Todo o noso apoio

26/09/2023

 

Nun dos seus últimos artigos, sobre a foto dos 19 presidentes das federacións territoriais de fútbol (todos homes), Rosa Montero di que “la vida ya no es así”, e que nas sociedades medianamente civilizadas xa non quedan redutos de “puros machos”.

Por desgraza si quedan na nosa sociedade moitos redutos de puros machos. Hai demasiadas situacións que así o poñen de manifesto e que relativizan o que pode ser verdade en certos contextos. A proba témola na campaña que no seu día houbo que promover desde a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, aquí escenificada na imaxe que acompaña este texto.

Na Academia, tamén quedan “redutos”. Seguimos a recibir información de actos, tribunais, congresos, seminarios ou semellantes, onde só aparecen homes. Hai uns días chegounos información dunhas xornadas universitarias galegas en que só participaban “expertos”. É certo que había unha muller, mais non, precisamente, en calidade de experta, dado que só moderaba. Asemade, nalgúns centros do sistema universitario (tanto galego como español) semella que só os homes poden ser candidatos para recoñecementos públicos (véxase o que acontece, por exemplo, cando só se pensa neles para nomear aulas ou para honoris causa). Noutros casos son só as biografías dos homes, ou as obras que eles realizan, as que poden ser obxecto de estudo. E así, poderiamos seguir expoñendo exemplos.

Esta situación replícase fóra da Academia, por suposto. Pode haber mulleres ocupando espazos, mais é importante saber que lugar ocupan de verdade. Lembramos perfectamente unha xornada en que colaboraba o Concello da Coruña onde os expertos eran todos homes e na que as mulleres, unha minoría, estaban relegadas a saudar ou moderar as mesas dos devanditos expertos.

Hai que ter moito coidado coas aparencias, especialmente en temas de igualdade. Todo conta, un nome de muller visibilizado, mulleres nos tribunais e órganos de representación, mais non chega. Non debería quedarse en algo estético para a foto. Non abonda con que haxa mulleres entre “os 19”. E moito menos se a institución non está comprometida coa igualdade (ou estao só en aparencia). Por iso merecen todo o noso recoñecemento as xogadoras da selección que dixeron claramente que Rubiales é só a punta dun iceberg, que non abonda coa súa marcha e que resulta indispensable cambiar toda a estrutura patriarcal federativa.

Alén disto, a violencia patriarcal tamén xoga coas aparencias, tentando confundir e queréndonos separar (mesmo diferenciando entre feministas boas e feminista malas), para que os seus actos delitivos queden impunes e xustificados socialmente. Todo o noso apoio ás xogadoras da selección que saben de primeira man que non é suficiente con cambios aparentes e que a violencia contra as mulleres só se solucionará con cambios profundos na nosa sociedade.

 

Cristina López Villar - Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte