Doantes

Esta é unha páxina de recoñecemento e lembranza de todos aqueles que doaron parte da súa biblioteca persoal á nosa colección. Dende aquí o noso máis profundo agradecemento.

Juan Luis Dalda Escudero

Doutor-arquitecto e prestixioso urbanista, entusiasta docente e persoa comprometida coa profesión, Juan Luis foi merecedor de prestixiosos premios entre os que salientamos o Premio Europeo de Urbanismo, polo seu plan especial de protección e rehabilitación do casco histórico compostelano. Tralo seu pasamento, a Biblioteca da Escola, por desexo del e da súa familia, ten a honra de albergar a súa biblioteca e arquivo particulares. Compoñen a doazón monografías e publicacións seriadas de arquitectura e urbanismo, proxectos e traballos froito da súa actividade como urbanista e material utilizado no seu labor docente e investigador.

Dalda Escudero

Pedro Mariño

Arquitecto de diferentes obras na cidade herculina dende principios do século XX como a Casa do Sol (1903), a  ampliación do cemiterio municipal de San Amaro (1904), o antigo mercado da praza de Lugo e o seu proxecto máis importante, o Palacio Municipal da Coruña (1904-1912), como moitos arquitectos da época Pedro Mariño inspirouse nos modelos recollidos en publicaciósn extranxeiras como "L’architecture d’aujourd’hui", "Modern Bauformen" ou "Connaissance des arts", publicacións que hoxe enriquecen a colección bibliográfica desta Escola grazas á doazón da súa biblioteca.

Pedro Mariño

Antonio Tenreiro Rodríguez

Comeza a súa traxectoria profesional nos anos 20 deixando diferentes obras na nosa cidade, algunhas moi coñecidas como o edificio do Banco Pastor, inspirado na Escola de Chicago, de formas clásicas e neobarrocas ainda que tamén incorpora detalles propios do Art Decó. Cabe salientar tamén a Casa Barrié, rematada no 1926, unha obra máis europea de estilo francés. No concello de Cambre temos as famosas vivendas de O Graxal , hoxe arruinadas. Antonio Tenreiro foi arquitecto municipal de A Coruña ata o ano 1937, no que foi suspendido do seu cargo e expedientado pola súa militancia republicana. Na cidade da Coruña proxecta o Cine Savoy, o Mercado de San Agustín, a Casilla-Biblioteca “Menéndez Pidal, a Escola de Náutica e a de Comercio. No ano 2003 a Biblioteca da Escola recibiu parte da súa biblioteca, na que destacan diferentes monografías francesas dos primeiros anos do século XX.

Justo Perfecto Rodolfo Ucha Piñeiro

Vigués formado na Escola de Madrid, Ucha foi o arquitecto municipal de Ferrol dende 1909 ata 1936. Case a totalidade da obra de Ucha atópase en Ferrol. Alí podemos disfrutar da Fonda Suiza (actual Hotel Suizo), a Casa Romero, o Mercado do Peixe, o Edificio de El Correo Gallego, o Casino de Ferrol, a Fachada do Teatro Jofre, e os edificios Pita Saavedra e o Calvo Formoso. Na Biblioteca da Escola custodiamos parte da biblioteca de Ucha doada pola súa familia. As publicacións francesas de comenzos de século, tanto revistas como monografías inspiraban ao arquitecto galego.

Louis Israel Rocah

Arquitecto de orixe israelí, emigrado a USA, graduouse na Universidade de Berkeley en 1951. En 1952 ingresou no programa de posgrao do Illinois Institute of Technology, onde pasou dous anos formándose con Mies van der Rohe e Hilberseimer. Traballou no estudio de Joe  Eshericks e na oficina de San Francisco de SOM. Posteriormente traballou con  Bertrand  Goldberg en Marina City, en Chicago. En 1962 abriu o seu propio estudio. Os seus proxectos foron recoñecidos con prestixiosos premios, exhibidos en diferentes museos e reseñados en publicacións especializadas. En 1964 comezou a dar clase na Escola de Arquitectura da Universidade de Illinois, onde cesou o seu labor dous anos antes de falecer o 2 de xuño de 2017. O Legado Rocah é o resultado da vontade de Louis Rocah e da súa muller, Bárbara, de doar á Escola de Arquitectura da Coruña a súa Biblioteca. Nesta decisión xogou un papel esencial a amizade do matrimonio Rocah coa profesora Zaida García Requejo, forxada en diversas estancias de investigación  no ITT de Chicago.

Rita Fernández Queimadelos

Titulada pola Escola de Arquitectura de Madrid no ano 1940, é unha das primeiras arquitectas de España, xunto con Matilde Ucelay e María Cristina Gonzalo Pintor. Traballou na Dirección General de Regiones Devastadas dende 1941 ao 1946; neste organismo desenvolve proxectos de reconstrucción, tanto de equipamentos coma de vivendas, nos concellos limítrofes con Madrid. As súas actuacións máis significativas foron o proxecto para a reconstrución e rehabilitación do refuxio da nosa Señora do Pilar do Padroado de Protección á Muller (anteriormente Padroado Real para a represión da trata de brancas) ou de San Fernando de Henares (1944), que non chegou a executarse, ou unha ampliación da colonia Terzo e Terol en Carabanchel Baixo (1946); ou a reconstrución do antigo concello de Fuenlabrada (1946), na actualidade centro xuvenil. En paralelo, executou tamén algúns traballos en exercicio libre da profesión. No ano 1955 establecese en Murcia, compatibilizando o traballo no seu estudio co cargo de Arquitecto Escolar Provincial de Murcia e Arquitecto Municipal de Mula entre os anos 1960 1967. Nos anos 70 muda a súa residencia a Barcelona.

 

Elena Arregui

Cursou os seus estudos na Escola de Arquitectura de Madrid e foi a sétima muller en titularse como arquitecto en España. Coléxiase en Madrid  en 1959 e en Galicia en 1962. Comparte estudo profesional co seu marido Arturo Zas. Participante activa na xestión do COAG, foi a primeira muller en ocupar un cargo de xestión na entidade, na que asumiu a presidencia da delegación de Santiago. En marzo de 2002 recibiu o diploma de honra do Colexio de Arquitectos. A Xunta de Galicia distinguiuna en 2003 coa Medalla Castelao. Desenvolveu unha intensa dedicación profesional, tanto en colaboración co seu marido como individualmente, reflectida en obras como as vivendas económicas do Banco do Pôbre, en Santiago de Compostela 1962-1963), o Colexio dos Paúles en Marín (1970), a reforma do Antigo Seminario Maior de Santiago de Compostela ou o Plan Especial para a ampliación do Campus da Universidade de Santiago de Compostela (1980-86).