IA.
O inicio da xornada contou coa participación de Ricardo Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña; José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; e Manuel G. Penedo, director do CITIC. Ademais, Diego Álvarez Estévez, investigador do CITIC, impartiu unha conferencia plenaria sobre a traxectoria investigadora de excelencia.
As comunicacións orais e pósteres, que se presentarán entre este xoves e o venres no CITIC e na Facultade de Informática da UDC, abarcan unha ampla variedade de temáticas relacionadas coa intelixencia artificial, a ciencia de datos e a computación avanzada. Exponse traballos sobre deep learning e machine learning cuántico aplicados a ámbitos como a medicina, a bioloxía, a astronomía ou as finanzas. Tamén se presentan desenvolvementos en visión por computador, análise de datos xeo-referenciados e avaliación de estratexias en modelos de linguaxe de gran tamaño, reflectindo a diversidade e actualidade das liñas de investigación no ámbito tecnolóxico.
Un bloque importante do programa céntrase na realidade estendida (virtual, aumentada e mixta) e no seu uso en educación médica, rehabilitación, cirurxía ou accesibilidade. Destacan proxectos de simulación inmersiva para a formación de profesionais sanitarios, contornas virtuais para persoas con discapacidade e aplicacións educativas baseadas en gamificación. Así mesmo, varias comunicacións abordan cuestións éticas, ambientais e xurídicas asociadas ao desenvolvemento da intelixencia artificial, introducindo a reflexión sobre os denominados “algoritmos verdes” e a toma de decisións responsables en contextos complexos.
Pola súa parte, os pósteres complementan as sesións orais con estudos aplicados e desenvolvementos experimentais en ámbitos moi diversos: predición de incidencias e toxicidade, detección de anomalías en augas, control gandeiro con RFID, seguridade en comunicacións e blockchain, predición de enerxía fotovoltaica ou adaptación de videoxogos para persoas con discapacidade. En conxunto, as contribucións reflicten unha forte aposta pola interdisciplinariedade, a transferencia tecnolóxica e a aplicación da investigación informática á resolución de problemas reais en saúde, industria, medio ambiente e sociedade.
Premios XoveTIC
Nesta edición concederanse nove premios aos traballos mellor valorados atendendo á súa calidade, excelencia e orixinalidade. Os galardóns, patrocinados por diferentes cátedras e entidades colaboradoras, recoñecen as achegas máis destacadas nas súas respectivas áreas.
Entre eles atópanse o Premio Cátedra R, ao máis relevante no ámbito da seguridade, entendida en sentido amplo, tanto en ciberseguridade nas tecnoloxías da información e as comunicacións como en temáticas de seguridade aplicadas a outros ámbitos; o Premio Cátedra Aldaba – WIB (Women, ICT & Business), ao traballo máis relevante liderado como primeira autora por unha muller; o Premio ITG–ARQA, ao traballo máis destacado en tecnoloxía cuántica; o Premio CPEIG, ao mellor traballo con primeiro autor estudante ou titulado en Enxeñaría Informática; os Premios do Clúster TIC, ao mellor póster e á mellor comunicación oral; o Premio Fundación CITIC, ao máis relevante en investigación básica ou teórica; e o Premio Cátedra NTT Data, ao máis destacado no ámbito da diversidade, economía social e promoción da igualdade.
Unha das novidades desta edición é o Premio do Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña – ICACOR, que busca recoñecer as investigacións que integran a perspectiva ética e xurídica no desenvolvemento e aplicación das TIC, un ámbito cada vez máis relevante no debate tecnolóxico e social.
O programa completo pode consultarse aquí.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC