“Quero vivir con Skibniewska”… ¿e ela, viviría connosco?

02/11/2022

 

¿Qué pensaría Halina Skibniewska, arquitecta do coidado?, ¿qué pensarían as pioneiras, gran parte delas anónimas, mulleres que loitaron por ter dereito, entre outras cousas, a estudar Arquitectura, sobre as situacións descritas na cápsula “De las maléficas para los príncipes encantadores”?

É probable que a maioría virasen os ollos incrédulas ante tal situación. Ou pode que a sorpresa fose menor, xa que non todos os cambios acontecen ao ritmo que esperamos, ainda que parezan de todo obvios… En pleno século XXI e despois dunha pandemia mundial parece irrisorio ter que denunciar certos comportamentos, que pese a parecernos case incríbles ao velos escritos, para a gran maioría pasan desapercibidos xa que: “sempre foi así”.

Pero por máis interiorizado que algúns poidan ter certos comportamentos e comentarios, sempre nos quedarán as leccións aprendidas das moitas pioneras ás que se lle adicaron cápsulas e moitas das que ainda temos que aprender.

Porque si, ainda que moitos sigan pensando que o noso sitio é outro, que sería das escolas de arquitectura se só os “BBVAh”: branco, burgués, varón, autónomo (non discapacitado) e heterosexual, dos que fala a cápsula “Poner en el centro a la persona, también en arquitectura” foran o único estudantado da nosa escola?

¡Qué espanto¡ ¿non si?

Daquela, aproveitemos este pequeno espazo para poder seguir aprendendo delas, e voltando a esta última cápsula, falemos das persoas, e sobre todo das persoas na arquitectura.

No tocante a este tema, a arquitecta polaca Halina Skibniewska (1921-2011), que pasou a maior parte da súa carreira adicada á investigación sobre vivenda, tería moito que contar.

Cando comeza a estudar arquitectura nos anos 40 en Varsovia, a época mundial era convulsa e esta cidade, entre outras, ve gravemente afectado o seu territorio tendo que reconstruirse case por completo, herdando unha crecente necesidade de vivenda. No medio desta, nada desexable, situación esta muller polifacética: arquitecta-profesora-divulgadora, activista-política, posiblemente influenciada pola súa formación inicial en socioloxía, responde á situación centrando a súa arquitectura e a súa investigación na persoa.

E, aínda que a súa proposta afonda na versatilidade da vivenda de planta aberta e flexible, a persoa, as diversas composicións das familias, a infancia, as persoas de idade avanzada, as persoas discapacitadas…todas elas, usuarias, son o pilar fundamental para a formulación das súas teorías, tendo en mente sempre facer Fogar.

A súa preocupación pola persoa usuaria, á que pon no eixo das súas propostas de vivenda, faina pioneira da arquitectura do coidado, este termo tan actual que asociamos case de inmediato ás achegas de Izaskun Chinchilla e á súa cidade do coidado.

Pensando neste coidado, e vendo todo o que ainda queda por recorrer, déixovos cunha cuestión:

Sería posible unha escola do coidado?

 

 

Para saber un pouco máis:

-Vázquez Abelenda, Noelia. “Halina Skibniewska, a vivenda flexible. Estratexias proxectuais como resposta á vivenda postpandémica”. TFG, ETSAC, marzo 2022. https://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/31015

-UDC, Igualdade ETSAC, Cápsula de Igualdade ETSAC: “De las maléficas para los príncipes encantadores”. 1 outubro, 2022. https://www.udc.es/es/igualdadeetsac/Capsulas-de-igualdad/22-de-las-maleficas-para-los-principes-encantadores/

-UDC, Igualdade ETSAC, Cápsula de Igualdade ETSAC: “Poner en el centro a la persona, también en arquitectura”. 15 decembro, 2021. https://www.udc.es/es/igualdadeetsac/Capsulas-de-igualdad/08-centro/

-YouTube. “La ciudad de los cuidados-Izaskun Chinchilla”. ETSAC UDC. 11 maio, 2021. https://www.youtube.com/watch?v=jevwrbLGViU

 

Noelia Vázquez Abelenda