Como parte do compromiso de atraer o mellor talento investigador, a Universidade da Coruña en agosto de 2016 adheriuse á Carta europea de investigadores e ao Código de conduta para a contratación de investigadores que establece os dereitos e obrigas dos investigadores e as institucións que os empregan e os financian a aplicar procedementos de contratación transparentes e xustos.
A Universidade presentou a súa solicitude de recoñecemento de Recursos Humanos en Investigación o 15 de novembro de 2016 e obtivo o logo "HR Excellence in Research" o 7 de xuño de 2017. O 8 de xullo de 2019 recibiu de Euraxess unha avaliación favorable das medidas de implementación do selo, na súa fase intermedia (Implementation Phase Interim Assessment).
O 15 de novembro de 2022 e tras a visita do grupo de expertos/as avaliadores do HRS4R, a Comisión Europea comunicou á UDC a renovación do selo de excelencia por outros 3 anos, sendo a data da proxima avaliación o 15 de novembro de 2025.
Actualmente a UDC traballa na implementación das medidas recollidas no Plan de Acción 2022-2025.
O logo "HR Excellence in Research" ofrece recoñecemento público ás institucións de Investigación que teñen progresado en aliñar as súas políticas de recursos humanos cos principios definidos na "Carta e o Código” (Charter & Code). As institucións xa recoñecidas teñen o dereito de usar o logo para destacar o seu compromiso a implementar procedementos transparentes de contratación e avaliación de investigadores.