FORMACIÓN

O Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña (UDC) ofrece prácticas académicas externas tanto para estudantes de grao como de formación profesional, no marco de acordos de colaboración establecidos con institucións educativas.

Estas prácticas permiten que o alumnado se integre no traballo diario do laboratorio e adquira experiencia en técnicas de medición da radioactividade ambiental, preparación e análise de mostras, control de calidade, procesamento de datos e elaboración de informes técnicos, sempre baixo a supervisión de persoal investigador especializado.

O laboratorio proporciona un ambiente de formación centrado no desenvolvemento de competencias técnicas e científicas, así como habilidades relacionadas co traballo en equipo, a análise e o cumprimento dos protocolos de seguridade e calidade.

Tamén está dispoñible a posibilidade de desenvolver traballos de fin de grao e mestrado relacionados coas áreas de investigación do laboratorio.

As persoas interesadas poden solicitar información a través das canles de contacto dispoñibles nesta páxina.