A Coruña, 10 de febreiro de 2026
Arranca a 8ª edición do Programa de Democratización do Coñecemento da Universidade Sénior da Universidade da Coruña, dirixido a persoas maiores de 50 anos da Costa da Morte. Nesta nova edición, preto de 80 participantes toman parte nesta iniciativa educativa. A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon así en marcha unha nova edición desta formación universitaria específica, que conta coa financiación da Xunta de Galicia e coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte e do Concello de Zas.
As sesións desenvolveranse durante os meses de febreiro e marzo no Centro Sociocultural de Baio (Zas) e contan cun total de 79 persoas inscritas, procedentes dos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe, Vimianzo e Zas.
O programa estrutúrase en tres módulos, compostos por sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña. As actividades celebraranse dous días á semana, en horario de 17:00 a 19:00 horas, e abordarán unha ampla variedade de temáticas de interese social, cultural, científico e sanitario.
A programación iníciase co ciclo Humanidades e ciencias sociais, que terá lugar ao longo das sesións de febreiro con charlas como: “O xigante esperto: China, a gran descoñecida”, do profesor Iván Nieto Cerdeiriña; “Arte de vangarda: manual de instrucións”, a cargo de Fernando Agrasar Quiroga 24 de febreiro; e a “A xustiza penal en España: mitos e realidades”, impartido por Eva Mª Souto García José Antonio Ramos Vázquez
Xa en marzo, arrancará o módulo II. Ciencias da Terra e Tecnoloxía. “A revolución dixital na xestión da auga”, impartido por Antonio J. Díaz Longueira; ao que lle seguirá “O coche do futuro moverase con hidróxeno?”, a cargo de Socorro Castro García e as “Enerxías renovables e transición ecolóxica: o papel da cidadanía” por Lucía Paz Aldrey
Na segunda quincena de marzo, as formacións xirarán en torno ao módulo III. Ciencias da Vida e da Saúde. Así inclúense temas como: “Cerebro: memoria, sono e rock and roll”, por parte do investigador Casto Rivadulla Fernández; “Evolución ou extinción: eu decido”, a cargo de Esther Fernández Fernández; e “Cambio climático: causas, consecuencias e solucións”, impartido polo profesor Salvador Fojón Polanco.
Con este programa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos das comarcas da Costa da Morte, dando resposta ás súas inquedanzas e necesidades formativas desde a posta en marcha desta iniciativa no ano 2018.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC