Volve Incrúst@te: ciencia en vivo no CICA da UDC para estudantes de Galicia

Press release

9/2/25 11:35 AM

  • Institutional
  • O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) lanza de novo este programa de estancias científicas 
  • Máis de 400 estudantes visitarán os laboratorios do centro e 20 seleccionados vivirán unha experiencia de investigación.

 

A Coruña, 2 de setembro de 2025.-  O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña lanzou este luns a convocatoria de Incrústate 2025-26, un programa único en Galicia que permite a estudantado de Secundaria e Bacharelato mergullarse na vida dun laboratorio de investigación, deseñar o seu propio experimento e presentar resultados nun congreso científico ao máis puro estilo universitario.

 

A convocatoria permanecerá aberta ata o 30 de setembro de 2025, a través dun formulario dispoñible na web do CICA (https://cica.udc.gal/landing/incrustate/).

 

Unha experiencia que cambia a forma de ver a ciencia

 

En edicións anteriores, centos de estudantes de toda Galicia viviron a experiencia de traballar man a man co persoal investigador en áreas punteiras como a biomedicina, a química, a biotecnoloxía e as ciencias ambientais.

 

Este curso, e debido ao éxito das convocatorias anteriores, Incrústate 2025-26 acollerá a 400 estudantes na primeira fase de visitas e seleccionará a 20 para as estadías en laboratorios, onde poderán desenvolver os seus propios experimentos.

 

Moitos participantes de anos pasados destacan que “ver a ciencia desde dentro cambia a túa maneira de entendela” e lembran como momentos clave: entrar por primeira vez nun laboratorio real, formular hipóteses, experimentar con técnicas innovadoras, e, sobre todo, defender os resultados nun congreso científico celebrado no Domus da Coruña, imitando o que fan os investigadores profesionais.

 

Melloras avaladas por expertos

 

A edición 2025-26 chega con novidades froito dun proceso de mellora continua. O pasado 25 de xuño de 2025, o CICA organizou unha sesión de valoración do programa na que participaron profesorado, persoal investigador, técnicos de museos científicos e representantes da Xunta de Galicia.

 

Nesta xornada analizáronse os resultados de edicións anteriores e consensuáronse propostas para enriquecer a experiencia. Como resultado, a nova edición incorpora melloras nas estadías de laboratorio e un congreso final máis interactivo e participativo, adaptado ás necesidades do alumnado e dos centros educativos.

 

Nova edición Incrúst@te

 

Nesta sétima edición, a selección de centros realizarase por orde de chegada das solicitudes que envíe o profesorado de cursos de 4º da ESO, 1º de BACH e FP, aínda que tamén se valorarán as peticións dende zonas rurais para garantir a variedade territorial e educativa, así como dar prioridade a aqueles con menos recursos, co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades. O programa desenvolverase ao longo do curso 2025-26 en diferentes fases: visitas de centros ao CICA e selección de estudantes entre outubro e decembro de 2025, estadías curtas en laboratorios de xaneiro a marzo de 2026, o Congreso Incrústate celebrarase en abril de 2026 e, finalmente, terán lugar as estadías longas para catro estudantes premiados no congreso en grupos de investigación entre abril e xuño de 2026.

 

Sobre o CICA


O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña é un centro de referencia en investigación multidisciplinar, que traballa nos ámbitos da biomedicina, a biotecnoloxía, a química e o medio ambiente. A súa misión é xerar coñecemento de excelencia e transferilo á sociedade, promovendo ao mesmo tempo a divulgación científica e achegando a investigación á cidadanía.

 

Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

DSC04965

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC