A Coruña, 17 de setembro de 2025.- A Universidade da Coruña súmase un ano máis á organización dos Premios Youtubeiras+, unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística das tres universidades públicas galegas, a Deputación da Coruña e de dez concellos, co obxectivo de promocionar o talento en galego nas redes sociais.
Estes galardóns acadan este ano a súa novena edición, e fano con grandes cambios. Os Premios Youtubeiras+ abren a participación á creación de contidos en galego en calquera rede social e en todos os formatos. O concurso, que ata a edición pasada só permitía concorrer a quen lanzase as súas creacións en YouTube e TikTok, amplía o seu campo de acción e permite competir ás persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame. Estas novidades anunciáronas hoxe en rolda de prensa a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda; o alcalde de Ames, Blas García; o rexedor do Concello de Rois, Ramón Tojo, e a concelleira de Normalización Lingüística de Moaña, María Dolores Chapela.
Durante a presentación as autoridades participantes salientaron a colaboración das tres universidades galegas e das diferentes institucións compañeiras neste proxecto, unha colaboración amosa o compromiso coa lingua, cuxo futuro está nas novas xeracións e nas novas fórmulas de comunicación que empregan cada día.
Categorías, premios e inscrición
Nesta novena edición, os Premios Youtubeiras+ repartirán 7500 € entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame este ano: Canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Todos os premios están dotados con 1000 €, agás os das dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden aos 1250 €. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o próximo 16 de novembro ás 23.59 horas e as bases pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.
Datos da última edición
Na anterior edición dos premios concorreron un total de 89 canles, fronte aos 68 de 2023. Deles, 49 procedían de YouTube e 40 de TikTok. Ao sumar os vídeos creados en todas estas canles ao longo do certame, o cómputo global representou máis de 19 720 minutos de novos vídeos en galego en ambas as dúas plataformas.
No referente ao Premio do Público, presentaronse 41 vídeos, fronte aos 24 do curso anterior. Para outorgar este galardón, que se decide por voto popular entre internautas, máis de 5000 persoas participaron na votación.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC