Aroa Fernández Méndez. Estudante de Educación Social, coñecerá e colaborará cos proxectos levados a cabo por FUNDACOES en Honduras, que inclúen varios proxectos educativos e asistenciais en Tegucigalpa. Vivirá nas propias instalacións da fundación en barrios das aforas da capital con condicións sociais e económicas moi complicadas, convivindo cos menores beneficiarios. As actividades inclúen a participación en centros de capacitación xuvenil, residencias para mozos de comunidades rurais, escolas nocturnas, centros de educación infantil, escolas en colonias marxinais, centros de día, clínicas médicas, proxectos con anciáns e a distribución de artigos básicos a persoas en extrema precariedade.

Lara Blanco Fernández. Estudante do Máster Universitario en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria. Colaborará nuun proxecto en Concepción Chiquirichapa, Guatemala, que busca mellorar a seguridade alimentaria e as condicións ambientais de 8 comunidades indíxenas maia Mam. Enfócase na implementación de hortos e galiñeiros familiares liderados por mulleres, a capacitación en técnicas agroecolóxicas, a mellora de invernadoiros comunitarios e a organización de feiras de emprendemento feminino. Ademais, realízanse accións de sensibilización sobre a conservación do medio ambiente e a seguridade alimentaria coa poboación escolar e as súas familias. Pouco antes do comezo do proxecto, modificouse o proxecto cunha visita de 1-2 semanas a outros proxectos de Solidariedade Internacional en Honduras, entendendo que era bo para a ONG e que era unha oportunidade de formación adicional para a estudante.

Goretti Paz González. Estudante  do Máster Universitario en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, cooperará na Escuela Shantidi situada nunha comunidade en Anantapur no Sueste da India, que promove a integración e a educación da infancia e xuventude. A actividade principal será o ensino de inglés en escolas locais, mellorando as capacidades de lecto-escritura, comprensión oral e escrita, e habilidades de conversa dos estudantes. Ademais, participará en programas como charlas de sensibilización, obradoiros de educación menstrual e recompilación de información sobre as necesidades locais e posibles liñas de acción da ONGD