ANÁLISE DA IDEA EMPRENDEDORA
O número de empresas creadas non medra ao ritmo que todos quixésemos precisamente porque non se percibe a existencia de oportunidades de negocio, así que para levarmos a cabo un proxecto empresarial, debemos comezar por saber buscar e ter unha boa idea de negocio. A maioría dos emprendedores atopan as súas ideas de negocio por casualidade ou por medio do seu contorno próximo, a continuación, enuméranse algunhas pautas para dar con ideas de negocio:
A través da experiencia profesional
No día a día do traballo, e mediante a observación, xorden oportunidades, xa que detectamos carencias nos produtos ou nos servizos que ofrece a empresa en que traballamos, novas demandas etc.
Na vida diaria
En ocasións, somos nós mesmos quen percibimos a carencia dun ben ou servizo que podería cubrir determinadas necesidades, facilitarnos certas tarefas; outras veces, son a distancia ou a incomodidade para obtermos un ben ou servizo as que fai agromar unha oportunidade de negocio.
Coa observación do contorno
Isto percíbese na observación, por exemplo, das mudanzas demográficas, como o envellecemento da poboación; as mudanzas no ámbito económico; as mudanzas no mercado de traballo; as mudanzas nos ingresos persoais; os cambios no nivel educativo; as mudanzas no tempo de lecer; as mudanzas psicolóxicos etc. A súa vixilancia é importante para percibirmos novas demandas e necesidades que poidan xurdir.
Segundo as informacións persoais
A través da experiencia persoal e profesional, da formación académica, das vivencias e da información recollida en viaxes, de afeccións, de habilidades artesanais ou artísticas, de deportes ou hobbys etc. A achega persoal, como se pode comprobar, é unha fonte importante de xeración de ideas empresariais.
Con ideas alleas
A copia é un xeito habitual de poñer en marcha ideas de negocio e moitas veces observamos proxectos empresariais nuns sitios que cremos que poderían funcionar noutros. A imitación tamén se dá pola análise en revistas especializadas de ámbitos industriais e comerciais, franquías, concesións comerciais,
adquisición de dereitos de propiedade industrial (patentes), licenzas de fabricación, explotación, ou distribución etc.
Mediante bancos de ideas empresariais
Moitas entidades e institucións que se dedican a promover o autoemprego teñen á disposición dos usuarios bancos de ideas empresariais, dos cales poden extraerse moitas ideas de negocio.
Outro aspecto que cómpre ter en conta é a serie de características persoais e actitudes positivas cara ao autoemprego con que debe contar a persoa emprendedora, pois condicionarán o éxito das ideas empresariais.
Con todo, sexa cal for a forma de xerar ideas empresariais, a clave de toda empresa está en responder ás necesidades do mercado e, xa que logo, conseguir a viabilidade da idea. A este respecto, temos que ver o beneficio que se lles achega aos futuros clientes; calcular a cantidade precisa de servizos ou unidades
de produtos que hai que vender para que a empresa acade beneficios; e, como non, definir unha estratexia comercial para saber como chegarmos aos nosos clientes potenciais. Se a idea prospera, o seguinte paso é confeccionar un plano de empresa ou de negocio.
PROTECCIÓN DA TÚA IDEA EMPRESARIAL
As ideas empresariais poden ser obxecto de protección e deste xeito garántese un rendemento económico que compense o investimento e o esforzo que foron levados a cabo na súa concepción
e desenvolvemento. Este é o obxecto dos dereitos de propiedade intelectual e industrial previstos para a protección de invencións, signos distintivos e creacións intelectuais doutro tipo
A propiedade intelectual protexe as creacións orixinais literarias, artísticas ou científicas expresadas en calquera medio, tales como libros, escritos, composicións musicais, obras dramáticas, coreografías, obras audiovisuais, esculturas, obras pictóricas, planos, maquetas, mapas, fotografías, programas de ordenador
e bases de datos. Igualmente, protexe as interpretacións artísticas, os fonogramas, as gravacións audiovisuais e as emisións de radiodifusión. Os dereitos de propiedade intelectual outórganlles
aos creadores, ademais do recoñecemento, a retribución económica que lles corresponde por realizaren as súas obras e prestacións.
Por outra banda, a propiedade industrial é un conxunto de dereitos exclusivos que protexen tanto a actividade innovadora manifestada en novos produtos, procedementos ou deseños como a actividade mercantil, mediante a identificación en exclusiva dos produtos e servizos ofrecidos no mercado. Existen diferentes tipos de protección: patentes, modelos de utilidade, modelos e debuxos industriais, topografías de produtos semicondutores e signos distintivos (marcas e nomes comerciais). En España, o organismo que outorga os títulos de propiedade industrial é a Oficina Española de Patentes e Marcas
(http://www.oepm.es).
Dado que os procedementos que hai que seguir para obter a protección son moi custosos, sobre todo de se solicitaren no nivel internacional, as administración públicas (tanto no Estado como nas comunidades autónomas) conceden axudas e subvencións para afrontalos. No caso de Galicia, os organismos dependentes da Xunta de Galicia que rexistran e tramitan as solicitudes de protección intelectual e industrial, así como os que aproban axudas e subvencións para o fomento destas propiedades son: para a propiedade intelectual, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria , http://cultura.xunta.es/gl/rexistro-propiedade-intelectual e para a propiedade industrial, a Axencia Galega de Innovación (Servizo Galego de Propiedade Industrial) , dependente da Consellería de Economía e Industrial http://gain.xunta.es/artigos/93/-?locale=es_ES
ELABORACIÓN DUN PLANO DE EMPRESA
O plano de empresa ou de negocio é dun documentos escrito en que son descritos detalladamente os datos básicos, tanto cualitativos como cuantitativos, da idea empresarial, un instrumento que reflectirá toda a información, os coñecementos e a experiencia do emprendedor relacionados co proxecto empresarial. O seu obxecto é servir para que a persoa emprendedora madure a idea empresarial que ten e, asemade, como ferramenta de venda da súa idea de empresa, que se poderá utilizar con bancos, inversores, para a solitude de axudas e subvencións, etc.
O plano de empresa é unha ferramenta de traballo para todas as persoas que desexan iniciar unha aventura empesarial. Traátase dun documento escrito que:
Para ver un modelo de plan de empresa ou de negocio pincha aquí