Onde publicar

Sempre que sexa posible, debemos optar por unha revista de impacto, de cara a unha posterior avaliación da nosa produción científica. As distintas axencias de avaliación valoran preferentemente os artigos publicados en revistas indizadas en Web of Science e en Scopus, e polo tanto as recollidas no JCR (Journal Citation Reports) e SJR (Scimago Journal Rank).

 

Ferramentas básicas para avaliar revistas:

  • Journal Citation Report (JCR) (acceso rede UDC) (Web of Science): permite coñecer o impacto dunha revista, o cuartil dentro da súa área, a vida media das citas, o número de artigos que publica no ano, etc.
  • Scimago Journal Rank : permite ver a posición da revista e o SJR dunha revista con datos de Scopus
  • Web of Science (acceso rede UDC): se se fai a busca por revista pódese obter unha análise das citas e doutros aspectos da revista.
    Analyze Journals, de Scopus (acceso rede UDC): ofrece comparativas entre revistas indexadas na base de datos Scopus so mesmo campo de coñecemento.

 

Ferramentas específicas (buscadores automáticos que deben empregarse de xeito orientativo, xa que algúns son das propias editoriais e os resultados poden perder algo de obxectividade):

  • Master Journal List (Match Manuscript). Para consulta é preciso ter un usuario e contrasinal de Web of Science.
  • JournalGuide: unha ferramenta creada por persoal informático e de investigación. Permítenos ademais do comentado anteriormente crear un perfil para crear listaxes, exportar datos e compartir con colegas.
  • Buscador de Springer (Journal Suggester), con moita información sobre como preparar o manuscrito e consellos prácticos. Precisas ter o título e o texto do documento. Podes limitar por área temática e/ou revistas con OA
  • Wiley, Find the journal: precisas o título e o resumo.
  • Edanz Journal Selector: precisas o resumo e/ou palabras clave. Permite rexistrarse co ORCID.
  • Journal Finder Elsevier: similar aos anteriores pero restrinxido ás revistas de Elsevier.
  • Enago de DOAJ

 

Outros aspectos a ter en conta:

  • Idoneidade da materia. Debemos estudar con detemento a cobertura temática da revista, tipoloxía de documentos, así como o tipo de análise que aceptan (cuantitativos, cualitativos, de caso, estudos comparativos, etc.) Asegurarémonos que o noso artigo se adapta ben aos requirimentos.
  • Periodicidade e rapidez na publicación dos traballos (prazos de revisión, de aceptación e tempo ata a publicación). Non é o mesmo publicar un traballo en humanidades que un traballo de ciencia e tecnoloxía; se no primeiro caso a rapidez pode non ser imprescindible, si o é no segundo, xa que a obsolescencia da información é moito maior. Tamén é un factor importante cando o artigo forma parte dun proxecto cun tempo límite estipulado para a súa publicación. Debemos valorar asemade as taxas de rexeitamento, para non perder tempo agardando se previsiblemente imos ter poucas
    probabilidades.
  • É importante facer unha procura bibliográfica sobre o noso tema nas principais fontes bibliográficas nacionais e internacionais (WOS, Scopus, Psyinfo, Eric, Pubmed, Sport Discus, CSIC, Dialnet) para ver onde son publicados os artigos relacionados co noso tema, despois miraremos se esas revistas teñen factor de impacto ou satisfán os criterios de calidade. Se buscamos en WOS ou en Scopus é evidente que a revista xa ten unha calidade boa. 
  • Open Access: Non debemos desconfiar do acceso aberto, é a tendencia actual da produción científica e a que nos vai dar máis visibilidade e, polo tanto, maior número de citas. O número de revistas en OA incluídas nos índices de impacto estase  incrementando. Cal é o problema? Que en ocasións para publicar en algunha desas revistas debemos pagar unha cantidade considerable. Hai revistas que ofrecen as dúas opcións pero a de acceso aberto con pago se publica antes.