II.1. Estrutura organizativa
O desenvolvemento e a xestión das prácticas externas na ETSNM estrutúranse arredor dos seguintes órganos e figuras:
- A Comisión de Prácticas Externas (CPE), como órgano encargado da planificación, coordinación, seguimento e avaliación do proceso das prácticas externas.
- O/a Titor/a Académico/a (TA), responsable da supervisión e avaliación académica do estudantado en prácticas.
- O/a Titor/a Profesional (TP), designado pola entidade colaboradora, encargado da tutela directa e supervisión das tarefas realizadas polo estudante no centro de prácticas.
- O estudantado, suxeito protagonista do proceso formativo, que deberá cumprir co proxecto e as normas establecidas.
- A Dirección da ETSNM, que velará pola correcta aplicación do Regulamento e pola integración do proceso de prácticas no SIGC.
II.2. Comisión de Prácticas Externas (CPE)
II.2.1. Composición
- A CPE estará composta por:
- O/a Subdirector/a de Organización Académica (SOA), que actuará como presidente/a.
- O/a Coordinador/a de Prácticas do Grao en Máquinas Navais (CM).
- O/a Coordinador/a de Prácticas do Grao en Náutica e Transporte Marítimo (CN).
- Cando se considere oportuno, poderán participar, con voz pero sen voto, outros membros do persoal docente, de administración e servizos ou persoas expertas do sector convidadas pola CPE.
- O/a presidente/a poderá delegar funcións noutros membros da CPE cando as circunstancias así o requiran. Un/ha dos seus membros actuará como secretario/a, encargado/a da redacción das actas e da custodia da documentación xerada.
II.2.2. Funcións da CPE
Correspóndenlle á CPE as seguintes funcións:
- Elaborar, revisar e actualizar periodicamente o Regulamento de Prácticas Externas da ETSNM.
- Captar novas empresas e institucións colaboradoras, así como renovar e manter os convenios existentes.
- Establecer os criterios de asignación de prazas, garantindo transparencia e igualdade de oportunidades.
- Designar os/as TA e aprobar as correspondencias entre estudantes, titores/as e empresas.
- Aprobar os modelos de proxecto formativo, as rúbricas de avaliación e as enquisas de seguimento e satisfacción.
- Definir a ponderación da nota final entre a avaliación do TA e do TP, revisándoa anualmente.
- Velar polo cumprimento das normas de seguridade, confidencialidade e ética profesional nas empresas colaboradoras.
- Supervisar o correcto desenvolvemento das prácticas e resolver incidencias que excedan a competencia do/a TA.
- Asesorar aos/ás TA na avaliación da memoria do estudantado, cando así o soliciten os/as TA.
- Xestionar a base de datos de empresas colaboradoras e manter o rexistro histórico de convenios.
- Promover accións de mellora continua baseadas nas enquisas e informes anuais.
- Emitir un Informe anual de seguimento das prácticas, que será presentado á Dirección e incorporado ao SIGC.
- Asesorar á Dirección da ETSNM e á Xunta de Escola nas decisións relativas ás prácticas externas.
II.2.3. Funcionamento
- A CPE terase que reunir como mínimo unha vez por curso, onde se traten os seguintes puntos:
- Planificar o ciclo anual de prácticas.
- Analizar resultados e elaborar o informe anual do anterior curso.
- Poderá reunirse tamén de forma extraordinaria por solicitude da Dirección ou da maioría dos seus membros.
- Das sesións levantarase acta asinada polo/a secretario/a e aprobada na seguinte reunión.
- As reunións poderán ser presenciais ou telemáticas, garantindo a validez das deliberacións.
II.3. Titores/as Académicos/as (TA)
II.3.1. Designación e perfil
Cada estudante terá asignado un/ha TA, membro do persoal docente e investigador da ETSNM. A súa designación será competencia da CPE, tendo en conta:
- A afinidade entre o ámbito das prácticas e a docencia ou experiencia profesional do/a titor/a.
- A distribución equilibrada de cargas docentes.
- A dispoñibilidade e aceptación voluntaria da titorización.
II.3.2. Funcións e responsabilidades
O/a TA é o/a responsable da supervisión e avaliación académica do/a estudante durante todo o proceso de prácticas. As súas funcións inclúen:
- Actuar como único representante da ETSNM ante a empresa e interlocutor/a principal do/a estudante.
- Garantir a coherencia do proxecto formativo coas competencias e resultados de aprendizaxe do grao.
- Revisar e aprobar o proxecto formativo inicial antes do inicio das prácticas.
- Coordinarse co/a TP para facer o seguimento académico e técnico, mantendo comunicación fluída.
- Realizar polo menos unha revisión intermedia das prácticas, presencial ou telemática.
- Comprobar que se está cumprindo o proxecto formativo durante o seguimento continuado.
- Resolver incidencias de carácter ordinario e comunicar á CPE aquelas de maior relevancia.
- Avaliar a memoria de prácticas, así como o cumprimento dos obxectivos formativos.
- Emitir a avaliación final académica, aplicando a rúbrica establecida pola CPE.
- Introducir a cualificación final en SIGMA e asinar a acta correspondente.
- Recoller e remitir á CPE os informes e enquisas das partes implicadas.
- Velar polo cumprimento das normas de seguridade, confidencialidade, igualdade e ética profesional durante o desenvolvemento das prácticas.
- Participar na mellora continua do Plan de Prácticas, formulando propostas de optimización.
II.4. Titores/as Profesionais (TP)
II.4.1. Designación e perfil
O/a TP será designado pola empresa ou institución colaboradora. Deberá posuír formación, cualificación e experiencia profesional axeitadas para orientar e supervisar o traballo do/a estudante no seu ámbito de actividade.
II.4.2. Funcións e responsabilidades
Son funcións do/a TP:
- Acoller ao/á estudante e facilitar a súa integración no centro de prácticas.
- Informar das normas internas da empresa, especialmente en materia de seguridade, prevención de riscos laborais, confidencialidade e protección ambiental.
- Supervisar o cumprimento do proxecto formativo, garantindo a adecuación das tarefas ao nivel académico do/a estudante.
- Asegurar que as tarefas asignadas non supoñan relación laboral nin substitúan funcións estruturais da empresa.
- Avaliar o progreso do/a estudante, emitindo o informe final conforme ao modelo oficial.
- Manter contacto co/a TA, informando de incidencias, atrasos ou modificacións.
- Facilitar un entorno de aprendizaxe e orientación profesional.
- Cumprir coa confidencialidade dos datos académicos do estudante e coas normas de protección de datos da UDC.
- Cubrir as enquisas de valoración e satisfacción establecidas pola ETSNM.
- Cooperar co TA e coa CPE na mellora continua do programa de prácticas.
- Respectar e promover os principios de igualdade, diversidade e dignidade recollidos neste Regulamento.
II.5. Obrigas do estudantado
O estudantado deberá:
- Participar nas sesións informativas previas e seguir as instrucións da ETSNM.
- Cumprimentar os datos e formularios obrigatorios en TELMO e SIGMA.
- Estar cuberto polo seguro de accidentes e responsabilidade civil contratado pola UDC.
- Cumprir coas normas de ética, seguridade, confidencialidade e prevención de riscos da empresa.
- Desenvolver con responsabilidade as tarefas asignadas e acadar os obxectivos formativos.
- Informar ao/á TA o grao de cumprimento dos obxectivos das súas prácticas externas.
- Elaborar a memoria de prácticas conforme ao modelo oficial nos prazos establecidos.
- Cumprimentar a enquisa final de avaliación e entregar a documentación nos prazos establecidos.
- Informar ao/á TA de calquera incidencia relevante.
- Non abandonar o centro de prácticas sen autorización expresa do/a TA e do/a TP.
- Respectar os principios de igualdade, diversidade, respecto e convivencia establecidos neste Regulamento e nos valores da ETSNM e da UDC.
II.6. Criterios de asignación de prazas
- A CPE establecerá anualmente os criterios obxectivos de asignación de prazas, que serán publicados antes do inicio do proceso de solicitude.
- Estes criterios garantirán os principios de transparencia, mérito, capacidade e igualdade de oportunidades, conforme aos valores da Universidade da Coruña e da ETSNM.
- Poderán considerarse, entre outros, os seguintes criterios específicos de asignación:
- Expediente académico do estudante.
- Número de materias pendentes para completar o grao.
- Dispoñibilidade temporal para incorporarse á práctica no momento en que xurda a oportunidade.
- Preferencia polo tipo de prácticas (a bordo ou en terra) indicada polo/a estudante e, no caso das prácticas a bordo, pola tipoloxía de buque ou ámbito operativo que mellor se axuste ao seu perfil formativo e dispoñibilidade de prazas.
- Certificados profesionais obrigatorios (STCW, seguridade, prevención de riscos, etc.), cando sexan requisito do posto.
- Adecuación do perfil do estudante á praza ofertada, considerando se se require alumnado do GNTM ou do GMN, e outros condicionantes específicos da empresa (por exemplo, residencia próxima ao centro de traballo, coñecemento dun idioma determinado ou requisitos técnicos concretos, etc).
- Cumprimento de prazos e documentación no proceso de solicitude.
- Nivel de idioma estranxeiro cando a práctica se desenvolva en contornos internacionais.
- Recomendación do/a TA, cando existan motivos pedagóxicos, formativos ou de outra índole.
- A CPE poderá reservar prazas para:
- Programas de mobilidade internacional.
- Convenios institucionais con prazos ou requisitos específicos.
- Situacións persoais ou académicas xustificadas (necesidades especiais, adaptación curricular, etc.).
- As asignacións publicaranse mediante resolución da CPE e serán vinculantes, agás causas xustificadas debidamente acreditadas.
- En casos excepcionais (renuncia da empresa, cancelación da praza ou imposibilidade sobrevida), a CPE poderá reaxustar a asignación garantindo, na medida do posible, a igualdade de oportunidades e o mantemento das condicións académicas.
- As prazas de prácticas externas que teñan vinculación directa con materias curriculares terán carácter preferente para o estudantado matriculado nelas.
- Terán prelación, en todo caso, as prácticas curriculares sobre as extracurriculares.
- As prácticas extracurriculares poderán ofertarse unicamente cando existan prazas vacantes non cubertas polo estudantado con dereito a prácticas curriculares.
- A CPE poderá reservar un número limitado de prazas específicas para prácticas extracurriculares, sempre que isto non prexudique a cobertura das prazas curriculares.
- As listaxes de asignación deberán identificar claramente a modalidade de práctica (curricular ou extracurricular) e conservarase rexistro de todas as adxudicacións no expediente do estudante.
- A CPE manterá un rexistro histórico de asignacións que sirva de referencia para o control da equidade e mellora continua do proceso.
II.7. Principios e valores institucionais aplicables ás prácticas externas
- Todas as partes implicadas, a ETSNM, a CPE, os/as TA e TP, o estudantado e as entidades colaboradoras, deberán respectar e promover os principios e valores fundamentais da Universidade da Coruña e da ETSNM, especialmente en materia de igualdade, convivencia e responsabilidade social.
- En particular, deberán observarse os seguintes principios reitores:
- Non discriminación. Garantir un acceso e desenvolvemento das prácticas en igualdade de condicións, sen discriminación por razón de xénero, identidade ou expresión de xénero, orientación sexual, orixe, idade, discapacidade, crenza, ideoloxía ou calquera outra condición persoal ou social.
- Respecto á dignidade das persoas. Promover un trato imparcial, deferente e considerado a todas as persoas implicadas no proceso de prácticas, evitando calquera forma de acoso ou trato vexatorio.
- Diversidade e inclusión. Recoñecer e valorar a diversidade presente na comunidade universitaria e nos ámbitos profesionais onde se desenvolvan as prácticas, fomentando contornas de aprendizaxe abertos e inclusivos.
- Igualdade de oportunidades. Garantir que os procesos de asignación, seguimento e avaliación das prácticas se realicen con criterios obxectivos e non discriminatorios.
- Seguridade e saúde laboral. Velar polo cumprimento estrito das normas de prevención de riscos laborais e protección ambiental, tanto nas instalacións da UDC como nas entidades colaboradoras.
- Confidencialidade e ética profesional. Respectar a información sensible ou reservada das empresas, así como os datos persoais do estudantado e do persoal implicado.
- Responsabilidade institucional. Representar con profesionalidade á ETSNM e á Universidade da Coruña, contribuíndo á súa imaxe pública e reputación ética.
- O incumprimento destes principios poderá dar lugar á revisión das condicións da práctica e, se procede, á adopción das medidas disciplinarias ou correctoras previstas pola normativa vixente da Universidade da Coruña.