Os Premios “Impulso, Confianza e Emprende” do Consello Social UDC 2024-2025 recoñecen o compromiso coa formación universitaria e innovación industrial

Press release

11/21/25 1:54 PM

  • Institutional
  • A empresa Navantia foi galardoada co Premio Confianza polo seu compromiso coa formación universitaria e a súa colaboración no ámbito da I+D+i, promovendo a transferencia de coñecemento entre universidade e empresa e a empregabilidade do alumnado. 
  • O Grupo Varpa recibiu o Premio Impulso UDC polo seu liderado en investigación aplicada e transferencia tecnolóxica, posicionando a UDC como socio tecnolóxico fiable para compañías globais a nivel internacional. 
  • Click&Build obtivo o Premio Emprende UDC pola innovación na dixitalización do sector da construción.

A Coruña, 21 de novembro de 2025.- A formación universitaria, a innovación industrial e o compromiso no fomento e a mellora da labor docente en I+D+I foron os protagonistas da entrega dos Premios Consello Social UDC 2024-2025 que outorga o Consello Social da Universidade da Coruña.

O acto, celebrado na sede do Club Cámara Noroeste da Coruña, estivo presidido polo presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad.

Os galardóns, que recoñecen a posta en valor do coñecemento xerado desde a institución académica herculina cara á sociedade, recaeron este ano en Navantia,  como Premio Confianza UDC; o Grupo Varpa, como Premio Impulso UDC; e Click&Build, como Premio Emprende UDC.

No acto de entrega, o presidente do Consello Social expresou o seu orgullo pola excelencia das organizacións galardoadas nesta edición, destacando que exemplifican o poder transformador da colaboración universidade-empresa e o emprendemento. Salientou que Navantia é un modelo exemplar de colaboración estratéxica universidade-empresa que xera innovación e progreso para Galicia; que o Grupo Varpa consolidou unha traxectoria investigadora de alto impacto, impulsando a internacionalización, a transferencia de coñecemento e o prestixio científico da Universidade da Coruña (UDC); e que o proxecto Click&Build representa o espírito emprendedor e creativo destinado a dixitalizar e modernizar o sector da construción. “Con estas tres candidaturas -afirmou-, demóstrase como a conexión entre investigación, industria e emprendemento é posible e clave para afrontar con éxito os retos do futuro."

Pola súa banda o Reitor Ricardo Cao destacou a importancia da transferencia de coñecemento como un eixo fundamental na actividade da UDC. “Proba diso son estes premios”, sinalou, ao tempo que ensalzou o papel de liñas de investigación como a realizada polo grupo Varpa, da Universidade da Coruña, nas que se vencella IA e ámbito sanitario. “Impulsar, ampliar e mellorar a nosa conexión co tecido produtivo é un dos nosos obxectivos”, engadiu. Así mesmo, Cao dedicou unhas palabras á comunidade universitaria e ás entidades que colaboran coa institución.

 

Os premiados

Navantia, cunha historia de máis de 300 anos ligada á construción de buques para a Armada, é unha empresa de tecnoloxía pública e estratéxica para a defensa de España. As súas áreas de especialización van desde a construción naval (de superficie e submarina), ao deseño e integración de sistemas de alto contido tecnolóxico e o apoio ao ciclo de vida e servizos de alto valor engadido.

Adicionalmente, coa súa marca Navantia Seanergies, é un provedor global para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña e outras enerxías verdes coma o hidróxeno. Comprometida coa construción dun futuro seguro e sostible mediante a excelencia tecnolóxica e a colaboración industrial, Navantia ten contratos con gobernos e compañías de todo o mundo e lazos con universidades e centros tecnolóxicos e académicos.

O director do estaleiro de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, subliñou as estreitas relacións que Navantia mantén co tecido universitario galego e o traballo en común que a compañía desenvolve coa Universidade da Coruña e, en particular, co Campus Industrial de Ferrol. Proba disto é o Centro Mixto de Investigación Navantia-UDC, que impulsa liñas de investigación das que xorden innovacións que Navantia aplica nos seus procesos produtivos. Esta conexión reflíctese tamén na mobilidade, con convenios e prácticas en diferentes niveis educativos que facilitan a formación no propio estaleiro e axudan a captar talento. Como exemplo, nos anos 2023 e 2024 houbo 162 persoas en prácticas procedentes das diferentes titulacións da Universidade da Coruña.

A combinación de capacidade investigadora e de innovación enriquécese ademais coa Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, coa que Navantia e a UDC impulsan a cultura marítima e a divulgación científica.

O grupo VARPA, acreditado coa máxima distinción outorgada pola Xunta de Galicia como Grupo de Referencia Competitiva e adscrito á Facultade de Informática da UDC e ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), centra a súa actividade na aplicación da intelixencia artificial e a visión por computadores a sectores como a saúde, a industria e a inclusión social.

Cunha traxectoria consolidada na investigación, innovación e transferencia, o grupo combina excelencia científica e colaboración empresarial, participando, entre outros, en proxectos internacionais coma os do programa Horizon Europe da UE e desenvolvendo solucións tecnolóxicas certificadas e de alto impacto clínico e social a través da colaboración público-privada.

O seu director, Marcos Ortega Hortas, indicou que este recoñecemento do Consello Social “é un gran orgullo para todo o equipo de persoas que conforman o grupo, así como un estímulo e unha validación ao esforzo sostido por converter a investigación universitaria en innovación útil para a sociedade. Supón tamén un impulso para seguir fortalecendo a nosa capacidade de transferencia, colaboración internacional e liderado científico, reafirmando o compromiso da Universidade da Coruña cun modelo de intelixencia artificial responsable, aplicado e orientado ao benestar e ao progreso colectivo”.

Diego Mata Pose, promotor de Click&Build, recolleu o Premio Emprende UDC pola innovación na dixitalización do sector da construción. Esta empresa propuxo o desenvolvemento Add-ins personalizados para empresas do sector AECO co obxectivo de automatizar a xeración da documentación técnica de proxectos de arquitectura baseados nun sistema construtivo no marco do emprego da metodoloxía BIM (Building Information Model).

Como comentou o voceiro desta empresa, “para respaldar a viabilidade desta proposta, desenvolveuse un prototipo funcional chamado Click and Build, co que foi posible elaborar a documentación gráfica do proxecto básico de edificios sinxelos cun sistema normalizado e estándar en tan só minutos a través de doce utilidades que automatizan operacións clave: funcións de xeración de estrutura, cimentación e envolvente, botóns para a creación e edición de fachadas e acabados, inserción de carpinterías, acoutado ou etiquetado automático, entre outras”.

 

O papel do Consello Social

O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade, a ponte de unión entre a sociedade galega e a UDC. A súa misión é velar pola satisfacción das necesidades e expectativas da sociedade por parte da institución académica e promover a excelencia na docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento.

 

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC