O 8 de marzo é unha xornada de reivindicación, que conmemora a loita das mulleres pola igualdade de dereitos.
Esta data é unha oportunidade para sensibilizarmos e animarmos a toda a comunidade da Universidade da Coruña a seguir traballando para acadar unha universidade comprometida coa igualdade de xénero.
11:30h Praza de Humanidades, Campus de Ferrol, Ferrol
Lectura de manifesto e foto participativa 8M
18.30 Sala de Prensa da Reitoría, Mestranza, A Coruña
Acto coa presenza de Tamara Pazos Cordal (@putament_t) e acción participativa "Eslógans 8M"
A diagnose do III Plan de Igualdade, mostrounos datos sobre o camiño percorrido. Neste senso, producíronse certos avances, mais aínda queda camiño por percorrermos.
Aínda que non existen diferenzas significativas entre o número de alumnas e alumnos que entran na nosa universidade, obsérvanse importantes desequilibrios de xénero entre titulacións de distintas áreas de coñecemento. As mulleres son claramente maioría nas titulacións de ciencias da saúde (historicamente vinculadas aos coidados), mentres que os graos en enxeñaría (que dan acceso a traballos mellor remunerados e de maior recoñecemento social) están altamente masculinizados.
No que respecta ao persoal docente e investigador (PDI) da Universidade da Coruña, os últimos datos indican que as mulleres constitúen ao redor do 40%, pero tan só supoñen o 20 % na categoría máis alta da carreira universitaria (catedráticas).
A pesar de que as investigadoras da UDC son maioría como investigadoras principais (IP) nos proxectos europeos, o que demostra a excelencia no seu traballo, no resto das convocatorias, así como nos postos de dirección das cátedras, son homes a maioría dos responsables.
Tamén é moi inferior o número de doutoramentos honoris causa que se lles otorga ás mulleres na nosa universidade.
No que respecta ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS), con maioría de mulleres (concretamente, na escala xeral eran o 77% no ano 2022), a proporción non se mantén cando ascendemos ás categorías superiores: por exemplo, nas xefaturas de servicio as mulleres só representan o 50%.
Por último, aínda que houbo un avance importante no tocante á composición do Consello de Goberno da UDC, cunha presenza notable das mulleres no equipo, seguimos a afrontar o reto de acadar e manter unha composición equitativa nos diferentes órganos de representación da UDC. Para isto, é esencial o traballo de todas as persoas que forman parte da comunidade universitaria.
O compromiso da UDC, como máxima instancia de educación superior, cos dereitos das mulleres está presente os 365 días do ano. Mais este 8M queremos animar a toda a comunidade a seguir traballando por unha universidade feminista en que tamén os homes fagan súa a reivindicación da igualdade real e efectiva das mulleres en todos eidos. Só deste xeito, a Universidade da Coruña poderá avanzar de maneira xusta cara a novas cotas de excelencia.