15/09/2021
Obrigado é empezar o espazo de cápsulas de igualdade da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña con Pascuala Campos de Michelena.
Profesora desta escola, é a primeira catedrática de Proxectos Arquitectónicos de España, cátedra que alcanza en 1995 cun proxecto de investigación sobre “Xénero e Arquitectura”.
Tivo que pasar moito tempo, e sufrir unha desgraciada pandemia, para que a perspectiva de xénero na arquitectura alcance o interese que sempre debeu ter.
Entre os aspectos pioneiros como arquitecta-activista-feminista, Pascuala Campos emerxe, neste contexto académico, como precursora da docencia arquitectónica con perspectiva de xénero, tanto nesta escola como fóra dela.
Na década de 1990 comeza en España o debate sobre a realidade das mulleres na arquitectura e o urbanismo con xornadas, encontros e seminarios. Entre todas estas accións, destaca o l curso “Urbanismo e Muller: Novas visións do Espazo público e privado”, financiado co programa europeo New Opportunities for Women (NOW) que Pascuala Campos codirixe xunto a Adriana Bisquet, Ángeles Durán e Rosa Barba. “Estes cursos son realmente pioneiros e teñen un grande impacto tanto para quen os imparte, como para quen os recibe, como para as varias institucións que participan na súa organización”, sinala Inés de Madariaga, arquitecta urbanista e directora da Cátedra UNESCO de Xénero en Ciencia, Tecnoloxía e Innovación da Universidad Politécnica de Madrid. De Madariaga establece tamén que, como resultado destes cursos, constituiranse as asociacións de arquitectas feministas que lideraron a consolidación da relevancia do xénero na arquitectura.
Na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Pascuala Campos da clase en Proxectos de cuarto, curso no que se traballa fundamentalmente con vivendas e agrupacións. O seu enfoque é, desde a súa incorporación en 1982, poñer as persoas no centro da acción proxectiva, a reflexión profunda sobre o espazo doméstico e a construción da colectividade no espazo público. Proxectar é responder a problemas reais, non é unha acción sublimada, é comprender as persoas, os seus tempos e as súas historias vitais, é facer arquitectura desde a intuición creadora.
“Pasar da Arquitectura con A maiúscula á arquitectura con a pequena significa recoñecer que o espazo construído está relacionado con aquilo que son os que deciden a súa conformación” escribe Pascuala Campos
Crea a materia de “Corpo, Espazo e Arquitectura”, pura innovación docente, nunha revolucionaria optativa que introduce as técnicas do teatro espontáneo para recuperar espazos de creación colectiva, que fortalecen os vínculos entre os participantes e os destes coa súa propia experiencia e visións.
Existe unha interesante información en Cartografías do Consello da Cultura Galega sobre Pascuala Campos de Michelena que permite coñecer outros aspectos da súa vida de tanto valor como o académico:
http://culturagalega.gal/album/detallecartografia.php?id=1090