Liñas de investigación

As liñas de investigación do grupo, reflectidas no catálogo de investigación da UDC, son: Tecnoloxía da vía ferroviaria; Sistemas de transporte urbano e metropolitano; Operacións de sistemas de transporte público; Mobilidade sostible; Planificación do transporte; Loxística e Transporte ferroportuario. Todas as liñas inclúen tanto aspectos de investigación como de transferencia, estando avaladas por proxectos competitivos de investigación, publicacións científicas, contratos e convenios. Estas liñas desenvólvense cun estreito contacto co sector industrial e empresarial.

A liña de investigación máis activa nos últimos anos asóciase á mobilidade sostible nos ámbitos metropolitanos, con especial énfase nos sistemas de transporte público. Abórdanse aspectos de análise de demanda, análise de operacións e modelización completa do sistema con novas metodoloxías desenvolvidas no grupo tanto sobre datos de enquisas como sobre datos masivos xeolocalizados. Realizáronse achegas en sistemas como o tranvitrén, o tren-tranvía, o metro lixeiro ou o autobús de alto nivel de servizos, estando na actualidade especialmente focalizado o esforzo en desenvolvementos para redes de autobús convencional. Trabállase no desenvolvemento de modelos que prognostiquen o funcionamento do sistema a curto, medio e longo prazo para a planificación operativa, táctica e estratéxica.

Dentro das actividades do Laboratorio de Movilidad Sostible abríronse novas liñas centradas na mobilidade activa e o estudo da bicicleta pública, que se están desenvolvendo tamén en proxectos de investigación competitivos.

A aplicación de modelos de elección discreta á demanda do transporte abórdase tanto con desenvolvementos metodolóxicos de aplicación xeral como con achegas específicas tanto no ámbito do transporte público urbano e metropolitano como na modelización de transporte – usos do chan ou na elección portuaria.

No ámbito da planificación do transporte, trabállase tamén na mobilidade interurbana e as solucións para zonas de baixa demanda.

A liña de tecnoloxía ferroviaria enfócase fundamentalmente ao desenvolvemento de innovacións nos desvíos e en solucións de vía en placa. Asociado tamén ao ámbito ferroviario, ferroportuario, loxístico e á planificación do transporte, trabállase na análise das necesidades e posibles liñas de actuación para a mellora da infraestrutura e o transporte ferroviario a nivel interurbano, urbano e especificamente portuario.