A Sección de Filoloxía Románica encárgase da docencia das materias relacionadas coa literatura e as linguas románicas tanto en titulacións de grao como en diferentes Mestrados (Máster Interuniversitario en Lingüística Aplicada, Máster en Literatura, Cultura e Diversidade, European Master of Lexicography). Tamén participa nos programas de doutoramento en Estudos Lingüísticos e en Estudos Literarios, ambos os dous interuniversitarios.
Os seus membros, María Dolores Sánchez Palomino (Catedrática de Universidade), Gema Vallín Blanco (Profesora Titular de Universidade) e Emiliana Tucci (profesora axudante doutora da área de Filoloxía Italiana) forman parte do Grupo de Investigación en Estudos Románicos e Comparados (ROMANYCOM), que coordina a primeira. No seu seo desenvolvéronse numerosos proxectos de investigación, autonómicos e estatais, e os seus integrantes colaboran en varios proxectos europeos. Na actualidade, a profesora Sánchez Palomino coordina a Rede de Lexicografía (RELEX), que vén obtendo financiamento da Xunta de Galicia desde o 2012 (ref. ED431D R2016/046). A profesora Vallín forma parte da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares (R2016/004).
As liñas de investigación fundamentais son: a lexicografía e a lexicoloxía, as linguas románicas en xeral e a galega en particular, a edición de textos líricos medievais, a literatura románica, e a lingua e a literatura italianas.