A través do formulario ao que se accede premendo no nome do tipo de solicitude pódense xestionar as seguintes opcións (abre nunha nova xanela).
Debe ter en conta que nalgúns casos váiselle solicitar o/s código/s do/s menú/s ao/s que quere ter acceso, dato que pode obter a través do apartado Progreso da implantación, premendo na Unidade correspondente.
- Concesión de permisos por incorporación de novo PAS á UDC: xa que os permisos están predefinidos en función da Unidade e, no seu caso, Subunidade á que o PAS está adscrito, unicamente será necesario, para esta solicitude, identificar á persoa para a que se solicita o permiso e indicar o lugar no que desenvolve as súas tarefas, para que, unha vez recibida a solicitude, a Unidade SIGMA grabe os permisos que lle correspondan.
- Concesión de permisos por implantación dun novo módulo en SIGMA: cada vez que se implante un novo módulo da aplicación, a Unidade SIGMA comunicará ao/s responsable/s da/s Unidade/s ao/ás que está destinado o dito módulo, a súa descrición e o seu identificador (código que o identifica), para que este comunique á Unidade SIGMA os datos da/s persoa/s que utilizará/n o novo módulo.
- Eliminación de permisos concedidos e concesión de novos permisos por cambio de Unidade de adscrición: o responsable da nova Unidade de destino utilizará este tipo de solicitude para os seguientes casos:
- Cando un PAS cambie a Unidade na que desenvolve as súas tarefas (por exemplo, que pase do Servizo de Estudantes a unha Administración/Facultade).
- Cando o cambio teña lugar entre unha Administración/UXAI e outra (por exemplo, cando un PAS destinado na Administración da Facultade de Filoloxía cambia o seu posto para a UXAI de Oza).
- Cando o cambio prodúcese entre unha Escola/Facultade e outra (por exemplo, cando un PAS que é Secretaria/o Académica/o ou Secretaria/o do Decanato da Facultade de Dereito é nomeado Secretaria/o Académica/o ou Secretaria/o do Decanato da Facultade de Enfermaría e Podoloxía).
- Eliminación de permisos concedidos e concesion de novos permisos por cambio de Subunidade dentro da mesma Unidade de adscrición: trátase da mesma situación do caso anterior, pero neste a Unidade permanece, polo que esta solicitude unicamente pode ser utilizada por Unidades que teñan Subunidades. É a opción a empregar, no caso das Escolas/Facultades, cando non hai cambio de Centro (por exemplo, cando un PAS que é Secretario do Decanato da Facultade de Ciencias é nomeado Secretaria/o Académica/o da mesma Facultade), pero se o que se produce é un cambio de Centro, deberase utilizar o permiso indicado no número 3.
- Concesión de permisos diferentes aos xa establecidos para unha Unidade ou Subunidade predefinida: aínda que os permisos están predefinidos en función da Unidade e, no seu caso, Subunidade á que cada PAS está adscrito, se a/o responsable da Unidade considera que é necesario ter outro/s permiso/s diferente/s, pode solicitalo, quer para el, quer para calquera das persoas destinadas na súa Unidade, a través desta vía.
- Concesión de permisos para unha Unidade ou Subunidade non recollida no listado de Unidades/Subunidades predefinidas: cando se considere por parte dunha Unidade que inicialmente non ten acceso a SIGMA a necesidade do seu uso, deberase utilizar este tipo de solicitude.
- Concesión de permisos fóra dos supostos anteriores.
As concesións recollidas nos números 5, 6 e 7 están suxeitas a xustificación por parte da/o responsable da Unidade e a estudo e decisión dos órganos competentes.