A Coruña, 27 de agosto de 2020.- O curso de verán da Universidade da Coruña "O humanista dixital: competencias, recursos e ferramentas para o estudo e a investigación no século XXI", recibiu o premio da Sociedad Internacional Humanidades Digitales Hispánicas (HDH) á mellor iniciativa formativa do ano 2019.
O curso, organizado polo Grupo de investigación en Lingua, Literatura e Cultura Hispánica (Hispania) da UDC co apoio do Campus Innova, ofreceu do 2 ao 5 de xullo do pasado ano información e formación sobre novos métodos e tecnoloxías de desenvolvemento aplicados á investigación en disciplinas humanísticas, así como a práctica activa baixo a dirección de humanistas expertos en tecnoloxías punteiras. Ademais durante a formación presentáronse proxectos en curso de diversas institucións, como a Real Academia Española (NDHE), a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela ou a Universidade de Verona, e produciuse un animado intercambio e reflexión sobre as Humanidades Dixitais e a súa interacción con saberes tradicionais. De especial relevancia resultou a mesa redonda final, na que se fixo unha interesante reflexión crítica sobre problemas culturais, académicos e xeopolíticos asociados ao desenvolvemento tecnolóxico actual e a súa relación intrínseca coas Humanidades.
Segunda edición
O premio da HDH á mellor iniciativa formativa foi outorgado ao curso de verán cando está a punto de dar comezo a segunda edición que leva como título: “E se o mundo aínda non rematase? Recursos dixitais para sobrevivir en Humanidades”. Organizado por Nieves Pena Sueiro e Mónica Martín Molares, do grupo de investigación Hispania da UDC, terá lugar do 7 ao 11 se setembro, esta vez de maneira virtual, a través da plataforma Zoom.
O curso pretende ofrecer aos interesados (investigadores, alumnos, doutorandos...) formación e información sobre recursos e ferramentas que achegan as Humanidades Dixitais e que son de gran axuda para a investigación en disciplinas como Filoloxía, Comunicación, Biblioteconomía, Documentación, Historia, Arte, Xeografía, Arqueoloxía ou Dereito.
Tras unha conferencia inaugural, que ditará a profesora Sagrario López Poza, terán lugar cinco sesións sobre ferramentas de todas as etapas da investigación: procura e organización da información, metodoloxías, almacenamento da información, preservación, edición e difusión.
As sesións serán impartidas por prestixiosos expertos de ámbito nacional (Universidade de León, CSIC e Universidade de Barcelona) e internacional (Università dei Bologna).
As persoas interesadas en participar no curso de verán deberán escribir un correo a: hispania.udc@gmail.com indicando os seus datos persoais (nome e apelidos, universidade e correo electrónico) antes do 4 de setembro.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC