Toma nota destas recomendacións cando engadas a Refworks un recurso electrónico.

Recursos electrónicos

Os documentos electrónicos accesibles desde internet poden ter:

  • Unha URL, que é un localizador que amosa a ruta de acceso ao recurso. É un dato que pode cambiar.
  • Un identificador persistente tipo DOI, handle. É un localizador permanente que non cambia e sempre te conducirá ao recurso independentemente de que cambie a url (porque esa información está incrustada nos metadatos).


En canto á url, adoita a haber algúns problemas:

  • Moitas veces cando importamos rexistros a Refworks, o que se nos está incorporando non é a url do documento,
    senón a url da base de datos de onde extraemos os datos.
  • Se hai un DOI/handle sempre é preferible ao dato da url.
  • As urls dos recursos de pago ou subscrición non van ser funcionais para aqueles que non teñen ese acceso.

 

Por iso facémosche as seguientes recomendacións:

  • Se se trata dun documento ao que non se pode acceder libremente en internet (conseguiches consultalo a través
    dunha base de datos de pago) elimina a información do campo url ou apaga o cadro de Electronic resource (para non facer esa información visible. Se ese documento ten un DOI, podes engadilo porque ao ser un identificador permanente é un dato útil.
  • Se é un documento accesible libremente
    • Ten DOIengádeo no campo DOI e elimina a información do campo url porque os DOI xa funcionan en si mesmos como enlace.
    • Non ten DOI: revisa a información e se é posible trata de substituir a url que Refworks
      importa por defecto (a da base de datos onde fixeches a consulta) pola url da fonte orixinal de información (por
      exemplo, a url do artigo na páxina web da revista que o edita).

 

Visibilidade da información do campo URL

Independentemente de que en Refworks gardes o dato da url (localización electrónica) podes decidir se queres que ese dato apareza ou non cando citas ou xeras as referencias (se por exemplo o documento vai ser impreso e a url non vai ser funcional pode ser que non queiras que aparezan as url porque "ensucian" o resultado). Para non visualizar as url só tes que deseleccionar o cadro de Electronic Source que hai ao final do panel de información do rexistro (onde están todos os campos de información do recurso), que ven marcado por defecto.

 

Data de consulta

En documentos onde a data de consulta é importante (páxinas web, blogs, ou artigos de prensa online) é preceptivo o
dato e cómpre engadilo en formato inglés: aaaa-mm-dd.