Elena Madinabeitia Mancebo

Elena Madinabeitia é Doutora en Neurociencias, con firme vocación tanto á investigación como á docencia.

Licenciada en Ciencias da Actividade Física e Deporte pola Universidade da Coruña (2013) con premio extraordinario fin de carreira. Co Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas con especialidade en Educación Física, obtido en 2015 pola mesma universidade, adquiriu unha sólida base académica.

Beneficiaria da axuda de apoio á etapa pre-doutoral da Xunta de Galicia en 2016, e en paralelo ao desenvolvemento da súa tese, impartiu docencia nas prácticas dos graos de Fisioterapia e Terapia Ocupacional das Facultades de Fisioterapia e de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña.

Para ampliar os seus coñecementos no estudo da fatiga, en 2018 realizou unha estadía pre-doutoral na ETH Zürich University, grazas á obtención das axudas para estadías pre-doutorais Inditex-UDC, para familiarizarse coa técnica de electroencefalografía (EEG) e poder aplicala en futuros estudos.

Completa a súa formación realizando cursos de formación e especialización de forma continuada no ámbito da investigación e da innovación e mellora docente. Esta formación equilibrada entre a investigación e a docencia permítelle desenvolver unha perspectiva integral e multi-disciplinaria que, ademais de enriquecer o seu perfil profesional en ambos os ámbitos, contribúe ao seu crecemento persoal.

 

Interese científico

O seu perfil de base científica e investigadora desenvolveuse no ámbito do control motor e a neurociencia. Especializouse na fatiga motora no ser humano mediante o rexistro de variables biomecánicas, e tamén empregando técnicas de estimulación cerebral e neuromodulación non invasivas (como a TMS) e estimulación eléctrica periférica (PNS).

Recentemente, o seu interese centrouse no estudo da fatiga cognitiva, motivada pola necesidade de ampliar as bases científicas neste campo, considerado un fenómeno relevante en numerosos ámbitos, desde a saúde mental ata o rendemento laboral.

Ao ampliar as bases científicas neste campo, busca afondar na comprensión dos factores que contribúen á fatiga cognitiva (incluíndo o estrés, o sono, a carga de traballo mental e outros aspectos relacionados co estilo de vida). Ademais, reflicte a necesidade de avanzar na investigación científica para abordar este problema de maneira integral e mellorar a calidade de vida das persoas, co obxectivo non só de comprender os mecanismos que sub-xacen á fatiga cognitiva e as súas implicacións na vida cotiá, senón que tamén pretende desenvolver estratexias efectivas para previr e/ou mitigar os efectos da mesma, tanto a nivel individual como a nivel colectivo en contornas laborais e educativas, principalmente.